A CMAT celebra o impulso do destino e recoñece o labor das palilleiras no V Encontro de Turismo da Costa da Morte

A CMAT celebrou o V Encontro de Turismo da Costa da Morte en Carballo, con recoñecemento ás palilleiras e a Marta Lado como Embaixadora 2025. Un destino con futuro.

O Pazo de Villar de Francos acolleu este martes 11 de novembro a quinta edición dun encontro que reuniu a máis de 150 profesionais e representantes institucionais do sector turístico da Costa da Morte. A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) pecha cun balance moi positivo o V Encontro de Turismo da Costa da Morte, unha cita xa consolidada que cada ano reúne a axentes públicos, sector empresarial e profesionais do territorio.

A implicación institucional no desenvolvemento da Costa da Morte

O acto, conducido polo presentador de Radiovoz Francisco Rodríguez, comezou coa intervención do alcalde de Carballo, Daniel Pérez, anfitrión da edición deste ano. Durante a súa benvida, subliñou o seu agradecemento por elixir o Pazo de Villar de Francos como sede e a importancia de “contar con todas as partes para conseguir un sector sólido, desde a veciñanza ata as administracións”, unha mensaxe que marcou o ton colaborativo da sesión.

A continuación, o vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, centrou a súa intervención na consolidación do destino como espazo cohesionado e competitivo. Regueira remarcou o especial que será 2026 para a Costa da Morte tanto polo eclipse coma polo trienio Xacobeo, e fixo fincapé nos desafíos e oportunidades vinculados a estes dous eventos, que o tecido debe aproveitar para fidelizar os visitantes.

O bloque institucional pechouse coa intervención do director da Axencia Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, quen repasou os datos positivos da tempada e a evolución do destino. Merelles indicou que “todos os datos e estatísticas sinalan que a Costa da Morte é un dos destinos preferidos polos que visitan Galicia, representados por máis de vinte nacionalidades distintas”, e que o territorio continúa reforzando o seu posicionamento como un destino con identidade propia e oferta diferenciada.

O sector privado reafirma o seu compromiso

Por parte do sector privado, Pepe Formoso, presidente de APTCM e secretario da CMAT, presentou o relatorio “Erre que erre, tamén nos meses con R”. Formoso fixo unha defensa clara do asociacionismo e da colaboración entre empresas, destacando que “é responsabilidade nosa facer saber a calidade do noso produto” e a necesidade de manter un tecido empresarial forte e unido.

Homenaxe ás asociacións de palilleiras da Costa da Morte

Un dos momentos máis emotivos da tarde foi o recoñecemento ás nove asociacións de palilleiras da Costa da Morte, símbolo vivo dun oficio que forma parte da identidade cultural e creativa do territorio. En nome das homenaxeadas, Dolores Lema, directora da Mostra do Encaixe de Camariñas, agradeceu o galardón e sinalou que este recoñecemento se estende tamén ás súas nais e avoas, que foron as que lles ensinaron todo, reivindicando o valor dun traballo que continúa transmitíndose entre xeracións.

Marta Lado, Embaixadora da Costa da Morte 2025

A CMAT entregou o recoñecemento de III Embaixadora da Costa da Morte a Marta Lado. Durante a entrega, púxose en valor non só a súa carreira profesional, senón tamén a súa fonda vinculación coa Costa da Morte e a súa defensa constante da lingua, da cultura, da natureza e da autenticidade desta terra: “Marta ten esa capacidade de contar o territorio desde a emoción, desde a verdade, desde a pertenza”.

A actriz fisterrá Marta Lado emocionouse ao saber que o agasallo que recibiu foi elaborado polas mesmas palilleiras presentes na sala, e expresou o seu agradecemento por recoñecer algo que para ela é natural: estar orgullosa do seu territorio e sentir a responsabilidade de coidalo para que as futuras xeracións o poidan gozar igual que o fixo ela de pequena.

Unidade, identidade e futuro compartido

O presidente da CMAT e alcalde da Laracha, José Manuel López, clausurou o encontro cunha intervención centrada na importancia da colaboración e da identidade territorial. Agradeceu a presenza das autoridades e entidades convidadas, subliñando que este respaldo confirma un compromiso real coa Costa da Morte. Durante o seu discurso, destacou que 2025 foi un ano de evolución para a entidade, no que a renovación da Xunta Directiva permitiu reforzar liñas de traballo e abrir novas vías sen perder a visión compartida dun destino cohesionado.

O presidente insistiu na importancia de situar as persoas no centro do proxecto turístico: “Ningún destino se sostén só con campañas ou promoción. Un destino sostense coa súa xente, coa que o habita, o traballa e o vive”.

Pechou o seu discurso cunha chamada clara ao traballo colectivo, lembrando que o avance do destino é froito dun esforzo compartido entre administracións, empresas, profesionais e veciñanza. Afirmou que “se seguimos sumando esforzos, reforzando a nosa identidade e valorando o talento da nosa xente, a Costa da Morte seguirá sendo un dos territorios máis auténticos, inspiradores e con máis futuro de Galicia”.

Actuación musical e espazo para a conversa

A xornada concluíu coa actuación de Antía Muiño, unha das voces emerxentes máis recoñecidas da escena musical galega. Co seu estilo íntimo e contemporáneo, a artista ofreceu un pequeno concerto no que interpretou varias das súas pezas máis coñecidas, creando un ambiente cercano e emocional que conectou de inmediato co público. A súa actuación serviu como colofón perfecto para unha tarde dedicada ao territorio, á creatividade e ao talento local.

Tras o concerto, as persoas asistentes participaron nun espazo pensado para fomentar a conversa, fortalecer vínculos profesionais e seguir construíndo relacións entre as entidades e persoas que conforman o sector turístico da Costa da Morte.

A CMAT organiza este acto grazas ao convenio asinado coa Axencia Turismo de Galicia, e desenvolve tamén outras actividades de promoción turística por medio dunha subvención recibida pola Deputación da Coruña.

Costa da Morte Asociación Turística ao día

Últimas noticias

“A Costa da Morte. Naturalmente única”: o libro que con...

A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) celebra a presentación de “A Costa da Morte. Naturalmente única”, unha publ...

A CMAT participa en Viana do Castelo na inauguración du...

A representación da CMAT estivo composta polo seu presidente e alcalde de A Laracha, José Manuel López Varela, por Sandr...

A CMAT celebra o impulso do destino e recoñece o labor ...

O Pazo de Villar de Francos acolleu este martes 11 de novembro a quinta edición dun encontro que reuniu a máis de 150 pr...

CMAT e a Asociación de Astroturismo impulsan unha folla...

Na xuntanza abordáronse prioridades compartidas: sensibilizar á poboación arredor do valor do noso patrimonio nocturno, ...

Marta Lado, III Embaixadora da Costa da Morte 2025

A Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) anunciou que Marta Lado, recoñecida profesional do sector audiovisual e fir...

A Costa da Morte reforza o seu liderado en astroturismo...

A delegación estivo formada pola presidenta Yolanda Díaz, a vicepresidenta Nieves Lema e o equipo de Monitores Starlight...

A CMAT celebrará o V Encontro de Turismo da  Costa da M...

Esta cita, xa consolidada como un referente para o sector turístico da comarca, busca favorecer  o intercambio de e...

A Costa da Morte celebrou o Interreg Cooperation Day 20...

A Costa da Morte converteuse hoxe no epicentro da cooperación territorial europea coa celebración do Interreg Cooperatio...

A CMAT abre o prazo para presentar candidaturas para al...

O Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte reafírmase como o principal foro de reunión dos axentes públicos e privado...

A nova Xunta Directiva da CMAT celebra a súa primeira r...

A nova Xunta Directiva da Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) celebrou onte a súa primeira reunión na localidade ...
Mantente ao día

Newsletter Costa da Morte

Subscríbete á nosa newsletter e recibe as mellores recomendacións sobre a Costa da Morte. Mantente ao día con eventos, rutas, gastronomía e experiencias únicas para a túa próxima visita. ¡Non te perdas nada desta terra máxica!

1606727203-secc-302-3.jpg
Logo Cmat Color Fondo Transparente
Resumen de privacidade

Esta web utiliza cookies para que poidamos ofrecerte a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como reconocerte cando volves a nosa web ou axudar ao noso equipo a comprender qué seccións da web encontras máis interesantes e útiles.