A presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez, e os demais membros da xunta directiva, deron hoxe unha “calurosa” benvida ás dúas incorporacións, Pepe Formoso e Damián Álvarez, e destacaron “a honestidade, bo facer, implicación e gran traballo” feito polos seus antecesores, Pablo Canosa e Silvia Bouzas, durante os anos que formaron parte da asociación desde a súa constitución.
CMAT impulsará no mes de setembro as campañas promocionais de turismo familiar, megalitismo, turismo xeolóxico, surf e praias salvaxes. Ademais valorou emplazamentos e contidos para o II Encontro de Turismo de Costa da Morte, que terá lugar a finais deste ano.
Costa da Morte Asociación Turística agarda que en agosto e setembro os técnicos da Fundación Starlight visiten sobre o terreo o xeodestino para facer os traballos de auditoría necesarios para valorar a viabilidade da Costa da Morte como Destino Turístico Starlight.
A xunta directiva de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), reunida hoxe na Casa da Cultura de Vimianzo, deu a benvida ao novo presidente da Asociación de Profesionais de Turismo da Costa da Morte (APTCM), Pepe Formoso, a ao novo secretario, Damián Álvarez. Os dous directivos de APTCM, tras a recente renovación da súa xunta directiva, incorpóranse ao máximo órgano de dirección da CMAT como relevo dos compañeiros do sector Pablo Canosa, antigo presidente de APTCM, e Silvia Bouzas, anterior secetaria da entidade que reúne aos profesionais do eido turístico da Costa da Morte e uns dos promotores e impulsores da posta en marcha da CMAT no ano 2015.
A CMAT reúne a inicios de cada mes e desde vai máis dun ano a súa xunta directiva para realizar o seguimento das actividades postas en marcha e definir a estratexia para a promoción e consolidación do turismo da Costa a Morte. A presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez, e os demáis membros da xunta directiva deron unha “calurosa” benvida aos novos compañeiros. O novo presidente de APTCM destacou a “ilusión e responsabilidade” que supón incorporarse ao máximo órgano de responsabilidade da CMAT, e os principais obxectivos que buscan dentro de APTCM, “a profesionalización e a unión definitiva do sector”. Mónica Rodríguez, pola súa banda, tras felicitar ás novas incorporacións e destacar a súa colaboración para facer da Costa da Morte un referente no eido turístico, lembrou “o gran traballo” realizado polos seus antecesores, Pablo Canosa e Silvia Bouzas, durante os máis de sete anos que formaron parte da CMAT. “O meu agradecemento pola súa dedicación ao máximo á asociación, polo seu bo facer, pola súa honestidade e a súa entrega e incansable loita polo sector turístico do destino Costa da Morte e pola súa visión global do territorio”, sinalou a presidenta referíndose aos dous directivos que deixan os seus cargos no seo da CMAT.
Membros da xunta directiva
Na xunta directiva de hoxe participaron Mónica Rodríguez, presidenta da CMAT e alcaldesa de Vimianzo; José Muíño, tesoureiro da CMAT e alcalde de Cabana de Bergantiños; José Marcote, vogal da CMAT e alcalde de Fisterra; e Xosé Regueira, vogal e concelleiro de Turismo de Carballo. Como novos membros da xunta directiva da CMAT e representantes de APTCM asistiron o seu recén elexido presidente, Pepe Formoso; e o novo secretario, Damián Álvarez, que sustitúen a Pablo Canosa e Silvia Bouzas, que causan baixa. A secretaría técnica estivo representada por Marta Rodríguez e Manuel Carneiro, de Grupo Atlante.
A xunta directiva de Costa da Morte Asociación Turística, ademais de poñer ao día aos novos integrantes dos aspectos relacionados co funcionamento da CMAT e de intercambiar puntos de vista sobre a estratexia turística de futuro, sendo un dos principais temas tratados os da “necesidade de traballar na análise da capacidade de carga do destino, especialmente dalgúns puntos do territorio, e consensuar o modelo turístico que queremos para Costa da Morte”, fixo seguimento das actividades postas en marcha durante a presente anualidade, no marco das axudas da Deputación da Coruña. Destacouse a sinatura do convenio con Turismo de Galicia para actividades de promoción turística no territorio, acadada o pasado mes de xullo.
Campañas de promoción
Está previsto que no próximo mes de setembro comecen as campañas promocionais online de turismo familiar, megalitismo, turismo xeolóxico, surf e praias salvaxes. Os membros da xunta directiva da CMAT tamén comezaron a valorar posibles emplazamentos e contidos para o que será o II Encontro de Turismo de Costa da Morte, que terá lugar no xeodestino no último trimestre de 2022.
Tras as xornadas celebradas a mediados do mes de xullo no Dolmen de Dombate sobre A protección do ceo nocturno, Fundación Startlight e contaminación luminosa no marco das Aulas Científicas 2022 A luz da Ciencia da Deputación da Coruña e do Concello de Cabana de Bergantiños onde foi entregada a application pack para solicitar a certificación Destino Turístico Starlight, a xunta directiva da CMAT agarda que os técnicos da Fundación Starlight realicen entre os meses de agosto e setembro sobre o terreo os traballos de auditoría para valorar a viabilidade da Costa da Morte para obter este distintivo “que axudaría ao destino ao posicionamento internacional no turismo de estrelas”. Conta para isto coa valiosa colaboración de Jorge Mira. Ademáis, a CMAT agarda “pacientemente” a resolución da concesión dos Plans de Sostibilidade Turística, o que constituiría o impulso definitivo para a consolidación do destino.