Tense afirmado que nas terras máis occidentais de Galicia, como son as da Costa da Morte, o grao de romanización foi moi baixo; non obstante, esta apreciación non foi acompañada de estudos de investigación que valorasen a importancia dos asentamentos romanos coñecidos neste territorio. Un exemplo do exposto sucedeu con Brandomil, onde se coñecía a presenza romana, pero ninguén se imaxinaba o gran potencial deste xacemento antes das intervencións arqueolóxicas dos últimos anos.
Tampouco somos coñecedores do verdadeiro valor arqueolóxico de Moraime (Muxía) ou Tines (Vimianzo) porque, aínda que se descubriron algúns restos romanos, non se fixo un estudo detallado dos mesmos nin se volveron a realizar novas prospeccións nestes lugares.
Por iso convén que coñezamos o potencial arqueolóxico de Brandomil, que podería servir de exemplo para impulsar outras investigacións naqueles espazos dos que temos noticia da presenza romana: Tines (Vimianzo), Moraime (Muxía), Cores (Ponteceso), Gándara (Zas) ou Cances (Carballo).
Despois das últimas escavacións levadas a cabo por Juan Naveiro (2007-2008) e logo por Lino Gorgoso desde 2019, o asentamento romano de Brandomil está a ser considerado como un dos máis salientables da provincia da Coruña, despois do da cidade herculina, Iria-Flavia (Padrón) e Cidadela (Sobrado dos Monxes).
O Brandomil romano comprende unha ampla superficie que se estende por onde se sitúa o actual núcleo e zonas limítrofes, como Pedra do Altar, ao suroeste da aldea. Desde finais do século XIX hai noticias da aparición de restos romanos en Brandomil, que se descubrían cando se traballaban as leiras, algúns con inscricións: tres aras votivas, o frontón dun monumento funerario e unha placa funeraria. Segundo o contido destes últimos, parece ser que no emprazamento romano houbo un grupo de poboación de fóra da Gallaecia, que posiblemente chegaría aquí co motivo de traballar na explotación mineira de Limideiro.
Desde a creación da Fundación Brandomil no 2018, produciuse un cambio substancial respecto a este xacemento. Co apoio do Concello de Zas e doutras administracións, esta entidade impulsou varías campañas arqueolóxicas dirixidas polo arqueólogo Lino Gorgoso que ampliaron o coñecemento e difusión deste poboado romano.
Entre as novidades atopadas estarían unha vivenda romana típica, de dúas plantas e un vestíbulo de grandes dimensións na zona de Pedra do Altar, que podería corresponder a unha mansión ou pousada da vía XX, que tería a súa primeira ocupación no século I; restos dunha vía romana urbana tamén nesta zona e outro tramo de vía na parte esquerda do río Xallas, a carón da ponte antiga e moitos anacos de cerámica, gran parte deles de procedencia de fóra de Galicia. Na última campaña de escavación, en setembro de 2024, descubriuse parte dunha casa ou domus romana e os alicerces doutra, o que mostraría a existencia dunha urbe de tamaño medio. Tamén se descubriron materiais procedentes do Mediterráneo oriental. A datación dos restos indica unha ocupación que iría do século I ao V d. C.
Un elemento fundamental en Brandomil é a súa ponte antiga sobre o río Xallas, que a maioría dos investigadores defenden a súa orixe romana e pola que cruzaría a hipotética vía XX, aínda que a construción que vemos na actualidade sexa máis tardía. A primeira cita documental data de 1286. No ano 1989 unha forte enchente do Xallas derrubou o arco central, pero grazas a súa rehabilitación, dispoñemos dunha das pontes históricas máis importantes da Costa da Morte.