Un ano máis, esta cita reunirá representantes dos 17 concellos da CMAT, empresas turísticas, entidades colaboradoras, profesionais, prensa e prescritores, nunha xornada pensada para compartir iniciativas, coñecer os principais proxectos desenvolvidos no destino e favorecer o contacto e o intercambio entre os diferentes axentes que forman parte do sector turístico da Costa da Morte.
Un encontro que percorre o territorio
Desde a súa primeira edición, o Encontro de Turismo caracterizouse polo seu carácter itinerante, levando cada ano esta cita a diferentes puntos da Costa da Morte. O percorrido comezou en 2021 no Parador de Costa da Morte (Muxía) e continuou en Costa Caión (A Laracha) en 2022, na Torre de Laxe en 2023, no Pazo de Trasariz (Vimianzo) en 2024 e no Pazo de Villar de Francos (Carballo) en 2025.
Para esta sexta edición, a CMAT mantén a aposta por continuar trasladando o encontro aos distintos concellos do territorio e abre de novo a posibilidade de que establecementos turísticos da Costa da Morte presenten a súa candidatura para converterse na sede do evento.
Requisitos das candidaturas
Os establecementos interesados en acoller o encontro deberán cumprir, cando menos, os seguintes requisitos:
- Estar situados na Costa da Morte.
- Ter capacidade mínima para 200 persoas.
- Experiencia acreditada na organización de eventos semellantes.
- Dispoñibilidade para a data e horario fixados.
- Servizos ou capacidade de xestión técnica (imaxen, son, mobiliario, catering, etc.).
O resto de requisitos e as características específicas do evento pódense consultar na convocatoria a través da seguinte ligazón.
Presentación de candidaturas
Para os establecementos interesados, o prazo de presentación das candidaturas remata o 22 de setembro de 2026. A presentación da candidatura farase a través do envío deste anexo descargable que deberá ser enviado coa documentación complementaria que cada establecemento considere necesario e que poida axudar á CMAT a realizar as valoracións que estime oportunas ao seguinte correo electrónico: admincmat@visitacostadamorte.com
Unha vez recibidas, a CMAT avaliará as candidaturas e contactará cos aspirantes para analizar os aspectos técnicos e económicos, co obxectivo de seleccionar a sede máis axeitada. Neste sentido e na medida do posible, procurarase organizar o encontro nun concello que non acollera o evento previamente.