A Costa da Morte xa conta cun videoxogo propio. Costa da Morte Runner é unha nova proposta dixital que convida a percorrer o territorio a través dunha aventura inspirada nos videoxogos arcade clásicos, cunha estética retro baseada no pixel art.
O proxecto, impulsado pola Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), foi presentado no Fórum Carballo coa participación do seu creador, o informático vimiancés Martín Caamaño, membros da entidade e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira.
O videoxogo permite percorrer os 17 concellos do xeodestino Costa da Morte a través de 27 vilas e localizacións. Ao longo da aventura aparecen paisaxes, monumentos, personaxes, episodios históricos e lendas vinculadas ao territorio, convertendo o xogo nunha forma diferente e entretida de achegarse ao patrimonio da Costa da Morte.
Eustaquio, protagonista da aventura
O protagonista é Eustaquio, un personaxe inspirado na imaxe da marca Costa da Morte Death Coast. Durante o seu percorrido deberá superar obstáculos, completar desafíos e enfrontarse a diferentes personaxes lendarios para conseguir rescatar a princesa Mía.
O xogo incorpora elementos relacionados coa identidade da comarca, como o surf, o Camiño, os oficios tradicionais, a gastronomía, os naufraxios, os castelos e numerosas lendas locais. Entre os escenarios e referencias presentes atópanse lugares como Malpica, Ponteceso, Corme, Carballo, Laxe, Camariñas, Vimianzo, Muxía, Dumbría, Cee, Corcubión ou Fisterra.
Unha nova forma de promocionar a Costa da Morte
Esta iniciativa emprega o entretemento e as novas tecnoloxías como ferramentas para divulgar a riqueza natural, cultural e histórica do territorio. O formato permite conectar especialmente co público máis novo, pero tamén coas persoas afeccionadas aos xogos retro e con todas aquelas que desexen descubrir a Costa da Morte desde unha perspectiva diferente.
Costa da Morte Runner é gratuíto e pode utilizarse directamente desde o navegador en teléfonos móbiles, tabletas e ordenadores, sen necesidade de instalar ningunha aplicación.
