Costa da Morte e surf son dous conceptos que están intimamente ligados. Sobre isto é bo coñecedor Patrick Vilán, ao fronte de Caión Surf House, surfcamp que ademais oferta aloxamento a pé de Praia en Caión, A Laracha. A continuación coñeceremos a súa perspectiva sobre a situación actual do sector e as perspectivas de futuro do surf en toda esta costa.
Entrevista cofinanciada entre CMAT e a Xunta de Galicia a través dun convenio con Turismo de Galicia.
Turismo como revulsivo para a creación de escolas de surf ou catalizador e dinamizador turístico da Costa da Morte?
O surf na Costa da Morte en una das múltiples actividades e prácticas deportivas existentes nesta zona, sendo algunhas das máis coñecidas a Camiño dos Faros ou o Camiño a Fisterra, rutas en kaiak, sendeirismo… O dispoñer dunha contorna idílica como a nosa contribúe a que o surf este sempre presente en practicamente todas as praias mais importantes, contando cunha boa infraestrutura para poder dar servizo a esta demanda.
Sen dúbida as escolas de surf contribúen a dinamizar o sector turístico, ao mesmo tempo que tamén este favorece que pouco a pouco as empresas se profesionalicen e crezan para poder dar así un servizo de maior calidade.
En que momento atópase o sector trala pandemia e o posterior auxe do turismo de natureza e o turismo activo? Percíbese un maior interese pola cultura do surf en esta zona?
Nos meses inmediatamente posteriores á pandemia, cando se relaxaron as restricións por primeira vez, si que notamos un gran incremento, xa que moita xente optou polo surf e outras actividades ao aire libre como unha vía de escape tras tantos meses de encerro. Houbo un aumento considerable da demanda, sobre todo dende a comunidade local e turismo nacional. Pouco a pouco, tras ese boom inicial, o turismo nacional estabilizouse e incrementouse o turismo máis internacional, grazas as medidas máis laxas adoptadas polo noso país. Este ano, tanto un como o outro, estabilizáronse; non percibimos un incremento exponencial dende eses primeiros meses trala pandemia.
Dende unha perspectiva turística, poderíamos diferenciar o ?turismo de surf? propiamente dito, realizado por persoas cuxa motivación principal á hora de elixir un destino sexa a búsqueda das mellores ondas, e por outro lado, aquelas outras que conciben o surf como unha experiencia máis dentro da súa viaxe, unha actividade complementaria. Poden convivir ambos tipos de concepcións nun mesmo destino? Deberíanse de trazar estratexias diferenciadas para ambas vertentes?
En efecto, trátase de dúas estratexias e perfís diferentes. Por unha banda temos ao surfista avanzado, probablemente con un perfil mais aventureiro, que busca unha viaxe mais independente. Normalmente trátase dunha persoa foránea, sobre todo vemos moita xente de Alemaña, Bélxica, Austria…
O impacto deste tipo de perfil na zona é moito menor, xa que viaxan nun formato distinto, en auto caravanas e furgonetas camperizadas. Co o considerable aumento deste tipo de viaxeiros surxe a necesidade de regular e trazar estratexias concretas para poder canalizar este tipo de turismo e que o impacto na zona sexa positivo, que repercuta nos axentes locais. Existen modelos a seguir como os de Francia ou País Vasco, onde todo está moi regulado, con espazos habilitados, aparcadoiros de pago para furgonetas e demais.
En xeral, este tipo de turismo de surf mais independente non se achega as escolas para solicitar clases ou alugar material; acoden a praias menos masificadas, con mais ondas, mentres que un perfil de iniciación si que notamos máis o seu impacto económico.
A Costa da Morte é sinónimo de praias recónditas, salvaxes… Cales recomendarías para a práctica do surf? Cales son os atributos diferenciadores desta zona con respecto a outras de Galicia?
Obviamente a Costa da Morte, pola súa localización e en certa medida pola distancia a centros ou capitais urbanas fan que sexa un lugar diferente, con un encanto que outras zonas non teñen. Por exemplo, en Oleiros ou Ferrol, outros dos destinos máis importantes de surf en Galicia, si contan con centros urbanos máis próximos, pero no caso da Costa da Morte estes quedarían un pouco máis distante. Isto xa fai que sexa un lugar diferente ao resto, con un estilo máis aventureiro, cunha menor afluencia, o que sen dúbida é un elemento diferenciador.
Por unha banda teríamos as praias de fácil acceso, cómodas, con ondas aptas para practicamente todos os niveis (Caión, Razo, Malpica, Nemiña…) e por outra banda estarían aquelas con accesos máis complicados, caracterizadas por unha costa máis exposta, abrupta e con maiores riscos, que só deben ser afrontados polos surfistas máis experimentados. Estas praias menos coñecidas, que non figuran nos mapas ou guías turísticas son as que busca o surfista, descubrindo a Galicia máis salvaxe, máis descoñecida. Ao non ter ao teu alcance, por exemplo, uns accesos sinxelos, cunha cámara en directo onde ver o estado do mar, tamén é parte desta aventura, o non poder planificalo todo ao detalle e deixar algo sempre para a improvisación.
Xa dentro do mar, cómo é a convivencia entre os que vos adicades profesionalmente ao surf e os turistas ou bañistas nas zonas máis masificadas? Cres que nas praias con maior afluencia debería existir unha regulación visible para todas e todos, con respecto á ordenación dos espazos?
Nos máis de 20 anos que levo no mundo do surf, vin como algunhas zonas foro masificándose co paso dos anos. Pouco a pouco, organismos como Costas, a Federación de Surf e os propios concellos comezaron a regular timidamente, pero seguimos lonxe de que exista unha normativa adecuada no canto á xestión de estes lugares e, sobre todo, a saber darlle valor á práctica do surf.
Existen moitos exemplos de cómo en algunhas zonas como Ericeira (Portugal), Reserva Mundial de Surf, Ribamontán en Cantabria ou as do país galo, conciben o surf como un catalizador clave do turismo, como apostan totalmente por isto, dándolle prioridade con zonas coutadas para o usuario local e o turista, dándolle máis valor ao surfista e ao seu espazo. Queda moito para que en Galicia apóstese firmemente polo surf e exista unha convivencia ideal entre ambas partes.
Existen sinerxías e colaboracións entre o mundo do surf e os axentes turísticos en destino (aloxamentos, restauración, outras empresas de turismo activo…)? Véxase por exemplo axencias de viaxe ou aloxamentos que ofrecen bautismos de surf ou actividades relacionadas.
Sí, está claro que existen moitos modelos de negocio diferentes dentro do sector; temos empresas que se dedican exclusivamente a dar clases de surf e outras que apostan por ofrecer, máis que unha clase unha experiencia, complementando a práctica deportiva con experiencias gastronómicas e culturais, por exemplo. Este modelo sempre ven vinculado á sinerxías con empresas da zona. Na nosa escola, por exemplo, colaboramos con empresas que ofrecen visitas as Illas Sisargas, con casas rurais, apartamentos turísticos e aloxamentos en xeral… Sen embargo, si é certo que existen surfcamps onde xa canalizan todo de forma interna, facendo todas as actividades dentro das propias instalacións da escola.
Cómo poderían contribuír as escolas de surf á desestacionalización de determinadas zonas turísticas durante os meses de verán?
Debemos desestacionalizar a práctica do surf, por exemplo, os meses de maio, xuño, setembro, outubro ou novembro son meses onde podes sentir unha conexión, unha sintonía máxica co mar. Lamentablemente, seguimos coa mentalidade de viaxar exclusivamente en xullo e agosto, onde se paraliza todo. Este feito é percibido por moitos turistas estranxeiros, que veñen a clases ou campionatos de surf, onde preguntan cal é o motivo desta paralización durante todo un mes. Na miña opinión, neste senso, deberíamos europeizarnos un pouco e desestacionalizar incluso as nosas vacacións, repartindo todo un pouco máis ao longo do ano.
A proposta de paquetes atractivos fora de temporada estival e promocionar determinadas actividades xa dende Semana Santa ou Novembro pode atraer ao público que busca algo máis aló do verán, un turismo máis relaxado. Ofrecer paquetes que inclúan experiencias gastronómicas, por exemplo, organizar e combinar estas actividades coa celebración de campionatos… son algunhas das accións que contribúen a complementar a actividade principal das escolas de surf.
En relación coa pregunta anterior, cal é a mellor época do ano para a práctica do surf na zona da Costa da Morte, sexa cal sexa o nivel? Poderías indicarnos algunhas das vantaxes de practicar surf en inverno ou fora do verán?
O inverno é duro, os meses de Decembro a Marzo e Abril son complicados para o surf de iniciación, estamos ante unha costa moi esixente. Sen embargo, ao mesmo tempo, é unha época na que os surfistas de alto nivel precisamente buscan isto, as mellores ondas e praias menos masificadas. Sen dúbida, o concepto xeneralizado de que a práctica do surf é exclusiva do verán debe de cambiar, xa que pode prolongarse moito máis alá dos meses máis calorosos, por suposto.
A práctica do surf, a sostibilidade e o medio ambiente son conceptos intimamente ligados, cal ou cales cres que son as mellores accións para contrarrestar ou paliar o efecto que un turismo de masas pode exercer en determinadas praias?
Obviamente o surfista é o primeiro interesado no océano e o medio ambiente, o vivir conectados coa mar é imprescindible para nós. Dende a comunidade do surf existe un gran sentimento de responsabilidade e colaboración para contribuír a que o medio estea nas mellores condicións posibles. De forma individual todos os surfistas contribúen, cando saes da auga tes nunha man a táboa e noutra lixo que podes chegar a atopar.
Fai anos, este tipo de accións non eran tan usuais, pero actualmente si hai bastante conciencia, co desenvolvemento de campañas específicas. A nivel comunidade existen plataformas que organizan talleres, eventos, charlas… Todo isto contribúe a darlle visibilidade a este problema e a búsqueda de solucións, aínda que sexan mínimas e de xeito individual.
O programa Surf and Clean de Costa da Morte, por exemplo, traballa dende a parte máis educativa, colaborando con talleres, charlas e cursos con colexios, concienciando aos máis pequenos a través do surf. As institucións tamén teñen que involucrarse coa recollida de lixo nos espazos naturais, con aparcadoiros sostibles e regulados, con capacidades controladas, facilitando o transporte público para desmobilizar a gran cantidade de vehículos que chegan as praias coa consecuente contaminación que xeran.
Para rematar, na túa opinión, que accións poderíanse implementar para contribuír a que a sociedade fora consciente das oportunidades que o mundo do surf podería proporcionar á Costa da Morte e a Galicia en xeral?
Obviamente a miña perspectiva pode ser distinta a de outras persoas, sobre todo aquelas que aínda conciben o surf como unha actividade perigosa, centrada no verán, ou só orientada as persoas máis aventureiras, de certa idade… ÿ indispensábel cambiar estas ideas, e concienciar sobre a importancia do surf e os beneficios que pode traer a todos os niveis, dende beneficios para a saúde, como forma de liberar endorfinas, ata o seu impacto económico, canalizando todo isto cara un turismo de calidade sostible, cunha xestión realizada por xente autóctona, local, que vive na zona e coñece a súa casuística.
Hai exemplos como Marrocos ou algunhas zonas de Galicia onde existe un incipiente número de escolas de surf de xente foránea, sobre todo suíza, austríaca, alemaña…que xeran un efecto burbullasobre eles mesmos, invisibilizando o impacto na zona. O discurso de todas as escolas debería ser o de xerar máis comunidade, que os organismos públicos contribúan a facilitar esta convivencia e facer unha folla de ruta de cómo axudar a compaxinar o turista libre, o surfista libre e os locais. ÿ unha ecuación delicada, pero totalmente posible e necesaria.