A CMAT – Costa da Morte Asociación de Turismo impulsará unha liña de colaboración cos centros educativos e cos profesionais e entidades vinculadas ao sector pesqueiro artesanal para desenvolver o proxecto «Trazando a Costa: patrimonio, produto local e pesca artesanal na Costa da Morte». A iniciativa busca conectar o ámbito educativo coa realidade do mar, implicando aos axentes do territorio na divulgación dos recursos pesqueiros locais e na posta en valor dos oficios e produtos mariñeiros.
O primeiro paso será establecer contacto cos centros educativos, lonxas, confrarías, mercados e peixerías dos nove concellos que forman parte do ámbito de actuación do proxecto: A Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Vimianzo, Camariñas e Muxía. A CMAT traballará para favorecer a coordinación entre estas entidades e facilitar a súa participación nas distintas accións previstas, creando unha rede de colaboración que permita achegar o sector pesqueiro á cidadanía.
Esta cooperación será especialmente importante no desenvolvemento da unidade didáctica dixital dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria. O coñecemento dos profesionais do mar e dos axentes que interveñen na actividade pesqueira permitirá conectar os contidos educativos coa realidade do territorio, abordando cuestións como as especies locais, as artes de pesca sostibles, a economía azul e a trazabilidade dos produtos.
A colaboración estenderase tamén ao programa de visitas guiadas polas lonxas, mercados e espazos vinculados aos oficios do mar, previsto para as próximas anualidades. Estas experiencias permitirán abrir os espazos de traballo do sector á cidadanía e aos visitantes, coñecer de primeira man como se desenvolve a actividade pesqueira e comprender o valor do produto artesanal.
Ademais, os mercados, lonxas e peixerías terán un papel relevante na campaña de promoción do consumo de produto pesqueiro local, que buscará destacar a súa calidade, proximidade e vinculación coa identidade mariñeira da Costa da Morte.
Con este modelo de traballo en rede, a CMAT pretende que o proxecto vaia máis alá da elaboración de materiais divulgativos, favorecendo a implicación directa dos axentes locais e reforzando os vínculos entre o sector educativo, turístico e pesqueiro.
Este proxecto está promovido pola CMAT – Costa da Morte Asociación de Turismo, «Trazando a costa: patrimonio, produto local e pesca artesanal na Costa da Morte», e financiado pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), a través das axudas xestionadas polo GALP Costa da Morte.