A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) aproveitará a súa presenza na feira para presentar oficialmente o próximo xoves 22 de xaneiro a súa nova campaña de promoción: “COSTA DA MORTE: ONDE A TERRA FALA E O CEO RESPONDE”, un lema que resume a esencia do territorio e a súa maneira única de relacionarse coa paisaxe, a cultura e a experiencia turística.
A campaña nace da convicción de que a Costa da Morte é moito máis ca un destino: é identidade, é carácter, é memoria viva. Un territorio onde o mar, a terra, o vento, o silencio e a luz dialogan constantemente con quen o habita e con quen o visita. Un lugar onde as experiencias non se constrúen de maneira artificial, senón que xorden da autenticidade do propio territorio.
Desde a CMAT apóstase por proxectar un modelo de destino coherente co que a Costa da Morte é: un territorio vivo, habitado e con cultura propia, onde a paisaxe non se decora, as tradicións non se representan e a hospitalidade non se forza. Apostase por un turismo respectuoso, sostible e profundamente conectado coas persoas que constrúen día a día a identidade do territorio.
Neste sentido, a Costa da Morte destaca polos seus elementos estratéxicos como destino: a riqueza da súa natureza en estado puro, a súa herdanza histórica e riqueza patrimonial e arqueolóxica, e a súa gastronomía auténtica, baseada nos produtos do mar e da terra, elaborados segundo receitas tradicionais que manteñen viva a súa identidade. Todo isto conforma experiencias únicas que combinan paisaxe, cultura e sabores locais, integrando ás persoas que fan posible este territorio.
Ademais, o vídeo que se presentará en FITUR recorre lugares clave do territorio mostrando de forma visual e emocional a beleza e identidade da Costa da Morte, ao tempo que recolle as voces reais dos seus veciños: os xornalistas Josiño Mira e Fran Rodríguez, a Tania, técnica de cultura de Zas, e Virxina, da Asociación de Astroturismo da Costa da Morte, que nos transmiten con naturalidade e desde a autenticidade o que este lugar é e significa para quen o habita e sente.
A presentación en FITUR será tamén unha oportunidade para reforzar o traballo conxunto con institucións e entidades que apoian este modelo de desenvolvemento turístico. Neste sentido, a CMAT quere poñer en valor o apoio continuado de Turismo de Galicia e da Deputación da Coruña, que acompañaron o proxecto desde os seus inicios e compartiron a visión de construír un destino baseado na calidade, na sostibilidade e na identidade.
Ademais, a presenza na feira permitirá manter encontros con outros destinos, entidades e empresas do sector que favorezan o intercambio de boas prácticas e o coñecemento de novas ideas e enfoques que poidan aplicarse e adaptarse ao territorio da Costa da Morte.
A nova campaña audiovisual que se dará a coñecer en Madrid reflicte precisamente esa ollada honesta sobre o territorio: a Costa da Morte tal e como é, sen artificios, coas voces reais da súa xente, co seu acento, coa súa maneira de expresarse e coa súa forma de entender o mundo como parte esencial do seu patrimonio cultural.
Con esta presenza en FITUR, a Costa da Morte reafirma o seu posicionamento como un destino emerxente, auténtico e diferenciado, que non busca parecerse a outros, senón proxectar con orgullo o que sempre foi.