A CMAT – Costa da Morte Asociación Turística presentou esta mañá na Casa da Cultura de Corcubión a nova unidade didáctica dixital sobre a Costa da Morte, unha ferramenta educativa creada para achegar o territorio ás novas xeracións.
O acto reuniu a representantes institucionais, equipos directivos e profesorado dos centros educativos do territorio nun encontro que serviu para dar o primeiro paso do novo proxecto educativo impulsado pola CMAT. Unha iniciativa coa que a entidade busca fortalecer a colaboración entre o territorio e os centros educativos, promovendo entre o alumnado o coñecemento da súa contorna, da súa cultura, da súa natureza e da súa identidade colectiva.
A unidade didáctica, desenvolvida pola empresa GOODLIFE Consultores, está especialmente orientada ao último ciclo de Educación Primaria, aínda que tamén pode empregarse noutros niveis educativos de maneira flexible. O recurso permite traballar de xeito transversal e contextualizado diferentes contidos curriculares a través de actividades interactivas, vídeos, mapas, xogos e pequenos proxectos de investigación, que permiten ao alumnado descubrir a Costa da Morte dunha maneira dinámica, próxima e participativa.
Ao longo da unidade trabállanse aspectos como a natureza e os ecosistemas do territorio, o mar e os oficios mariñeiros, o patrimonio histórico, as tradicións, os museos, a lingua galega ou as lendas e a espiritualidade da Costa da Morte. Todo iso cun obxectivo claro: que os nenos e nenas coñezan mellor o lugar no que viven e se convertan nos mellores embaixadores do territorio.
Desde a CMAT destacouse que este proxecto nace da convicción de que “non se pode valorar nin defender aquilo que non se coñece”, e da vontade de pór a dispor da veciñanza todo o que existe, non só no seu concello, tamén no resto da comarca. Por iso, a unidade busca tamén descubrir a Costa da Morte como un territorio compartido, diverso e conectado.
A unidade didáctica foi realizada ao abeiro da subvención da Deputación da Coruña, cuxa colaboración institucional foi destacada durante o acto como fundamental para facer realidade este primeiro recurso educativo.
Ademais, desde a entidade lembraron que este será só o inicio dun proxecto máis amplo, xa que a CMAT contará tamén con financiamento procedente dos GALP para desenvolver novas unidades didácticas vinculadas ao mar, ás artes de pesca, ás especies mariñas e á conservación do litoral.
Co obxectivo de facilitar a asistencia dos centros educativos de toda a comarca, a CMAT realizará unha segunda presentación dirixida aos centros do norte da Costa da Morte este xoves ás 11.00 horas nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, en Carballo.
Desde a asociación subliñaron que este proxecto busca converter a educación nunha ferramenta fundamental para seguir construíndo futuro no territorio, facendo que os máis novos descubran, valoren e sintan orgullo da Costa da Morte.