Aproveitando a celebración da xuntanza, a entidade mantivo tamén unha reunión de traballo co vicepresidente da Asociación Galega de Autocaravanas (AGA) co obxectivo de analizar a situación actual do turismo de autocaravanas na Costa da Morte e avanzar cara a unha postura común entre os distintos concellos do territorio.
O presidente da CMAT abriu o encontro trasladando que a cuestión das autocaravanas é unha preocupación que diferentes concellos levan tempo poñendo sobre a mesa dentro da asociación, especialmente pola necesidade de unificar criterios e actuacións no conxunto do territorio. Neste sentido, amosou a total disposición da CMAT a traballar da man do sector para “detectar os problemas e buscar solucións conxuntas”, incidindo na importancia da colaboración entre os municipios e os propios usuarios, favorecendo este tipo de turismo dun xeito ordenado e organizado.
Pola súa banda, o vicepresidente da AGA explicou que unha das principais dificultades detectadas polo colectivo é a falta de áreas específicas para autocaravanas, así como a limitada capacidade dos concellos para controlar o cumprimento das normativas e regulacións xa existentes.
Desde a asociación galega insistiron ademais en que eles mesmos son os primeiros interesados en que se respecten as normas, evitando comportamentos incívicos que poidan provocar unha imaxe negativa da súa práctica. Neste sentido, defenderon o autocaravanismo como un turismo con capacidade desestacionalizadora, con impacto económico no territorio e cun perfil cada vez máis vinculado á calidade e ao respecto polo destino.
O encontro serviu como primeiro punto de partida para revisar a relación da Costa da Morte co turismo de autocaravanas e analizar posibles vías de mellora adaptadas á realidade territorial dos 17 concellos que integran a CMAT.
Como seguinte paso, ambas partes acordaron manter futuras reunións de traballo co obxectivo de avanzar cara a un documento marco que poida servir de referencia aos concellos á hora de establecer regulacións e criterios o máis homoxéneos posibles en todo o territorio.

