Durante a mañá de onte desenvolveuse na Casa da Cultura de Cee a segunda das tres mesas de traballo que se teñen programado para este mes de maio por parte da CMAT (Costa da Morte Asociación de Turismo)para obter una resposta fidedigna por parte dos axentes implicados na redacción dun Plan de Turismo para a Costa da Morte. A mesa sectorial de Cee, contou cun aumento na sua participación sendo 10, os representates de entidades públicas e 17 de entes privados pertencentes a os concellos de Dumbría, Cee, Corcubión Fisterra, Carnota e Mazaricos. Tamén quixeron estar presentes coma entes supramunicipais o GALP “Costa Sostible”.
Pablo Canosa, presidente de APTCM e secretario da CMAT, considera que estas dinámicas de grupo resultan moi útiles á hora de confrontar ideas e perfilar á elaboración dun Plan de Acción Turística para a “Costa da Morte”. Para Canosa “e moi importante sentar as bases do Plan de Turismo en consenso cos axentes locais, e que toda a información que se aporte neste tipo de interaccións sexa utilizada polo equipo redactor para o deseño dun plan conxunto, de todos e para todos”. A CMAT busca, con este tipo de accións, a unificación de criterios por parte dos representantes de entes públicos, privados e supramunicipais, para o desenvolvemento dun plan común que poña en alza todos os valores turísticos do entorno constituído polos 17 concellos. O ultimo encontro proposto pola CMAT para a celebración desta serie de mesas sectoriais terá lugar o vindeiro 28 de maio en Carballo, en horario de 11:00 a 13:30h.