Pregúntaste que visitar na Costa da Morte en 10 días? Pois a continuación traémosche a resposta en detalle. Na nosa opinión, 10 días é a cantidade de tempo perfecta para descubrir o noso territorio. Aínda que sempre che imos animar a quedar máis!
Se só tes unha fin de semana, tamén redactamos un artigo para axudarche a descubrir os recunchos máis máxicos en só dous días e medio. Sempre se poderá adaptar ao tempo e ás necesidades que teñamos.
Volvendo ao tempo que temos por diante, en 10 días terás a oportunidade de percorrer as vilas da Costa da Morte, así como as nosas praias, montañas e monumentos. Este itinerario guiarate polos mellores lugares para explorar, fotografar e saborear o mellor da rexión. Agardamos que esta sexa a folla de ruta perfecta para vivir unha experiencia inesquecible.

Día 1: A Laracha e Malpica de Bergantiños
Comeza a túa viaxe no Concello da Laracha, visitando a fermosa vila de Caión. Continúa despois ata Malpica de Bergantiños.
Malpica é unha encantadora vila mariñeira onde poderás pasear polo porto, gozar das vistas ao Atlántico e probar marisco fresco nas súas tabernas. Non perdas a posta de sol desde o paseo marítimo: unha imaxe que quedará gravada na túa memoria.
Se o tempo o permite, colle un barco para visitar as Illas Sisargas, fogar de aves mariñas e rodeadas por augas cristalinas. Nestas illas atópase o faro máis ao norte da Costa da Morte.
Día 2: Ponteceso, Cabana de Bergantiños e Laxe
Diríxete cara a Ponteceso e desfruta do impresionante Esteiro do Anllóns. Dá un paseo pola ribeira e déixate abraiar polas aves. Se te achegas á zona de dunas, ten moito coidado e non as pises, xa que son fogar para moitas delas e as súas crías.
Este esteiro compárteo co Concello de Cabana de Bergantiños, seguinte na visita. Ademais da parte natural que podes ver a simple vista, recomendámosche que visites o Castro de Borneiro e o Dólmen de Dombate, para coñecer mellor os antigos poboadores da zona e o seu legado de castros e dólmenes. Noutro artigo falamos con máis detalle deste patrimonio singular.
Seguindo a estela do océano, a estrada levarate a Laxe, outra vila mariñeira que ofrece unha praia extensa perfecta para un anaco de relax. Pola tarde, aventúrate ata a Praia de Soesto, un recuncho máis salvaxe onde o vento e as ondas crean unha paisaxe preciosa.

Día 3: Camariñas
Sigue a túa viaxe cara a Camariñas, famosa polo encaixe de palillos. Visita o Museo do Encaixe e logo achégate ao impoñente Faro Vilán, un dos máis icónicos da rexión. Camiña polos sendeiros próximos para capturar vistas panorámicas dos cantís e do mar batendo contra as rochas.
Día 4: Vimianzo e Muxía
No camiño cara a Muxía, atoparás as Torres de Cereixo, no Concello de Vimianzo. Dá un paseo polos arredores e déixate sorprender polo muíño de mareas. Un pouco máis adiante, tamén poderás gozar dunha panorámica da ría nun miradoiro recentemente inaugurado.
Muxía é coñecida polo seu Santuario da Virxe da Barca, un lugar cargado de lendas e mitos. Achégate á Pedra de Abalar e á Pedra dos Cadrís, famosas polos seus poderes curativos.
Día 5: Cee e Corcubión
Diríxete ás vilas veciñas de Cee e Corcubión, onde poderás gozar dunha arquitectura típica galega e rúas empedradas. Visita a Igrexa de San Marcos e camiña polo paseo marítimo. Estas vilas son perfectas para degustar especialidades locais en restaurantes con vistas ao mar.

Día 6: Fisterra
Fai unha excursión a Fisterra e o seu faro, coñecido como a fin do mundo. Desfruta da vista do Atlántico infinito. Este é o lugar ideal para reflexionar sobre a túa viaxe e despedirte do sol cun dos solpores máis impactantes da túa vida.
Día 7: Carnota e Mazaricos
Prepárate para un día de aventura ascendendo o Monte Pindo, coñecido como o “Olimpo Celta”. A subida ofrece vistas panorámicas da costa e da ría.
Despois, achégate aos hórreos de pés máis grandes do mundo, en Carnota e Lira.
Tras isto, e se aínda che quedan forzas, recomendámosche que fagas unha pequena ruta polas Fervenzas de Mazaricos. Podes chegar case ata os seus pés en coche.
Día 8: Dumbría e Vimianzo
Ao día seguinte imos recomendarche seguir visitando fervenzas. Para iso, achégate á do Ézaro. Se tes bo tempo, aluga un kayak para chegar ata a súa mesma base.
Continuando polas terras do Concello de Dumbría, poderás ir descubrir a historia do misterioso Vákner, que se atopa no medio do Camiño de Santiago.
Volvendo cara á zona norte, pero polo interior, fai unha parada en Vimianzo. Alí poderás ver unha mostra en vivo da artesanía típica da zona nun castelo medieval con moita historia.
Día 9: Zas e Coristanco
Segues con ganas de facer rutas de sendeirismo? A Ruta da Auga no Concello de Zas é ideal para case calquera persoa. Se a fas completa, chega case aos dez quilómetros. Pero pódese axustar con facilidade a un percorrido máis curto e non ten case dificultade. Atoparás pequenas fervenzas, bancos fermosos e mesmo columpios fotoxénicos.
Para seguir descubrindo a maxia do interior da Costa da Morte, recomendámosche que leves un picnic ao Refuxio de Verdes no Concello de Coristanco. Unha zona de río preciosa, con mesas para comer e un contorno para namorarte.

Día 10: Carballo
Para pechar a túa visita pola Costa da Morte, aconsellámosche que visites Carballo, o núcleo urbano máis grande da zona. Conta cunha ruta polas ducias de murais que cobren os edificios. Aquí tamén terás a oportunidade de relaxarte no seu balneario.
Se despois dun anaco entre edificios xa botas de menos a natureza salvaxe tan característica da Costa da Morte, recomendámosche unha última visita ao mar no Espazo Natural Razo-Baldaio.
E, despois dese último paseo marabilloso, estarás preparado para volver á casa. Agardamos que con ganas de volver de novo visitar o noso pequeno paraíso.
Costa da Morte: una experiencia que deixa pegada
A Costa da Morte é un lugar de lendas e paisaxes que cativan, un recuncho de Galicia onde o tempo semella deterse e a natureza reclama o seu protagonismo. Esta rexión ofréceche a oportunidade de explorar praias, montañas e vilas mariñeiras que te conectarán coa historia e coa autenticidade de Galicia.
Sexa cal sexa a parte que máis che guste de viaxar, estamos seguros de que Costa da Morte che ofrecerá algo máxico nesa liña. Ven descubrir por que a Costa da Morte é moito máis ca un destino: é unha viaxe á alma da costa galega.
Se visitas este territorio e sobes fotos a Instagram, etiquétanos na conta @visitacostadamorte onde tamén te podes inspirar con quen xa sentiu antes a maxia deste espazo.
