O premio Embaixador da Costa da Morte distinguirá a persoas do territorio comprometidas co desenvolvemento turístico e na divulgación dos valores culturais e naturais do destino
O baiés, catedrático do departamento de física aplicada da Universidade de Santiago de Compostela, leva anos contribuíndo á divulgación do patrimonio cultural e natural da Costa da Morte, acadando importantes logros con impacto internacional.
ZAS. 24/11/2023. A Costa da Morte prepárase para acoller o agardado III Encontro de Turismo de Costa da Morte, que terá lugar o martes, 28 de novembro, ás 18:00h, no Complexo Turístico A Torre de Laxe.
Cunha previsión de máis de 130 asistentes, esta cita anual converterase nun auténtico espazo de convivencia e celebración, de intercambio de ideas, experiencias e propostas do conxunto do sector turístico da zona.
Poñerase en valor todo o traballo que se ten realizado desde os inicios da Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) e ao longo desta última anualidade, para seguir fomentando o crecemento económico e social do xeodestino a través do Turismo.
Asistirán os alcaldes, alcaldesas, representantes políticos e persoal técnico de Turismo e Cultura dos 17 concellos socios da CMAT, o tecido empresarial do sector turístico da Costa da Morte, especialmente os socios de APTCM e outras asociacións locais de Turismo e do Camiño de Santiago Fisterra-Muxía, profesionais do eido da comunicación, representantes dos Grupos de Desenvolvemento Rural e de Desenvolvemento do sector pesqueiro, tanto da Costa Sostible como da Costa da Morte, representantes do Clúster de Turismo de Galicia, do Centro Superior de Hostalaría de Galicia, da Xunta de Galicia, da Deputación da Coruña, das Universidades da Coruña e de Santiago e colaboradores habituais da CMAT no ámbito turístico, tanto de tipo empresarial, como institucional e académico.
Nesta anualidade, ponse en marcha, por vez primeira, o premio Embaixador ou Embaixadora da Costa da Morte. Este premio busca recoñecer o labor de persoas da Costa da Morte que, ao longo da súa traxectoria profesional, contribuíron positivamente ao desenvolvemento turístico do territorio, á divulgación do destino e do seu patrimonio natural e cultural, e incluso ao posicionamento do destino a nivel nacional e internacional.
A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) decide poñer en marcha o dito premio neste III Encontro de Turismo da Costa da Morte, que terá, a partir de agora, periodicidade anual no marco desta celebración, que medra cada ano e que se consolida como a gran festa do turismo do destino.
A Xunta Directiva da CMAT, presidida actualmente polo alcalde de Zas, D. Manuel Muíño, acordou, por unanimidade, conceder o primeiro premio Embaixador da Costa da Morte a D. Jorge Mira, “polo labor continuo, persistente, facilitador e altruísta que leva desenvolvendo durante anos a prol da Costa da Morte, e con claro impacto positivo no eido do turismo”. O presidente da CMAT afirma que “o seu sentido de compromiso coa nosa terra é moi visible e, alá onde vai, leva sempre a Costa da Morte”, e destaca “o seu importantísimo e imprescindible papel na consecución da certificaicón da Costa da Morte como Destino Turístico Starlight, poñendo á disposición da CMAT todo o seu coñecemento e todos os seus contactos para acadalo e, así, contribuír tanto á conservación do noso patrimonio do ceo e das estrelas, como ao posicionamento internacional da Costa da Morte como destino turístico e referente en astroturismo”.
Cómpre destacar tamén os seus estudos sobre o último solpor da Europa Continental, nos que calculou que se produce na Costa da Morte durante dous meses ao ano, e o seu labor de promoción do noso territorio a través da súa colaboración coa Axencia Turismo de Galicia no proxecto “Alén do Solpor”. Este é un proxecto na Costa da Morte de carácter sostible e con gran capacidade de desestacionalizar a demanda do turismo que chega a Galicia, que está xa nas principais feiras turísticas internacionais, e que pon en valor a natureza e o patrimonio do noso territorio. O último logro acadado grazas ao seu impulso é a conexión entre Fisterra e Nachikatsuura (prefectura de Wakayama, Xapón), dous extremos de dous camiños de peregrinación de transcendencia mundial, como son o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo (ambos declarados Patrimonio da Humanidade pola UNESCO), establecida tamén en base a unha conxunción solar, xa que o 25 de xullo, Día de Galicia, cando o sol nace na localidade de Nachikatsuura, ponse ao mesmo tempo na Costa da Morte.
O premio será unha peza senlleira de artesanía da Costa da Morte, que cada ano será diferente, coa intención de poñer en valor e darlle visibilidade aos artesáns e artesás do territorio e ao noso patrimonio artístico e etnográfico; á que tamén acompañará un diploma conmemorativo.
Esta actividade está organizada pola CMAT e conta co cofinanciamento da Xunta de Galicia, a través dun convenio de colaboración entre Turismo de Galicia e a CMAT.
+ info: Costa da Morte Asociación Turística
Gabinete de Prensa da CMAT. 679.486.961