Despois dun traballo nos últimos meses que comprendeu o estudo das necesidades da marca turística e o seu posterior deseño, no que estiveron involucrados tódolos axentes que conforman a CMAT, xa podemos facer pública a nosa nova imaxe corporativa.
Chama a atención de primeiras un símbolo renovado e colorido que toma distancia ca anterior imaxe empregada para representar o turismo en Costa da Morte. Esta nova proposta, alegre e moderna, pretende simbolizar a riqueza do xeodestino. As vivas liñas buscan ter unha interpretación persoal daquel que o vexa: fogos de artificio, unha ola batendo contra unha roca, os palillos para facer encaixe… O uso da cor tamén busca abarcar diferentes sentimentos e realidades presentes na Costa da Morte. Dende o azul do mar ata o laranxa dunha posta de sol, pasando polo verde que representa a natureza.
O coñecido como “logotipo” en termos técnicos, é dicir, as partes con lectura fonética; tamén cambian con respecto ao anterior deseño. Se na anterior imaxe corporativa podíamos ler “Costa da Morte. Asociación de Turismo CMAT”, o texto condénsase agora nun “Costa da Morte” cunha tipografía vistosa e un “Turismo” representado dun xeito máis sobrio. Este cambio supón un reforzo na marca, que se torna máis recoñecible; especialmente entre públicos alleos ou estranxeiros.
Esta nova imaxe corporativa que identificará o turismo en Costa da Morte de xeito rexional, nacional e internacional estará presente na nosa web, en carteis, accións publicitarias, papelería, redes sociais… e tódolos espazos nos que a marca se poida presentar. O seu deseño é obra da axencia creativa coruñesa Galo Publicidad.