Bases Legais do I Concurso Fotográfico Costa da Morte Naturalmente Salvaxe
1. Obxectivo do concurso
O obxectivo non é outro que potenciar o territorio, dando a coñecer recursos da zona ao tempo que deixamos que sexa a óptica da xente que visita estes espazos a que nos deixe ver que teñen de especial.
2. Como participar
Desde unha conta de Instagram pública, debe subirse unha foto ao muro (publicación “post”) etiquetando @visitacostadamorte e utilizando o cancelo #concursonaturalmentesalvaxe
Non hai límite de fotos para participar. Pode facerse con tantas como se queira.
A maiores, debe enviarse a fotografía en alta resolución a comunicacion@visitacostadamorte.com, xunto co Anexo I asinado. Poderás atopalo ao final desta páxina.
O feito de enviar este correo é unha aceptación explícita das bases do concurso, así como da política de privacidade de datos (apartado 7).
3. Requirimentos
A persoa participante debe ser maior de idade e debe ser a autora da foto que presenta. Non poden vulnerarse dereitos de propiedade intelectual, protección de datos nin ningún outro dereito de terceiros.
A foto ten que ser feita no territorio que abrangue a CMAT. Isto é, nalgún dos 17 Concellos que a conforman: A Laracha, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, Laxe, Malpica de Bergantiños, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas.
Descartaranse os contidos ofensivos ou que atenten contra a legalidade.
Ao entregar a foto, a persoa participante faise responsable do cumprimento destes requirimentos, sendo a única persoa responsable se existise vulneración de dereitos de terceiros.
4. Temática
A temática debe axustarse ao nome do concurso: Naturalmente salvaxe. Isto quere dicir que a fotografía presentada debe resaltar a Costa da Morte como un destino aínda por descubrir, sen masificacións.
Con esta temática búscase poñer o foco precisamente na condición natural e salvaxe da paisaxe, tanto no interior como no litoral. Flora, fauna, actividades deportivas, paisaxes idílicas… Todo cabe na fotografía sempre que evoque esa sensación de Naturalmente salvaxe.
A fotografía pode utilizar calquera técnica e formato.
5. Duración
O concurso comeza coa publicación destas bases e estenderase ata o día 30 de outubro de 2024, ás 23:59h.
6. Premios
Haberá dous premios: Premio do Público e Premio do Xurado.
O Premio do Público levarao aquela foto que a día 31 de outubro de 2024 ás 00h. conte con máis “gústame” na publicación de Instagram coa que participou.
O Premio do Xurado sairá da decisión dun grupo de profesionais da fotografía elixidos para tal efecto. Este xurado farase público antes da entrega do premio.
Os finalistas serán contactados en novembro de 2024 e publicados nas redes da CMAT.
Os premios entregaranse no IV Encontro de Turismo da Costa da Morte, que se celebrará arredor do mes de novembro de 2024.
Alí expoñeranse as tres fotografías máis votadas en Instagram e tamén as tres mellores fotografías elixidas polo xurado, das que sairá a gañadora do Premio do Xurado.
Todas as persoas finalistas serán convidadas ao IV Encontro de Turismo da Costa da Morte. Ambos premios consistirán nun diploma, un pequeno agasallo e a fotografía premiada impresa.
7. Política de privacidade e cesión de dereitos
Ao participar, a persoa participante acepta todas as bases aquí especificadas.
As fotos presentadas pasarán a formar parte do arquivo da CMAT, cedendo o autor os dereitos á asociación e podendo ser utilizadas para a promoción no territorio por parte da asociación e dos seus socios.
Desde a CMAT, comprometémonos a tratar os datos seguindo a lexislación vixente e de maneira respectuosa, só facendo público o nome das persoas finalistas da maneira na que esas persoas queiran que apareza, o Concello desde o que participan e o seu usuario de Instagram.
Se en calquera momento a persoa participante quere que rectifiquemos ou eliminemos os seus datos, só ten que enviar un correo solicitándoo a comunicacion@visitacostadamorte.com