A Costa da Morte Asociación de Turismo (CMAT) vén de anunciar que Xosé Ameixeiras, delegado de La Voz de Galicia en Carballo, será distinguido co título de «Embaixador da Costa da Morte 2026», en recoñecemento a toda unha traxectoria profesional dedicada a dar voz e visibilidade ao territorio a través da prensa e dos medios de comunicación.
O recoñecemento entregarase o martes 17 de novembro, durante a celebración do VI Encontro de Turismo da Costa da Morte, no Parador Costa da Morte (Muxía), unha cita anual que reúne profesionais e representantes institucionais arredor dos retos e oportunidades do sector turístico. Este galardón distingue persoas que contribúen, desde diferentes ámbitos, á proxección da Costa da Morte e á difusión da súa identidade dentro e fóra de Galicia.
Unha traxectoria dedicada a dar voz á Costa da Morte
Xosé Ameixeiras leva máis de corenta anos traballando para La Voz de Galicia, primeiro como correspondente desde Salto-Vimianzo, a súa parroquia natal, e posteriormente como redactor e delegado da edición de Carballo. Ao longo de toda esta traxectoria, a Costa da Morte, as súas xentes, o seu patrimonio e as súas necesidades estiveron no centro do seu traballo, contribuíndo a que a realidade do territorio tivese unha presenza constante nos medios de comunicación.
A súa visión da Costa da Morte está tamén marcada pola defensa da unidade e da colaboración entre concellos como vía para avanzar no desenvolvemento do territorio, así como polo apoio a iniciativas e servizos de carácter supramunicipal. Neste sentido, ten defendido en numerosas ocasións a importancia da cooperación e dunha planificación turística que vaia máis alá das fronteiras administrativas.
Unha parte fundamental do seu traballo foi tamén dar protagonismo ás persoas da Costa da Morte. Ao longo dos anos puxo en marcha seccións como Persoas con historia, na que participaron centos de veciños e veciñas compartindo as súas experiencias e contribuíndo a conservar a memoria de como se vivía no territorio. A esta iniciativa sumouse posteriormente Lobos de Mar, centrada no mundo mariñeiro, e máis recentemente A canteira do talento, que dá visibilidade a mozos e mozas da Costa da Morte que están a desenvolver proxectos e traxectorias de éxito desde o rural.
O seu compromiso coa cultura e o patrimonio foi tamén unha constante ao longo da súa traxectoria, contribuíndo a dar a coñecer figuras como Man de Camelle e á recuperación do dolmen de Dombate, así como a poñer o patrimonio da Costa da Morte no centro da información. No ámbito da promoción do territorio, destaca tamén a súa implicación cos Premios Vákner e coa difusión do Camiño de Fisterra e Muxía.
Por toda esta traxectoria, a Xunta Directiva da Costa da Morte Asociación de Turismo (CMAT) elixiu a Xosé Ameixeiras como IV Embaixador da Costa da Morte 2026, destacando non só o seu labor como xornalista, senón tamén a súa profunda vinculación co territorio e a súa contribución continuada a dar visibilidade ás súas persoas, á súa cultura, ao seu patrimonio e aos retos que afronta.
A súa capacidade de diálogo e comprensión, así como o respecto que foi construíndo ao longo de décadas entre diferentes sensibilidades políticas e sociais, completan o perfil dunha persoa que leva máis de corenta anos contando a Costa da Morte e contribuíndo a que o territorio sexa coñecido e recoñecido máis alá das súas fronteiras.
VI Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte
O martes 17 de novembro ás 18:00 h a CMAT organiza o VI Encontro de Turismo da Costa da Morte no Parador Costa da Morte (Muxía). O Encontro de Turismo da Costa da Morte é unha cita anual que reúne profesionais do sector, representantes institucionais e entidades do territorio para compartir experiencias e propostas que contribúan ao desenvolvemento do xeodestino.
Nesta sexta edición, que se celebrará o vindeiro 17 de novembro, entregarase o recoñecemento a Xosé Ameixeiras como IV Embaixador da Costa da Morte e realizarase tamén unha homenaxe colectiva ás entidades de inclusión social que traballan para construír unha Costa da Morte máis accesible, inclusiva e aberta a todas as persoas, poñendo en valor o seu labor para avanzar cara a un destino no que todo o mundo teña cabida.
Para máis información ou confirmación de asistencia, contactar co equipo de Asistencia Técnica da CMAT:
- comunicacion@visitacostadamorte.com
- 621 25 63 91 (Jessica Lago)
- 634 09 21 12 (Marta Baños)