A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) anunciou que Marta Lado, recoñecida profesional do sector audiovisual e firme defensora da identidade e da sostibilidade do territorio, será distinguida co título de “Embaixadora da Costa da Morte 2025”.
O recoñecemento entregarase o martes 11 de novembro, durante a celebración do V Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte, que terá lugar no Pazo de Villar de Francos, en Carballo. Este galardón, de carácter anual, premia a traxectoria e o compromiso de persoas que contribúen á proxección da Costa da Morte dentro e fóra de Galicia.
Unha traxectoria comprometida coa Costa da Morte
Marta Lado, natural de Fisterra, é unha das actrices galegas con maior proxección e unha firme defensora da identidade e da beleza da Costa da Morte, territorio ao que permanece profundamente unida tanto no persoal como no profesional.
Licenciada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, a súa carreira cinematográfica consolidouse co seu papel protagonista en “Sicixia”, unha obra que reivindica as paisaxes e a cultura popular da Costa da Morte, dirixida por Ignacio Vilar. Por esta interpretación, Marta Lado recibiu o Premio á Mellor Actriz no Festival Cinespaña de Toulouse, recoñecemento que a situou entre as voces máis destacadas do audiovisual galego.
En palabras da propia Marta, a Costa da Morte é “un lugar que ten algo que non se pode explicar, unha forza e unha beleza que te atrapan”. Esa conexión coa terra reflíctese tamén nos seus proxectos culturais e educativos, nos que promove valores de respecto pola natureza, a lingua e as tradicións locais.
Ademais da súa traxectoria como actriz, Marta desenvolveu diversas iniciativas vencelladas á cultura e á creación literaria, sempre co obxectivo de poñer en valor a autenticidade e a riqueza humana do territorio.
Por todo isto, a Xunta Directiva da Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) elixiuna como Embaixadora da Costa da Morte 2025, en recoñecemento ao seu compromiso, sensibilidade e capacidade para proxectar ao mundo o carácter único desta terra.
V Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte
O martes 11 de novembro ás 18:00 h, a CMAT celebrará o V Encontro de Turismo da Costa da Morte no Pazo de Villar de Francos (Carballo). Trátase dun evento anual que promove o intercambio de experiencias entre profesionais, administracións e entidades vinculadas ao desenvolvemento económico e social do xeodestino.
Nesta edición, ademais da entrega do recoñecemento á Embaixadora da Costa da Morte 2025, o programa incluirá mesas de debate e relatorios centrados na colaboración público-privada, a innovación e os novos retos do turismo sostible.