ZAS, 03/06/2024. A Asociación de Turismo da Costa da Morte (CMAT) organiza, coa colaboración do Concello de Cabana de Bergantiños e o apoio da Deputación da Coruña, unha xornada informativa para concienciar sobre o problema da contaminación luminosa. O evento celebrarase entre as 19:30 e as 21 horas do mércores 12 de xuño no Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños.
Presentacións, casos prácticos e mesa redonda
O evento contará con diferentes relatorios para contextualizar sobre a problemática e expoñer casos prácticos de medidas que poden axudar a reducir a contaminación luminosa. Durante o acto, participarán persoas de renome no eido como Susana Malón, CEO de Lumínica Ambiental; Jorge Mira, Catedrático de Física Aplicada da USC; ou Jesús Andrés Castellot, Responsable de Servizos Enerxéticos da empresa Ingesan.
Para finalizar a xornada, farase unha mesa redonda sobre as oportunidades que o Astroturismo ofrece para a Costa da Morte como Destino Starlight, na que participarán o propio Jorge Mira; Marta Rodríguez, da Secretaría técnica da CMAT e José Muíño, Alcalde de Cabana de Bergantiños.
Ao rematar a xornada, haberá un pequeno cóctel que servirá como espazo para o intercambio de ideas entre asistentes e persoas participantes.
O Astroturismo, unha gran oportunidade para a Costa da Morte
Este evento, organizado para alcaldes e persoal convidado polos concellos, enmárcase dentro dun ano importante para a Costa da Morte como Destino Starlight, xa que será a sede do VII Encontro Internacional Starlight organizado pola Fundación Starlight. Será unha oportunidade para seguir achegando información sobre as oportunidades e os retos do Astroturismo.
PROGRAMA DA XORNADA SOBRE CONTAMINACIÓN LUMINOSA
Mércores 12 de xuño de 2024, ás 19:30h no Centro de Interpretación, Dolmen de Dombate; C.P 15119. Concello de Cabana de Bergantiños. A Coruña
- 19:30h Acomodo dos participantes, relatores, etc.
- 19:45h Benvida e presentación da xornada por parte de D. Manuel Muíño, Presidente da Costa da Morte Asociación Turística CMAT (5 mins)
- 19:50h Contextualización da xornada por parte de D. Jorge Mira, Catedrático de Física Aplicada da USC (10 mins)
- 20:00h Casos prácticos e alumeado sostible, por parte de Dna. Susana Malón, CEO de Lumínica Ambiental (15 mins)
- 20:15h Proxectos de alumeado público, xestión e financiamento, por parte de Jesús Andrés Castellot, Responsable de Servizos Enerxéticos da empresa Ingesan (15 mins)
- 20:30h Mesa redonda “Costa da Morte, Destino Starlight. Oportunidades para o Astroturismo” (15 mins). Participan:
- D. Jorge Mira, Catedrático de Física Aplicada da USC
- Dna. Marta Rodríguez, da Secretaría Técnica da Costa da Morte Asociación Turística (CMAT)
- D. José Muíño, Alcalde de Cabana de Bergantiños
- 20:45h Peche da xornada por parte de D. José Muíño Domínguez
- 21:00h Cóctel e intercambio de ideas