A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) celebra a presentación de “A Costa da Morte. Naturalmente única”, unha publicación promovida pola APTCM, socia da CMAT en representación do sector privado, e desenvolvida grazas ao apoio financeiro da Xunta de Galicia. Trátase dun libro pensado para poñer en valor e ordenar os recursos turísticos da Costa da Morte, reforzando a colaboración entre administracións, profesionais do turismo e tecido asociativo. Máis ca unha guía, é unha homenaxe colectiva a un territorio que combina forza, identidade e hospitalidade a partes iguais.
O acto de presentación contou coa presenza de numerosos alcaldes dos concellos da Costa da Morte, así como coa directiva da CMAT e da APTCM, encabezadas polos seus respectivos presidentes. O gran convidado foi o director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, impulsor financeiro do proxecto, que subliñou a importancia de contar con produtos turísticos coidados, ben narrados e que reflictan o carácter propio do xeodestino Costa da Morte.
A obra recolle, en galego, castelán e inglés, a riqueza paisaxística, cultural e patrimonial dos 17 concellos do xeodestino Costa da Morte, a través dos textos de Xan Fernández Carrera e das fotografías de Antonio Fernández. Páxina a páxina, o libro convida a percorre-lo territorio con calma: faros e cantís, vilas mariñeiras, camiños históricos, tradicións vivas, praias abertas ao océano e espazos naturais únicos que fan da Costa da Morte un destino diferente, auténtico e, como recolle o seu título, naturalmente único.
Dentro deste mesmo proxecto financiado pola Xunta de Galicia, presentouse no propio acto a dixitalización completa do libro, que estará accesible a través da web da CMAT. Este paso supón un impulso clave na estratexia de dotar o portal do xeodestino Costa da Morte de contidos xenuínos e de alta calidade, capaces de xerar tráfico cualificado cara á web. A aposta por contido propio, ligado á realidade do territorio e ás súas xentes, quere reforzar o posicionamento da web da CMAT como referencia dun xeodestino de calidade, sostible, ben contado e no que cada visita á páxina sexa tamén unha pequena viaxe pola Costa da Morte.
O libro poderá consultarse nas bibliotecas da Costa da Morte e en todos os locais das empresas socias da APTCM, converténdose nunha ferramenta útil tanto para quen nos visita como para a veciñanza que quere coñecer mellor a súa propia terra. Co apoio conxunto da APTCM, da CMAT e da Xunta de Galicia, “A Costa da Morte. Naturalmente única” nace como unha peza clave para seguir construíndo, entre todos, a marca Costa da Morte como un destino auténtico, inspirador e de calidade.







