O Dolmen de Dombate, en Cabana de Bergantiños, acolleu este xoves 12 de novembro unha xuntanza da CMAT – Costa da Morte Asociación de Turismo con concelleiros e persoal técnico de turismo dos concellos socios do xeodestino. O encontro puxo o foco nunha cuestión fundamental para o territorio: manter unha comunicación directa con quen atende as persoas visitantes e xestiona o turismo desde cada municipio.
Un espazo para escoitar os concellos
Durante a sesión, a asociación compartiu as principais liñas de traballo en marcha, entre elas o programa educativo, os estudos sobre a posible implantación dunha taxa turística e os retos relacionados co turismo de autocaravanas. Tamén se abordou a elaboración de novos mapas e guías que respondan ás necesidades das oficinas de turismo.
Ademais de presentar proxectos, houbo tempo para intercambiar propostas, necesidades e valoracións, incluídas críticas construtivas. As persoas asistentes valoraron positivamente a posibilidade de contar cun foro específico no que trasladar as cuestións que xorden no seu traballo diario.
Unha Semana do Turismo para reforzar a colaboración
Esta cita abre a Semana do Turismo da Costa da Morte. A programación continuará durante a fin de semana con actividades organizadas pola CMAT coa colaboración da Deputación da Coruña e culminará o martes 17 de novembro co VI Encontro de Turismo da Costa da Morte, no Parador Costa da Morte de Muxía.
Con esta iniciativa, a CMAT procura reforzar un modelo de gobernanza máis aberto e participativo, no que todos os concellos socios poidan coñecer os proxectos da entidade e contribuír a eles, conten ou non con representación na súa Xunta Directiva.