A Costa da Morte Asociación de Turismo (CMAT) retomou esta semana as reunións presenciais nos concellos que non forman parte da súa Xunta Directiva, co obxectivo de achegar a xestión da asociación aos alcaldes e alcaldesas do territorio que non formaron parte recentemente deste órgano de goberno.
A Xunta Directiva continuou a traballar durante os meses de xullo e agosto, en distintas cuestións, entre elas, definiuse a nova implantación de contadores de uso nos diferentes concellos, que se realizará de maneira progresiva nos 17 municipios, comezando por catro instalacións durante esta anualidade. Tamén se traballou na sensibilización e comunicación arredor do eclipse do 12 de agosto, na próxima campaña audiovisual da asociación, no estudo sobre a posible implantación dunha taxa turística e no reparto de material promocional entre os concellos para a tempada estival.
Foi este pasado mércores, 2 de setembro, cando a comitiva da CMAT continuo coa súa folla de ruta de extender a súa xestión por todo o territorio, desprazándose, nesta ocasión, ao Concello de Fisterra, onde foi recibida polo alcalde, Luis Ínsua. Durante o encontro abordáronse diferentes asuntos relacionados coa actividade e os proxectos da asociación, entre eles, o estado dos proxectos GALP obtidos, os seguintes pasos para a análise do turismo de autocaravanas no territorio, e a posta en valor de asuntos relevantes para o territorio como o seu patrimonio megalítico e a promoción do Camiño do Litoral impulsado pola Xunta de Galicia ao seu paso pola Costa da Morte.
A reunión serviu tamén para comezar a definir os trámites necesarios para a organización do VI Encontro de Turismo Anual da Costa da Morte, unha das principais citas da asociación, que terá lugar o vindeiro mes de novembro e que cada ano reúne ao sector turístico e ás entidades do territorio.
Ao retomar as reunións presenciais, a CMAT busca reforzar a comunicación directa cos concellos, coñecer de primeira man as súas necesidades e facilitar unha maior coordinación entre os diferentes municipios que integran o xeodestino Costa da Morte.
A asociación afronta agora o tramo final do ano, no que continuará avanzando nos proxectos e accións xa en marcha, ao tempo que se centrará no peche das iniciativas previstas para 2026 e na preparación do próximo Encontro de Turismo Anual da Costa da Morte.

