Semana Santa 2026 na Costa da Morte: qué facer en cada concello

Descubre que facer na Semana Santa 2026 na Costa da Morte cun percorrido polos 17 concellos do destino: tradición, eventos, gastronomía, paisaxes atlánticas, vilas mariñeiras e plans imprescindibles para unha escapada inesquecible en Galicia.
Semana Santa Costa da Morte, qué facer en cada concello

A Semana Santa 2026 na Costa da Morte é unha das mellores épocas do ano para descubrir este recuncho atlántico de Galicia. A finais de marzo e comezos de abril, a comarca combina tradición, celebracións relixiosas, grandes eventos culturais, paisaxes espectaculares, vilas mariñeiras con moito encanto e unha gastronomía que sabe aínda mellor na primavera. Aquí a viaxe non se limita a visitar lugares: vívese entre faros, praias, patrimonio, rutas, miradoiros e mesas nas que o mar segue mandando.

Ademais, esta Semana Santa chegará marcada por algúns dos grandes reclamos do destino. Un deles será a XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas, unha cita imprescindible que converte a vila en capital da artesanía e da moda durante varios días, con desfiles, grandes deseñadores, concurso de novas promesas e unha programación que transcende o local para situarse entre os eventos máis singulares de Galicia. A isto súmanse propostas culturais, patrimonio, natureza e pobos con alma que fan da Costa da Morte na Semana Santa un plan tan completo como atractivo.

Se estás buscando que facer na Semana Santa na Costa da Morte, esta guía propónche un percorrido polos 17 concellos que forman parte do destino. Nalgúns atoparás programación especial para esas datas; noutros, recunchos imprescindibles que merecen unha visita na primavera. O resultado é unha ruta moi completa para organizar unha escapada de varios días, tanto en parella como en familia ou con amizades.

Que ver e que facer na Semana Santa 2026 na Costa da Morte

Carballo

Carballo é unha magnífica porta de entrada á Costa da Morte e un bo punto de partida para unha escapada de Semana Santa. O seu dinamismo comercial, o seu ambiente urbano e a súa proximidade a algunhas das paisaxes costeiras máis atractivas do norte da comarca convérteno nunha opción moi cómoda para aloxarse ou facer parada. Nestas datas apetece especialmente combinar o ambiente da vila cunha saída cara ao mar.

Un dos plans máis recomendables en Carballo é achegarse á costa e gozar de lugares como Razo, Baldaio ou Pedra do Sal, perfectos para pasear, respirar Atlántico e descubrir unha das zonas litorais máis fermosas da comarca. É un concello moi agradecido para quen busca natureza, praia e servizos na mesma escapada.

Mercado De Carballo
Mercado de Carballo

A Laracha

Na Laracha, a Semana Santa pode vivirse entre interior e costa, con plans tranquilos e moi agradables para quen quere descubrir outra cara da Costa da Morte. É un concello que combina moi ben a proximidade a núcleos urbanos co encanto da súa fronte marítima, ideal para unha visita sen présas e con sabor local.

Se hai un lugar que destaca especialmente nestas datas é Caión, unha vila mariñeira con moita personalidade, perfecta para camiñar xunto ao mar, contemplar a costa e sentarse a gozar da gastronomía. Ademais, para quen prefira un plan máis ligado á natureza e ao descanso, a contorna da Área Recreativa de Gabenlle é outra opción moi agradable para completar a visita ao concello na primavera.

10. O río Anllóns ao seu paso pola área recreativa de Gabenlle
10. O río Anllóns ao seu paso pola área recreativa de Gabenlle

Malpica de Bergantiños

Malpica é un dos grandes clásicos para unha Semana Santa na Costa da Morte. O seu porto, a súa esencia mariñeira e a forza da paisaxe atlántica fan que sempre sexa unha parada moi apetecible. Aquí o mar forma parte de todo: das vistas, do ambiente e tamén da cociña.

Durante estes días paga moito a pena pasear pola vila, achegarse ao porto e gozar da paisaxe costeira. Tamén é un bo momento para descubrir a zona das Illas Sisargas desde terra e percorrer o litoral con calma, deixándose levar por unha das estampas máis xenuínas da costa galega.

Islas Sisargas Malpica 2
Illas Sisargas Malpica 2

Ponteceso

Ponteceso ofrece na Semana Santa unha combinación moi atractiva de tradición, paisaxe e conexión coa ría. Este concello permite gozar tanto do ambiente relixioso propio destas datas como de recunchos naturais e paseos con moito encanto, o que o converte nunha parada moi completa dentro dunha ruta pola Costa da Morte.

Na parroquia de Corme haberá ademais unha programación relixiosa destacada durante a Semana Santa 2026, con actos como o Venres das Dores o 27 de marzo ás 20:00 horas, o Domingo de Ramos o 29 de marzo ás 11:00, o Xoves Santo o 2 de abril ás 20:00, o Venres Santo o 3 de abril ás 20:30, a Vixilia Pascual o 4 de abril ás 20:00 e o Domingo de Resurrección o 5 de abril ás 11:00, ademais do septenario da Virxe das Dores desde o 20 de marzo. Para completar a escapada, tamén paga moito a pena achegarse ao Paseo da Saimia, na parroquia de Anllóns, unha fermosa paraxe de río con fervenza e muíños, ideal para un paseo fluvial tranquilo en plena natureza.

Ruta Ponte Da Garda A Saimia 2
Ruta Ponte da Garda á Saimia 2

Cabana de Bergantiños

Falar de Cabana de Bergantiños é falar dun dos grandes referentes patrimoniais de Galicia. Na Semana Santa, este concello resulta perfecto para quen quere mesturar natureza, historia e unha visita cultural de moito peso dentro da escapada. É unha desas paradas que lle dan profundidade á viaxe.

O gran imprescindible é o dolmen de Dombate, un dos monumentos megalíticos máis importantes de Galicia. Completar a visita coa paisaxe da ría e con algún paseo polo municipio converte Cabana nunha opción excelente para quen busca algo máis que mar durante a Semana Santa.

Dombate (4)
Dombate (4)

Laxe

A Semana Santa 2026 en Laxe chega cunha proposta moi atractiva para quen busca combinar tradición, cultura e mar nunha mesma escapada. Este concello ofrece durante eses días unha programación especial que vai máis alá dos actos relixiosos e que converte a vila nun lugar especialmente interesante para pasar varias xornadas con calma, gozando tanto do ambiente local como das súas actividades culturais.

Do 27 de marzo ao 5 de abril, Laxe suma plans como a apertura dunha mostra de pintura, xornadas de portas abertas no Museo do Mar, a presentación do libro A Semana Santa en Laxe: 288 anos de devoción popular, unha charla sobre a eclipse solar do 12 de agosto de 2026, unha conferencia sobre os fomentadores cataláns en Laxe, outra sobre o legado científico de Isidro Parga Pondal e un concerto de piano de Cristián Leggiero. A isto engádese o horario especial do museo, o que reforza o perfil cultural do concello durante a Semana Santa.

Máis alá dos eventos, Laxe segue sendo un deses destinos que sempre apetecen na primavera. A súa gran praia urbana, o paseo pola vila, o ambiente mariñeiro e a proximidade de lugares tan recoñecibles como o faro ou os miradoiros converten este concello nunha parada moi completa dentro da Semana Santa na Costa da Morte.

83. Praia de Traba de Laxe
83. Praia de Traba de Laxe

Coristanco

Coristanco achega á Semana Santa unha Costa da Morte máis interior, máis rural e máis pausada. É un concello ideal para quen quere afastarse un pouco do balbordo e descubrir unha Galicia de paisaxe, tradición e calma. A súa proposta non pasa tanto polos grandes eventos como polo goce do territorio.

Aquí o plan está en percorrer o municipio sen présas, deixarse sorprender polas súas paisaxes e gozar dunha escapada máis tranquila. Coristanco funciona moi ben como un lugar especial nunha ruta por Bergantiños e como parada para saborear o lado máis sereno da comarca.

Coristanco

Zas

No caso de Zas, a proposta destacada para a Semana Santa 2026 está nun dos grandes tesouros patrimoniais da Costa da Morte: as Torres do Allo. Permanecerán abertas do 28 de marzo ao 5 de abril, en horario de 11:00 a 20:00 horas, con visitas guiadas ás 13:00 e ás 17:00.

Ademais desa visita imprescindible, Zas é unha magnífica opción para quen quere descubrir o interior da Costa da Morte a través dalgunhas das súas numerosas rutas. Entre elas destacan a Ruta da Auga ou a do Río Grande, perfectas para camiñar con calma, gozar da paisaxe e completar unha xornada que combine patrimonio, natureza e tranquilidade.

Zas Xogo Pistas Torres Do Allo03
Zas xogo pistas Torres do Allo03

Vimianzo

Vimianzo é outro dos grandes nomes cando falamos de patrimonio na Costa da Morte. Na Semana Santa, este concello gózase especialmente pola súa capacidade para combinar historia, cultura e paisaxe interior, cun carácter moi recoñecible e unha visita sempre agradecida.

O gran símbolo do municipio é o Castelo de Vimianzo, pero a proposta vai moito máis alá. Vimianzo conta tamén cunha ampla oferta comercial e coa súa coñecida feira dos xoves, unha boa oportunidade para descubrir o ambiente local e atopar produtos da horta, peixes, moda e moito máis. A isto súmanse plans tan atractivos como achegarse aos Penedos de Pasarela ou descubrir o rico patrimonio megalítico do concello, que converte a visita nunha experiencia moi completa.

172bis. No monte Pindo atopamos penedos de múltiples formas
172bis. No monte Pindo atopamos penedos de múltiples formas

Camariñas

Camariñas será un dos grandes focos de atracción da Semana Santa 2026 na Costa da Morte, e seráo por partida dobre. Por unha banda, pola celebración da XXXV Mostra do Encaixe, do 1 ao 5 de abril, un dos eventos de artesanía máis importantes de toda Galicia. Pola outra, pola forza da súa paisaxe, con zonas tan impresionantes como Reira e Faro Vilán, unha das áreas máis salvaxes, fermosas e emocionantes de toda a Costa da Morte.

Se visitas Camariñas nestas datas, hai un plan que non falla: percorrer a zona de Reira e achegarse ata o maxestoso Faro Vilán, que reina sobre unha das rutas máis fermosas da Costa da Morte. Cantís, mar aberto, vento atlántico e unha sensación de inmensidade difícil de explicar converten este recuncho nunha visita imprescindible para calquera amante da natureza e das paisaxes con carácter.

Pero ademais, a Mostra do Encaixe de Camariñas converte o concello nun lugar único durante a Semana Santa. Non é só unha feira: é un gran escaparate do talento artesán e creativo, cunha pasarela de moda que destaca polos seus desfiles de grandes deseñadores e polo prestixioso concurso de novos deseñadores, no que participarán máis de 20 novas promesas da moda española coas súas propostas. É un evento verdadeiramente singular en toda España e, se che gusta a moda, o deseño e a artesanía, non o podes perder.

Camariñas Palilleira Durante Pasarela Xxx Edición Mostra Encaixe01
CAMARIÑAS Palilleira durante a pasarela XXX edición Mostra Encaixe01

Muxía

Muxía é un dos lugares máis especiais da Costa da Morte para vivir unha escapada de Semana Santa e, en 2026, suma ademais un dos plans gastronómicos e festivos máis apetecibles deses días: a XXVIII Festa do Congro, que se celebrará do 3 ao 5 de abril. A vila encherase de ambiente con degustación de congrio, charangas, música e baile social, converténdose nun reclamo perfecto para quen quere gozar do destino tamén desde a súa cociña e desde ese ambiente popular que tanto se desfruta nos pobos mariñeiros.

Pero visitar Muxía na Semana Santa é tamén achegarse a un dos recunchos máis emocionantes do litoral galego. A contorna do Santuario da Virxe da Barca, o porto, a silueta do pobo fronte ao Atlántico e a beleza da súa costa fan que calquera visita aquí teña un recordo especial. Se a iso se lle suma a Festa do Congro, Muxía convértese nunha parada imprescindible dentro da Semana Santa 2026 na Costa da Morte.

Entorno Da Virxen Da Barca En Muxía00005
Contorna da Virxe da Barca en Muxía00005

Dumbría

Se hai un lugar que moitos viaxeiros queren ver si ou si nunha escapada de primavera, ese é Dumbría. Este concello alberga un dos iconos naturais máis coñecidos da comarca e na Semana Santa adoita ser unha aposta segura para quen busca paisaxes espectaculares e unha visita moi visual.

A fervenza do Ézaro é o gran reclamo e un deses lugares imprescindibles da Costa da Morte. Completar a visita coa contorna do miradoiro e coa paisaxe do Ézaro converte a parada nun plan perfecto para quen quere natureza, fotografías inesquecibles e unha experiencia moi representativa do destino.

168. Fervenza do Ezaro 1.jpg

Cee

Cee distínguese dentro da Costa da Morte pola súa capacidade para encher a axenda de actividade cultural e, na Semana Santa 2026, volve facelo cunha proposta municipal moi marcada polos eventos organizados desde o Concello. É un dos municipios que máis destaca pola súa programación cultural nestas datas, o que lle dá un perfil moi atractivo para quen busca algo máis que paisaxe na súa escapada.

Ademais, Cee funciona tamén como unha especie de gran centro comercial da Costa da Morte, cun ambiente moi vivo e unha oferta ampla para o visitante. A súa feira semanal dos domingos é unha magnífica oportunidade para descubrir o pulso local e atopar desde artesanía e alimentación, con produtos típicos e da horta, ata moda e outros artigos. Por iso, ademais de ser unha base moi cómoda para moverse por esta parte da comarca, Cee achega vida local, compras, gastronomía e servizos, converténdose nunha parada moi completa dentro da ruta.

Mercado dominical
MERCADO DOMINICAL

Corcubión

Corcubión é unha das vilas con máis encanto de toda a Costa da Morte e unha parada ideal para unha Semana Santa con ritmo pausado. O seu casco histórico, a súa elegante relación coa ría e a beleza tranquila das súas rúas convértena nunha visita moi especial para quen goza paseando e descubrindo lugares con alma.

O mellor aquí é deixarse levar pola vila, pasear polo seu núcleo histórico e gozar desa mestura de patrimonio, calma e vida mariñeira que a fai tan singular. Corcubión encaixa moi ben nunha ruta que combine Fisterra, Cee e o resto da contorna da ría.

Ruta De Corcubión Ao Faro De Cee 6
Ruta de Corcubión ao Faro de Cee 6

Fisterra

A Semana Santa de Fisterra 2026 volverá ser un dos grandes referentes destas datas en Galicia, cunha celebración declarada de Interese Turístico e unha programación relixiosa que se estende entre febreiro e abril. Inclúe novena, triduos, peregrinación ao Santísimo Cristo, actos do Domingo de Ramos, Xoves Santo, Venres Santo, Sábado Santo, Domingo de Resurrección e Luns de Pascua, ademais das Festas do Santo Cristo en abril.

Para quen visite Fisterra nestas datas, a experiencia combina tradición, devoción, ambiente e un dos escenarios máis poderosos da Costa da Morte. O Faro de Fisterra, a vila, o porto e o peso simbólico deste final do mundo converten o concello nun dos grandes protagonistas da Semana Santa 2026 na comarca.

143. Faro Fisterra 1.jpg

Carnota

Carnota é sinónimo de espazo, luz e natureza aberta. Na Semana Santa, cando apetece camiñar, respirar e gozar da paisaxe sen aglomeracións, este concello convértese nunha opción excelente para quen busca unha escapada marcada pola costa e pola sensación de liberdade.

A praia de Carnota e o famoso hórreo son dous dos grandes imprescindibles, pero o encanto do municipio vai moito máis alá. É un lugar perfecto para enlazar mar, montaña e tranquilidade, e para descubrir unha das postais máis espectaculares da Costa da Morte.

Praia De Carnota 18
Praia de Carnota 18

Mazaricos

Mazaricos representa unha Costa da Morte máis verde, máis rural e menos evidente, ideal para quen quere descubrir o interior da comarca durante a Semana Santa. A súa paisaxe invita a baixar o ritmo e a gozar dunha Galicia serena, auténtica e moi ligada á natureza.

É un bo concello para quen quere completar a súa ruta con estradas tranquilas, contorna natural e unha sensación de desconexión real. Mazaricos achega equilibrio a unha escapada pola Costa da Morte e demostra que o destino tamén se entende desde o seu interior.

Fervenza De Chacín Mazaricos 00003
Fervenza de Chacín Mazaricos 00003

Marzo e abril, meses perfectos para saborear a Costa da Morte

Ademais de todo o que hai que ver e facer, a Semana Santa 2026 na Costa da Morte é tamén un momento excelente para gozar da súa gastronomía. Marzo e abril son meses con R, e iso en Galicia sempre é unha magnífica noticia para quen quere sentar á mesa e probar o mar no seu mellor momento. Son semanas ideais para degustar os mariscos e peixes da Costa da Morte, con produto fresco, moito sabor e toda a autenticidade dunha cociña ligada ao Atlántico.

Ademais, esta época coincide co arranque da tempada turística e hostaleira, polo que moitos establecementos volven abrir ou reforzan a súa actividade para recibir visitantes. Iso permite atopar unha oferta moi ampla de bares, tabernas, marisquerías e restaurantes onde gozar da calidade do produto local, da cociña tradicional e dunha excelente relación entre calidade e prezo. Viaxar na Semana Santa pola Costa da Morte tamén é, sen dúbida, viaxar para comer moi ben.

Pescado Fresco En Barco De Malpica 3
Peixe fresco en barco de Malpica 3

Unha ruta perfecta para vivir a Semana Santa 2026 na Costa da Morte

A gran riqueza da Semana Santa 2026 na Costa da Morte está na variedade. Hai concellos onde o peso da tradición relixiosa marca a viaxe, como Fisterra, Corme ou Laxe; outros onde a cultura municipal e a programación especial suman moito valor, como Cee; e outros onde o gran atractivo está nas súas paisaxes, no seu patrimonio ou na súa forza atlántica, como Muxía, Dumbría, Camariñas ou Carnota.

Por iso, máis que buscar un único plan, o ideal é organizar unha escapada por zonas e combinar varios concellos na mesma ruta. Así poderás descubrir faros, praias, fervenzas, castelos, pazos, vilas mariñeiras, museos, procesións, feiras, rutas e gastronomía en poucos días. Esa é, precisamente, unha das razóns polas que a Costa da Morte se converte cada primavera nun dos destinos máis suxestivos de Galicia.

Se estás pensando nunha escapada auténtica, con identidade e chea de plans diferentes, a Semana Santa na Costa da Morte é unha aposta segura. Aquí cada concello suma, cada parada ten algo que contar e cada xornada deixa ganas de seguir descubrindo o territorio.

Ademais, para coñecer mellor a programación destas datas, nesta mesma web tes dispoñible a axenda de eventos, onde se publican gran parte das actividades, celebracións e propostas que se organizan durante a Semana Santa nos distintos concellos da comarca. É unha ferramenta moi útil para completar a viaxe e non perder ningún dos plans que se celebran eses días.

Descubre la Costa da Morte en nuestro blog

Blog Costa da Morte

Que Visitar en Costa da Morte en 10 Días

Pregúntaste que visitar na Costa da Morte en 10 días? Pois a continuación traémosche a resposta en detalle. Na nosa opin...

Turismo Sostenible na Costa da Morte: Descobre sen deix...

A Costa da Morte conta cun patrimonio natural excelente, vivo e salvaxe. Por desgraza, a súa beleza non é eterna se non ...

Historias e lendas mariñeiras da Costa da Morte: mitos,...

A Costa da Morte é moito máis que un destino de natureza salvaxe e praias infinitas. A súa historia está vencellada ao m...

Consellos fotográficos para captar aves na Costa da Mor...

Hoxe imos parar a darche consellos fotográficos para captar aves na Costa da Morte. E é que a Costa da Morte é un paraís...

Descubre os Mellores Plans para a Noite de San Xoán 202...

A Costa da Morte é un destino máxico todo o ano, pero sexamos sinceros, a noite de San Xoán é a máis máxica de todas! Du...

Puntos de información turística na Costa da Morte 2025:...

¿Preparando as túas vacacións na Costa da Morte? Coa Guía 2025 de Puntos de información turística na Costa da Morte, ter...

Historias y leyendas marineras de la Costa da Morte: mi...

La Costa da Morte es mucho más que un destino de naturaleza salvaje y playas infinitas. Su historia está vinculada al ma...

DOLMEN DE DOMBATE, CATEDRAL DO MEGALITISMO GALEGO

A cultura megalítica representa un dos maiores símbolos de identidade da Costa da Morte. Ao longo do seu territorio hai ...

Museos para visitar na Costa da Morte: 11 plans cultura...

Falar da Costa da Morte é pensar en faros, praias salvaxes, cantís, gastronomía atlántica e vilas cunha personalidade ún...

Festas tradicionais na Costa da Morte: historia, cultur...

Se hai algo que define a Costa da Morte, ademais das súas paisaxes salvaxes e o seu mar indomable, é a súa forte identid...

Próximos eventos na Costa da Morte

Descubre ao instante qué actividades che agardan na Costa da Morte. Aquí atoparás unha listaxe actualizada de concertos, feiras, rutas guiadas e espectáculos que se celebran na Costa da Morte. Non te perdas ningunha cita: vive a cultura, o deporte e a tradición da nosa comarca. E se queres enterarte antes que ninguén, apúntate á nosa newsletter e recibirás todas as novidades no teu email.

  • Sábado
    21
    Marzo

    Festas de San José de ...

    O 21 de marzo de 2026, Xora celebra as súas Festas de San José cunha x...

  • Sábado
    21
    Marzo

    Unha viaxe pola histor...

    O sábado 21 de marzo de 2026, o Fogar do Pensionista de Malpica de Ber...

  • Sábado
    21
    Marzo

    Artur Ui: O ovo da ser...

    Artur Ui: O ovo da serpe chega ao Auditorio Baldomero Cores cunha prop...

Logo Cmat Color Fondo Transparente
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerte a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como reconocerte cando volves a nosa web ou axudar ao noso equipo a comprender qué seccións da web encontras máis interesantes e útiles.