A CMAT – Costa da Morte Asociación de Turismo pecha cun balance positivo o programa de experiencias guiadas desenvolvido durante esta fin de semana, os días 13, 14 e 15 de novembro. Un total de 150 persoas participaron nas distintas actividades organizadas para descubrir o territorio desde perspectivas tan diversas como a natureza, o patrimonio, a cultura mariñeira, a artesanía e o astroturismo.
A iniciativa, que se desenvolveu como antesala ao VI Encontro de Turismo da Costa da Morte, tivo unha boa acollida por parte do público, que amosou interese polas diferentes propostas e completou as prazas dispoñibles nalgunhas delas.

Ao longo das tres xornadas, as persoas participantes puideron achegarse á actividade pesqueira na lonxa de Malpica, descubrir o ceo nocturno desde Camariñas, coñecer o traballo artesanal de Nacho Porto en Carnota, percorrer a antiga factoría baleeira de Caneliñas, explorar o patrimonio histórico e arqueolóxico de Brandomil, descubrir a botánica e os aproveitamentos silvestres en A Laracha e coñecer de primeira man o oficio do percebeiro no cabo Roncudo, da man de Suso Lista.

O programa contemplaba tamén unha ruta pola Senda do Xallas, en Mazaricos, que finalmente tivo que ser cancelada debido ás intensas choivas das últimas horas, que deixaron o percorrido impracticable e sen as condicións de seguridade necesarias para o seu desenvolvemento. Esta actividade era, precisamente, a que contaba cun maior número de inscricións, con preto de 50 persoas previstas.
A pesar desta cancelación, as sete actividades que puideron desenvolverse reuniron 150 participantes, unha resposta que confirma o interese por este tipo de experiencias, que permiten coñecer a Costa da Morte desde unha perspectiva diferente, en grupos reducidos e acompañados por profesionais e persoas expertas do propio territorio.

A boa acollida desta primeira programación anima á entidade a seguir organizando fins de semana temáticas con diferentes experiencias guiadas. Unha liña de traballo que a CMAT espera poder continuar desenvolvendo co apoio da Deputación da Coruña, a través da liña de subvencións DP0030/2026, ampliando as oportunidades para que tanto a poboación local como as persoas visitantes poidan descubrir e coñecer mellor a Costa da Morte.
Para máis información ou confirmación de asistencia, contactar co equipo de Asistencia Técnica da CMAT:
comunicacion@visitacostadamorte.com
621 25 63 91 (Jessica Lago) / 634 09 21 12 (Marta Baños)