A Costa da Morte foi protagonista este xoves en FITUR coa presentación oficial da súa campaña “COSTA DA MORTE: DONDE LA TIERRA HABLA Y EL CIELO RESPONDE”, nun acto que reuniu a representantes institucionais e profesionais do sector no stand de Galicia.
A presentación correu a cargo de José Manuel López, presidente da Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), quen deu a benvida ás persoas asistentes e puxo en valor o xeodestino como un territorio auténtico e con identidade propia, cunha forma única de entender o turismo e cunha aposta clara por un modelo sostible e coherente co que a Costa da Morte é: “Apostamos por un modelo de turismo respectuoso e sostible, onde a paisaxe, o patrimonio e as persoas van da man”.
Durante a súa intervención, o presidente da CMAT destacou que esa identidade non é un concepto abstracto, senón algo que se constrúe cada día a través da relación das persoas co territorio, da súa historia, da súa cultura e da súa forma de vivir e expresarse. Unha identidade que se percibe na forza da paisaxe, no seu patrimonio, na tradición mariñeira, na gastronomía, na hospitalidade e tamén na maneira de falar e de contar o territorio.
Neste sentido, puxo en valor a campaña como unha aposta por amosar a Costa da Morte tal e como é, sen maquillaxe nin artificios, cun relato propio e diferenciado dentro do mapa turístico galego e estatal. O vídeo principal proxectado durante presentación é unha peza audiovisual que percorre distintos spots emblemáticos da Costa da Morte e que reflicte o territorio desde unha ollada honesta e próxima: coa forza da súa paisaxe, coa súa diversidade natural e patrimonial e, especialmente, coa voz real da súa xente. O vídeo incorpora as intervencións de veciños e profesionais vencellados ao territorio como os xornalistas Josiño Mira e Fran Rodríguez; Tania, técnica de cultura de Zas; e Virxina, da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte, cuxas voces aportan autenticidade e reforzan a idea de que a identidade cultural tamén reside na maneira de falar, de sentir e de vivir o territorio.
Ademais o representante do xeodestino agradeceu expresamente o apoio continuado de Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, destacando o papel fundamental que ambas institucións teñen desempeñado desde a creación da CMAT para consolidar un proxecto común baseado na calidade, na identidade e na sostibilidade
A continuación interviñeron Xosé Manuel Merelles, director da Axencia de Turismo de Galicia, que destacou a calidade das accións promocionais da Costa da Morte para situarse nun lugar destacado no turismo galego, e Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña e diputado de Turismo, que coma sempre, puxo en valor ás súas xentes e como a xente que ven ao destino repite pola experiencia recibida. Así, ambos puxeron en valor o traballo desenvolvido pola CMAT e o potencial da Costa da Morte como destino turístico diferenciado e emerxente.
Como recoñecemento ao apoio institucional recibido, fíxose entrega a ambos representantes do distintivo da CMAT, unha peza de buño personalizada, da man de José Manuel López, presidente da CMAT, e de Margarita Lamela, vicepresidenta da entidade.
O acto continuou coa presentación do libro “A Costa da Morte. Naturalmente única”, a cargo de Pepe Formoso, vogal da CMAT e presidente da APTCM, unha publicación que recolle e pon en valor a singularidade natural, cultural e paisaxística do territorio. Unha publicación feita desde o territorio para mostrar o mellor do mesmo. Un libro de cabeceira que permitirá aos visitantes coñecer aínda mellor todo o que a Costa da Morte ten que ofrecer.
A presentación concluíu cunha fotografía institucional dos representantes dos concellos e da directiva da CMAT xunto a Xosé Manuel Merelles e Xosé Regueira. Unha imaxe que simboliza o compromiso colectivo das administracións e todos os socios da entidade por seguir traballando de maneira coordinada na construción dun modelo turístico común. A CMAT representa hoxe un proxecto compartido por administracións locais, entidades e profesionais que cren nunha promoción conxunta baseada na cooperación, na identidade e no respecto polo territorio.
Con esta presentación en FITUR, a Costa da Morte reafirma o seu posicionamento como un destino que non busca parecerse a outros, senón proxectar con orgullo o que sempre foi: un territorio vivo, habitado e profundamente auténtico, cunha voz propia que hoxe soa con máis forza ca nunca.
