Tralo éxito de participación acadado o ano pasado con esta actividade, con máis de trescentas instantáneas recibidas, o Concello de Zas reedita o certame tamén neste 2018. O II Concurso de Fotografía co Móbil “Enfoques do Allo” abriu este pasado domingo 1 de xullo o prazo de recepción de fotografías que concluirá o 20 de agosto.
Para participar no concurso simplemente hai que enviar as fotos ao correo enfoques@torresdoallo.gal, dun máximo de 10 MB de tamaño cada unha, xunto aos datos persoais e teléfono. O xurado fará unha selección de dez finalistas tendo en conta aquelas que mellor representen os valores patrimoniais e estéticos das Torres do Allo e o seu contorno, así como o uso de recursos propios dos teléfonos móbiles. Estas finalistas serán publicadas nas redes sociais Facebook e Instagram para que sexa xs propixs usuarixs quen decidan a fotografía gañadora deste ano.
Os premios son a entrega dun trofeo e diploma acreditativo, o agasallo da súa fotografía en formato físico, e un premio en metálico de 100 euros para a gañadora, 75 euros para a segunda clasificada, e 50 euros para a terceira finalista. As bases do concurso pódense consultar en www.torresdoallo.gal.