O fotógrafo e produtor audiovisual da Costa da Morte, Raul Lorenzo , está inmerso nun interesante proxecto para “poñer cara” aos hostaleiros e demais traballadores vinculados ao mundo do turismo no xeodestino Costa da Morte. Durante estas semanas, Lorenzo está a percorrer os establecementos que forman parte da asociación Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM) para retratalos e entrevistalos “no seu medio”. O obxectivo que persegue a iniciativa é o de pór o foco nas persoas que conforman o tecido empresarial dos 16 concellos que conforman a CMAT.
Hostaleiros, propietarios de establecementos hoteleiros, de servizos, de actividades de turismo activo… a iniciativa tivo unha gran acollida entre eles, que abriron as portas aos seus establecementos para que fosen retratados profesionalmente. Do mesmo xeito, a gran maioría amosouse encantada de “posar” dun xeito ameno e divertido que, sen lugar a dúbidas, representa o espírito amigábel e acolledor dos profesionais de turismo da Costa da Morte.
Este proxecto complementa así unha serie de iniciativas organizadas pola CMAT para fomentar un turismo de proximidade e de calidade, sempre garantindo as medidas oportunas de seguridade e hixiene. Nesta liña, falabamos hai uns días da viaxe que está a realizar o blogger especializado en turismo Alvientoo que está a percorrer Costa da Morte coa intención de dar a coñecer entre os seus seguidores o territorio. Tamén forma parte do plan de acción para este 2020 a elaboración de paquetes turísticos por conta de Naturmaz Viaxes, e que nos vindeiros días materializarase nun completo sorteo nas redes sociais da CMAT.
Esta iniciativa, que forma parte das actividades plantexadas polo ente xestor do xeodestino neste 2020, é posible grazas ao convenio asinado con Turismo de Galicia para a promoción turística.