Costa da Morte Asociación Turística colabora coas xornadas que se celebrarán a próxima semana no Concello de Cabana de Bergantiños sobre a conservación dos ceos na noite e na que participan a Fundación Starlight e os destinos galegos Starlight: A Veiga, Parque Nacional Illas Atlánticas e Concello de Muras.
A xunta directiva da CMAT, presidida por Mónica Rodríguez, destaca que no 2022 aposta pola promoción do surf, turismo xeolóxico e megalistismo nunha estratexia que quere “implicar a todo o territorio, diversificar a oferta e desestacionalizar a demanda”.
Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) xa ten listo un “exhaustivo informe” que argumenta e defende a candidatura do xeodestino da Costa a Morte para obter a certificación Destino Starlihgt. A presidenta a CMAT, Mónica Rodríguez, fará entrega simbólica da application pack, onde se inclúe o citado informe, á directora xerente da Fundación Starlight, Antonia Varela Pérez, os próximos días 14 e 15 de xullo nas xornadas sobre ‘Protección do ceo nocturno’ que se celebrarán no Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate, no concello de Cabana de Bergantiños. Así o acordou a xunta directiva da CMAT, reunida o pasado luns (4 de xullo) e presidida por Mónica Rodríguez. Nesta reunión tamén participaron os membros da xunta directiva Xosé Muíño e Xosé Marcote; o equipo da Secretaría Técnica da CMAT, Marta Rodríguez e Manuel Carneiro; e unha representación do Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate, integrada por Jorge Mira e Silvia Losada. Este informe e o resto de traballos necesarios para a solicitude do certificado “Destino Turístico Starlight” foron desenvolvidos grazas á cofinanciación da Deputación da Coruña, a través da concesión das axudas a entes de xestión turística na anualidade 2022.
Costa da Morte Asociación Turística e a Deputación da Coruña colaboran coas xornadas que organiza o Centro de Interpretación do Dolmen de Dombate sobre ‘Protección do ceo nocturno, Fundacion Starlight e contaminación lumínica’. Terán lugar o 14 e 15 de xullo no Dolmen de Dombate. “Este encontro servirá para concienciar sobre a importancia da conservación do ceo nocturno”, destaca a presidenta da CMAT, Mónica Rodríguez, quen apunta que a cita “tamén reunirá en Cabana de Bergantiños aos destinos Starlight de Galicia: Trevinca, Muras e Parque Nacional das Illas Atlánticas”. Estas tres ubicacións galegas que xa contan con certificación que concede a Fundación Starlight “compartirán a súa experiencia e boas prácticas e contarán que representou a certificación para o territorio”.
Mónica Rodríguez, tamén alcaldesa de Vimianzo, sinala que este cumio arredor da protección do ceo nocturno e o turismo astronómico en Galicia servirá de presentación oficial da candidatura da Costa da Morte como Destino Starlight, un marchamo que convertiría este territorio integrado por 17 concellos (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristando, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas) no cuarto Destino Starlight de Galicia e no primeiro da provincia da Coruña. A xunta directiva de Costa da Morte Asociación Turística está convencida de que o seu territorio conta coa “idoneidade” para incorporarse ao astroturismo ou turismo de estrelas. A presidenta da CMAT solicitou de novo o compromiso, así como a asistencia á xornadas, dos representantes dos concellos que integran o xeodestino así como dos axentes do ámbito público e privado que forman parte do sector turístico da Costa da Morte.
A reunión da xunta directiva de Costa da Morte Asociación Turística tamén serviu para valorar as ofertas recibidas polos provedores e se adxudicaron os servicios que impulsará co apoio das axudas da Deputación da Coruña e do convenio que firmará con Turismo de Galicia, dependente da Xunta de Galicia. A asociación que preside Mónica Rodríguez seguirá apostando pola promocion do turismo familiar. Dúas familias viaxeiras con influencia nas redes sociais e blogs especializados achegaránse a partir do mes de setembro ata Costa da Morte.
Surf, turismo xeolóxico e megalitismo
A CMAT ten previsto, por outra banda, crear contidos promocionais vinculados coas mellores praias do xeodestino para a práctica do surf, partindo do traballo xa realizado pola Deputación da Coruña e relacionado coa candidatura da Costa da Morte para ser Reserva Mundial de Surf. Esta iniciativa pretende identificar e promocionar os areais máis salvaxes do territorio que axuden a posicionar o producto turístico ‘Naturalmente Salvaxe’.
Así mesmo, Costa da Morte Asociación Turística poñerá en marcha na segunda metade de 2022 outras dúas campañas, concretamente sobre o Turismo Xeolóxico e o Megalitismo na Costa da Morte. “Queremos que todo o territorio que integra o xeodestino poida verse representado e exista un equilibrio entre as diferentes iniciativas impulsadas desde a CMAT”, lembra Mónica Rodríguez, quen indica que “todo este plan para o que queda de 2022 será impulsado por equipos de traballo especializados nas diferentes temáticas e cun profundo coñecemento do noso territorio e patrimonio natural e cultural”. A presidenta lembra unha vez máis que a CMAT, coa súa estratexica turística, pretende “implicar a todo o territorio, diversificar a oferta e desestacionalizar a demanda”.
Por outra banda, a Costa da Morte Asociación Turística está á espera da resolución dos Plans de Sustentabilidade Turística. CMAT, que presentou o pasado mes de maio o seu proxecto neste eido e que conta con presuposto de 2,5 millóns de euros para os anos 2023, 2024 e 2025, confía en coñecer a resolución a finais do presente verán.