O acto arrancou coa benvida institucional por parte do presidente da CMAT e alcalde de Zas, Manuel Muiño, que reiterou a importancia de dar continuidade a este proxecto para a Costa da Morte, e agradeceu a colaboración tanto da Xunta como da Deputación con este territorio. A continuación tomaron a palabra Carmen Pita, Directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia; Xosé Luis Penas, Deputado Provincial de Patrimonio; e Cesáreo Pardal, Presidente do Clúster Turismo de Galicia. Todos eles resaltaron a importancia do traballo en rede de todas as administracións públicas xunto ás entidades privadas do sector turístico para fortalecer a competitividade e a sustentabilidade do destino.
O proxecto SICTED, impulsado pola Secretaría de Estado de Turismo, busca mellorar a experiencia turística a través da aplicación de estándares comúns de calidade en todo o destino. Na Costa da Morte, esta iniciativa está coordinada a través da CMAT, os concellos participantes e a Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), coa colaboración da Deputación da Coruña.
Antes da entrega de diplomas, Emilio Cuiñas, director de Autoxiro e consultor SICTED, aproveitou para recoñecer o esforzo dos empresarios e empresarias que superaron a formación a pasada anualidade, e para adiantar a planificación cronolóxica do SICTED Costa da Morte para 2025.
Por último, Pepe Formoso, presidente da Asociación de Profesionais e Empresarios do Turismo da Costa da Morte (APTCM), clausurou o acto cun discurso no que destacou o esforzo conxunto e a colaboración do sector privado como motor para impulsar e promocionar o valor turístico da Costa da Morte.
Durante o acto, recoñeceuse o labor de 35 empresas e entidades da Costa da Morte que apostan pola mellora continua da calidade nos seus servizos turísticos:
- HOTEL SPA PLAYA LANGOSTEIRA (Fisterra)
- CASA VILAVERDE (Coristanco)
- HOTEL MEIGA DO MAR & SPA (Carnota)
- HOTEL SEMPRE FISTERRA (Fisterra)
- HOTEL BOUTIQUE MAR DO ÉZARO (Dumbría)
- CASA JURJO (Mazaricos)
- A CASA DA ESTRELLA (Cabana de Bergantiños)
- NACHO PORTO (Carnota)
- CASA DE LEMA (Muxía)
- LIRESCA (Cee)
- MUSEO DE MAN DE CAMELLE (Camariñas)
- MUSEO ETNOLÚDICO DE GALICIA (Ponteceso)
- HOTEL A TORRE DE LAXE (Laxe)
- CENTRO ARQUEOLÓXICO DO DOLMEN DE DOMBATE (Cabana de Bergantiños)
- STOUPA (Cee)
- ENCAIXES LUCITA (Muxía)
- MUSEO DO ENCAIXE DE CAMARIÑAS (Camariñas)
- ISLOW COLIVING (Laxe)
- OFICINA DE TURISMO DE FISTERRA (Fisterra)
- CASANOSA (Cee)
- NÁUTICO DE RAZO (Carballo)
- A CASA DA CANLE RESTAURANTE (Vimianzo)
- CLUB DEL MAR (A Laracha)
- RESTAURANTE A LAREIRA (Zas)
- OFICINA MUNICIPAL DE INFORMACIÓN TURÍSTICA (Muxía)
- RESTAURANTE O CENTOLO (Fisterra)
- HOTEL OCA INSUA (Cee)
- CABANAS DE CANDUAS (Cabana de Bergantiños)
- TORRES DO ALLO (Zas)
- RESTAURANTE INSUA (Cee)
- BAR RESTAURANTE IL MOLINO (Coristanco)
- RESTAURANTE CASA SABINA (Vimianzo)
- RESTAURANTE MESON DO PULPO (Carballo)
- A MARINA DE CAMARIÑAS (Camariñas)
- MACCMO (Ponteceso)
Con esta entrega de diplomas, a Costa da Morte dá un paso máis na consolidación dun modelo turístico baseado na excelencia, na colaboración e no respecto polo territorio. Nas próximas semanas comunicarase o novo período de inscrición para as entidades que se queiran adherir nesta anualidade ao SICTED, xunto con toda a información sobre os cursos dispoñibles e o procedemento.

