Continuamos cas entrevistas aos concellos co Concello de Corcubión. Corcubión está situado en Galicia, actual Comunidade Autónoma española ubicada no noroeste da Península Ibérica, onde antigamente localizouse a Gallaecia romana e posteriormente, entre os anos 409 e 1833, o Reino de Galicia.
Galicia pertence tamén á eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.
A Ría de Corcubión, na que se localiza o mítico cabo de Fisterra, é a máis alta das Rías Baixas e forma parte da denominada Costa da Morte. A forma máis cómoda de chegar a Corcubión é desde Santiago de Compostela (capital de Galicia) ou desde A Coruña.
En Corcubión é onde medrou, ata que con 18 anos marchou estudar a Vigo. Tras un ano nesta cidade trasladouse á Coruña para cursar a Diplomatura en Turismo, rematándoa no ano 2010, tras unha estancia de 5 meses no Instituto Superior de Línguas e Administração, en Lisboa. Pouco despois cursou o Máster en Profesorado na Universidade da Coruña para poder optar á preparación dunhas oposicións e poder dedicarse algún día á ensinanza (algo polo que tivo predilección desde pequena). Posteriormente, cursou tamén o Máster en Planificación e Xestión de Destinos e Produtos Turísticos, tamén na Universidade da Coruña.
Entre os anos 2011 e 2016 viviu na Coruña traballando fóra do ámbito do turismo, nunha ocupación que lle permitise traballar e estudar ao mesmo tempo. Ata que en 2016 regresou a Corcubión xa para quedar. Tivo a sorte de poder comezar a traballar no verán de 2016 como Técnico de Turismo no Concello de Corcubión e, por sorte, excepto no ano 2019, seguiu o resto dos anos ata o actual desempeñando ese mesmo posto (aínda que non de forma continua).
As súas funcións neste emprego son as de atención a visitantes e peregrinos na Oficina de Turismo da vila, levando a cabo as tarefas propias da mesma como son a atención presencial, telefónica e por correo electrónico tanto de visitantes e peregrinos ou calquera outra persoa que queira consultar algún tipo de información; a elaboración de estatísticas, de material divulgativo, dos horarios de autobús, de museos, dos establecementos de aloxamento e restauración… Todo o relacionado con dar información tanto do seu municipio coma dos demais concellos que conforman a Costa da Morte, ademais de traballar na realización de actividades de divulgación cultural do seu Concello, como o deseño e realización das visitas guiadas polo conxunto histórico-artístico de Corcubión que se veñen realizando desde o 2018.
Que sentimentos esperta para ti Costa da Morte? Que significa para ti?
Para min a Costa da Morte é calidade de vida. Máis aínda cando, coma no meu caso, tes fillos. Poder criarse e medrar aquí é un privilexio. A nivel persoal, despois de vivir nas cidades de Vigo, A Coruña e Lisboa por estudos e na Coruña por traballo, non cambiaría Corcubión e a Costa da Morte pola vida nunha cidade. E con máis motivo tendo en conta que en Corcubión e Cee dispoñemos de todos os servizos e temos A Coruña e Santiago de Compostela a unha hora de camiño.
A Costa da Morte é, como dixen, calidade de vida. Pero tamén é tranquilidade, paz, calma, familia, amigos, morriña… A nivel persoal, lembro como na miña época de estudante cando chegaba o venres o ritual era, unha vez rematadas as clases, coller ruta de volta a casa na fin de semana. E o mesmo ocorría no meu entorno máis próximo: a fin de semana era para estar na casiña, coa familia e cos amigos. Isto é algo que aínda se ve hoxe en día: a excepción do verán (sobre todo os meses de xullo e agosto, que é cando máis visitantes temos e vemos que aumenta a poboación nas nosas vilas) o resto do ano entre semana non hai demasiado movemento na vila, pero de venres a domingo temos un ambiente na vila que non só se debe a que sexan os días nos que a xente está máis libre do seu traballo, senón tamén a que veciños de Corcubión por estudos e traballo están fóra da vila volven a ela nas fins de semana ou cando as súas obrigas llo permiten. E xa non falemos do verán… con todas as festas que hai por toda a Costa da Morte (falo de antes da COVID-19), destacando, para min, as festas de campo.
Persoalmente, a Costa da Morte para min é sinónimo de fogar.
Tres motivos para descubrila
- Gastronomía.
- Paisaxe.
- Desconexión da rutina.
En qué época do ano che gusta máis Costa da Morte e por que?
Gústame en todas as épocas do ano, pero eu non son moito de praia, polo que gústame máis en outono e primavera, ou incluso no inverno máis que no verán. Non quero dicir que non me guste no verán, que si que me gusta porque a temperatura é moito máis agradable, porque é a época do verán cando que se celebran máis festas (das que me gustan máis as de campo) e porque os días son máis longos e podes aproveitalos máis para visitar sitios, facer rutas ou tomar algo/cear nunha terraza. Pero o outono, para min, é unha época máis tranquila, bonita para facer algunha ruta a pé por calquera lugar da Costa da Morte, xa non hai aglomeracións de xente nos puntos máis coñecidos… E para min, que agora vou cun neno que aínda non ten 3 anos a todos os sitios, diría que é a mellor época para percorrer a Costa da Morte pola tranquilidade que nos ofrece.
Para os turistas que se animan a visitarvos fóra da tempada de verán, que experiencias non poden perderse?
- Unha ruta a pé polos espazos naturais de calquera dos Concellos da Costa da Morte.
- Degustar un bo cocido galego nun día de inverno.
- Un paseo polo conxunto histórico de Corcubión.
- Ata en días de vento ou se hai algo de temporal é moi bonito ver romper o mar na costa de Muxía.
- Ver unha posta de sol.
Ademais do faro da illa Lobeira, que outros lugares ou experiencias non poden perderse?
- Unha posta de sol desde Redonda.
- Un paseo dese a igrexa de San Pedro de Redonda ata o Cabo da Nasa, onde se atopa o noso banco azul desde onde ver o Cabo Fisterra, a illa Lobeira ou o faro do Carrumeiro Chico.
- Un percorrido polos arredores da vila de Corcubión, desde onde se pode apreciar unha voa vista da ría de Corcubión.
Galicia en Xeral, e Costa da Morte en particular, son sinónimo de boa comida, algunhas recomendacións de pratos típicos para descubrir Corcubión mediante o padal?
Nos establecementos de restauración de Corcubión poderemos degustar ricos pratos de peixe e marisco, algo común en todas as vilas da Costa da Morte. Pero, ademais, tamén poderemos tomar unha saborosa tortilla de patacas e outros pratos como polbo á feira, calamares fritos ou raxo e zorza. E moitas máis cousas que seguro non defraudan, como por exemplo un cocido ou as orellas e filloas do Entroido. Se aquí por comer… comemos moi ben!
Que vos contan os que vos visitan? Que é o que máis lles apaixona da súa estancia en Corcubión? E de Costa da Morte?
En xeral comentan o preciosa que é toda a Costa da Morte, as fermosas praias que temos e as impresionantes vistas que se aprecian desde moitos dos lugares que visitan. O tema da gastronomía tamén é de destacar, pois todos os nosos visitantes coinciden en destacar a boa gastronomía que temos, o ben que comen en xeral e a boa relación calidade-prezo dos establecementos da Costa da Morte.
De Corcubión destacan o bonita que é a entrada na vila, bordeando a ría que está chea de pequenas embarcacións. E todos destacan o marabillosa que é a Igrexa de San Marcos así como as diferentes casas señoriais que se poden ver facendo un percorrido por Corcubión. En xeral coinciden en que Corcubión ten un conxunto histórico ben conservado e, con ser unha vila das máis pequena, parécelles que é a que máis encanto ten en conxunto.
As túas tres praias favoritas en Costa da Morte? Por que esas? E para os amantes do surf e outras actividades náutico-deportivas?
Persoalmente, e pola miña situación, a miña favorita é a de Quenxe, en Corcubión, pois no meu caso, e vivindo aquí cun neno de 2 anos é á que podo chegar camiñando en 10 minutos desde o centro da vila, aproveitando para facer o percorrido polo paseo marítimo e sen necesidade de coller o coche. Ademais, trátase dunha praia de ría moi resgardada que para ir con nenos pequenos non ten ningún perigo.
Outra das que me gusta é a de Estorde, tamén pola súa proximidade a Corcubión ou Gures, a que en días con vento é moi resgardada. Aínda que estas praias son moi bonitas e están moi ben para o baño é difícil dicir cales son as favoritas ou escoller tres, pois temos moitas praias moi fermosas ás que poder ir aínda que sexan máis perigosas para o baño, como por exemplo a Praia do Rostro.
Por destacar destacaríaas todas: a praia de Carnota, a de Nemiña, Os Muíños, Trece, Traba de Laxe… e seguiría coa lista, porque todas teñen o seu encanto.
Para a práctica do surf destacaría a Praia de Nemiña, aínda que tamén en Mar de Fóra se practica e xa máis arriba, en Carballo, a de Razo.
Para os amantes do sendeirismo… cal recomendas no teu concello? E cal é a túa preferida en Costa da Morte?
En Corcubión a que fago con máis frecuencia é o percorrido que vai dende Corcubión polo paseo marítimo ata Quenxe, de aí ao Faro de Corcubión, a Redonda e ao Vilar, para despois volver de novo á vila baixando dende ao Vilar polo Camiño de Santiago a Fisterra (en sentido inverso).
Outra das que me gustan próximas a Corcubión é a da Meigha Lirea, que comeza en Lires (Cee). E como non, a subida ao Monte Pindo desde O Fieiro. Tamén teño pendente de facer a Ruta da Auga de Zas, moi recomendada por coñecidos que xa a fixeron e a cal teño na lista de cousas pendentes.
Que lugar cres que é o gran descoñecido en Costa da Morte pero que ten un gran interese ou potencial?
Dentro do Concello de Corcubión diría que é a zona de costa entre o Faro do Cabo Cee e Redonda e Amarela que se pode facer a pé, aínda que de momento non hai un itinerario sinalizado. O que quero dicir con isto é que Corcubión é máis coñecido polo seu conxunto histórico-artístico e os que visitan a vila veñen máis coa idea de ver a súa parte histórica, pero tamén no noso municipio temos unha parte de costa que se pode percorrer a pé e que, de forma xeral, non é tan coñecida como outras zonas costeiras dos arredores.
Xa en conxunto, de forma xeral, penso que as zonas máis descoñecidas da Costa da Morte son as dos municipios de interior. Polo menos esa é a sensación que teño dos visitantes que pasan por Corcubión e que demandan máis ver lugares de costa e facer rutas a pé de mar, cando en moitos lugares de interior hai bonitas paisaxes con pequenas fervenzas e camiños para facer a pé (Mazaricos, Zas, Coristanco, Carballo…) ou paseos fluviais como o de Gabenlle, na Laracha. Isto é a miña opinión baseándome nas persoas que demandan información na Oficina de Turismo de Corcubión.
Onde atopamos a mellor posta de sol?
Sendo o Cabo Touriñán o punto máis occidental é moi recomendable ver a posta de sol dende alí. A miña experiencia alí foi fantástica, nunha tarde de finais de verán e con moi pouca xente (habería 4 coches, non máis). Un lugar cunha tranquilidade e unha paisaxe inmellorables.
Sen quitar mérito a outros lugares, como o Cabo Fisterra ou Lires, desde onde tamén se pode ver unha posta de sol marabillosa, tamén en Corcubión temos o Lugar de Redonda desde onde ver a posta de sol é algo que se aconsella experimentar.