Este domingo, día 18, remata o prazo para presentar webseries á sección oficial do Carballo Interplay, que se celebrará do 4 ao 7 de abril e repartirá máis de 5.000 euros en premios. O festival anunciou tamén que nesta quinta edición haberá unha xornada profesional coa presenza de plataformas de difusión de contido dixital, festivais de series web e asociacións do sector
O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay continúa anunciando novidades para a súa quinta edición, que terá lugar a primeira semana de abril. O Campamento Kamikaze ofrecerá -os días 2, 3 e 4 de abril, nos días previos ao festival- unha “experiencia audiovisual extrema” ás 24 persoas participantes, que se enfrontarán ao reto de idear, gravar e posproducir unha serie en tres xornadas de traballo intenso. “Trátase”, asegura Sonia Méndez, directora do festival, “de aprender facendo e traballando man a man con profesionais como David Sainz, Teresa Segura, Enrique Lojo, Óscar Cruz, Jorge Boquete, Anxos Fazáns, Silvia Fuentes e Lucía Catoira”.
O Campamento Kamikaze está dirixido a estudantes, profesionais do audiovisual e creadores/as de contidos dixitais para internet. Serán tres días de convivencia e creatividade na contorna da praia de Razo e a serie resultante presentarase na apertura do V Carballo Interplay. As persoas interesadas en participar deben preinscribirse na web do Carballo Interplay, cubrindo un sinxelo formulario no que indicarán a que se dedican e que labor lles gustaría realizar no campamento. O prezo é de 150 euros e inclúe aloxamento e pensión completa para todos os días da actividade no Raz Surf Camp. O equipamento deberá achegalo o propio alumnado.
Remata o prazo para presentar series a concurso
Este domingo, día 18, remata o prazo para presentar series á sección oficial do Carballo Interplay e optar aos máis de 5.000 euros en premios que repartirá o Festival. As webseries participantes, que deben ser producidas entre os anos 2016 e 2018 e ter un mínimo de 3 capítulos emitidos no momento de inscrición, poden ser de calquera duración, temática, xénero, de imaxe real ou animación, nacionais ou internacionais. Entre as webseries recibidas, un xurado composto por profesionais do mundo das webseries, do audiovisual e da cultura, así como de representantes de asociacións profesionais relacionadas co sector premiará a mellor webebserie, a mellor webserie internacional e a mellor webserie en versión orixinal en galego con 800 euros e trofeo, para cada categoría. A escolla do público, pola súa banda, levará 400 euros e trofeo. A mesma contía recibirá a webserie gañadora do premio do xurado novo, que nace nesta quinta edición do festival. Tamén haberá un premio ao mellor guión outorgado por AGAG e un premio á mellor dirección outorgado por CREA, dotados con 200 euros e trofeo. Finalmente, entregaranse cadanseu trofeo á mellor actriz e ao mellor actor.
Unhas semanas máis para presentar proxectos
As persoas que non teñan unha serie producida, pero que si vontade de crear unha, teñen un mes máis para darlle forma ao seu proxecto e presentalo ao premio a proxectos de webserie en galego. Este premio, que ten por obxectivo a incentivación e o fomento da creación e a difusión de contidos audiovisuais orixinais en lingua galega en internet, ten unha dotación económica de 1.500 euros e deberá destinarse exclusivamente á produción de, polo menos, tres vídeos da webserie do proxecto premiado.
O prazo para presentar proxectos remata o 18 de marzo e non hai ningún tipo de restrición de temática, de xénero, de estilo ou de persoas destinatarias, simplemente deben ser creacións audiovisuais pensadas para seren publicadas e difundidas a través de internet e mediante capítulos, episodios ou partes (como mínimo tres). O galardón resolverase cun pitching en directo durante o festival e a serie resultante proxectarase na sexta edición do festival.