Vimianzo continúa a apostar polo Patrimonio como marca de identidade e revulsivo turístico.
O municipio que conta cun castelo medieval en excepcional estado de conservación, como emblema e icona, presume ademais de moitos outros tesouros patrimoniais que cada tempada reivindica a través de diversas actividades para difundir a súa historia e valor.
Neste empeño, Vimianzo vaise situando como todo un referente en turismo cultural, unha das modalidades turísticas favoritas nestas datas próximas de Semana Santa polo que o municipio soneirá intensificará os horarios de apertura aos seus recursos musealizados máis senlleiros (Castelo e Conxunto Etnográfico do Mosquetín), ademais de presentar un intenso programa de actividades turístico – culturais de xoves a domingo, onde se inclúen visitas guiadas e teatralizadas por parte da compañía “Os Quinquilláns”, así como un roteiro temático moi especial.
Estímase que seguindo unha tendencia en alza nos últimos anos, estas actividades acaden un seguimento destacado entre as xentes da comarca, que aproveitan estas datas para coñecer un pouco máis a zona, descansando e gozando do lecer cultural moitas veces en familia e sen necesidade de grandes desprazamentos.
Ruta temática do Megalitismo
Un dos recursos culturais mais importantes que atesoura Vimianzo é a súa alta concentración de exemplos megalíticos, de feito a súa “Ruta dos dolmens” cada ano suma adeptos entre os afeccionados á arqueoloxía e a historia. Durante a Semana Santa, un itinerario visitará en grupo organizado algún dos monumentos desta ruta temática, en concreto achegarase a Pedra Cuberta, Pedra Moura e Pedra da Lebre nas parroquias de Treos e Serramo. Para asistir é obrigada a inscrición dende o Concello, onde organizan e ofrecen toda a información das actividades na súa Oficina de Turismo.
Descargar Programa