Polos anos vinte do pasado século o poeta muxián Gonzalo López Abente xa consideraba o cabo Touriñán coma a punta máis occidental de Galicia, así nolo expresa nun dos seus poemas: “dedo o máis longo da galega man”.
O cabo Touriñán é unha lingua de terra agreste, na que non medra ningún tipo de vexetación arbórea por estar azoutada polo vento e o salitre, que non permiten máis plantas que un manto baixo de queiroas e toxos. A península que constitúe este promontorio introdúcese no océano en dirección noroeste e remata na punta Gaivoteira.
Toda a liña litoral desta península está constituída por unha costa rochosa e escarpada, con pronunciados cantís, sobre todo na zona máis achegada ao faro, e perigosos baixos, que actúan como verdadeiras trampas para as embarcacións que naveguen por esta zona. De todos eles, o máis coñecido e de maior risco é a Laxe de Touriñán, a uns tres cuartos de milla ao oeste desta punta, no que se produciron numerosos naufraxios.
No lado oeste sitúase o Herboso ou Castelo, un pequeno illote separado de terra por un coído, ao que se pode acceder de marea baixa. O seu nome fai referencia ao un posible asentamento castrexo que houbo neste lugar. Tamén nesta parte oeste se sitúa o faro, do que existen dous edificios: o faro antigo e a torre do actual.
No Plan General de Alumbrado Marítimo de 1847 recollíase a idea de instalar un faro de primeira orde no cabo Touriñán en lugar do cabo Fisterra, argumentando que entre A Coruña e Fisterra debería haber dúas referencias principais de sinais marítimas, unha nas illas Sisargas e outra nesta punta de Muxía, pero esta idea inicial desbotouse e ese faro de primeira construíuse en Fisterra, deixando un de cuarta clase para Touriñán.
O proxecto do primitivo faro elaborouno Adolfo Pequeño, un dos enxeñeiros que deseñara o novo Vilán. Nel recóllese a construción dun sinxelo edificio de planta rectangular de 14 m de lado con perpiaño nas aberturas e o resto pintado de branco. No tellado sobresae unha pequena torre no centro, rodeada por un balcón con varandas de ferro, onde se instalará unha lanterna de cristais planos e montantes verticais, cun aparello óptico aproveitado do antigo faro Vilán.
Entrou en funcionamento a finais de 1898, sendo un dos últimos faros de Galicia construído no século XIX. Emitía unha luz branca cun alcance de 10 millas, producida por unha lámpada Mares de parafina. No ano 1918 reformóuselle a óptica e instalóuselle unha nova lámpada que funcionaba con vapor de petróleo a presión e tiña un alcance de luz de 20 millas. En 1981 construíuse a torre cilíndrica de formigón do novo faro, que funciona cunha lámpada eléctrica de 1500 vatios e proxecta a luz a unha distancia de 24 millas.
Cabo Touriñán é a punta máis occidental da España continental (Coordenadas: 43o 03’ 20’’ lat. N e 9º 17’ 54’’ lonx. O). Hai dúas épocas no ano que neste promontorio se pon o último raio de sol de Europa. A primeira, entre o 21 de marzo e o 23 de abril e a segunda, entre o 13 de agosto e o 22 de setembro, segundo un estudo realizado polo físico baiés Jorge Mira Pérez. Touriñán toma o relevo de cabo Roca, en Portugal, e cédello ao cabo Vardetangen, en Noruega. Tal feito supón un atractivo máis para visitar este extremo máis occidental de Galicia.