A xornada reuniu 200 representantes institucionais, profesionais e entidades sociais para facer balance do traballo da asociación, compartir os principais retos da Costa da Morte e recoñecer o labor de colectivos e persoas vinculadas ao territorio.
Cinco anos despois da súa primeira edición, a CMAT regresou este martes ao Parador de Muxía para celebrar o VI Encontro de Turismo da Costa da Morte. A cita permitiu poñer en común parte do traballo desenvolvido pola asociación durante o último ano, compartir os avances e os retos do Xeodestino Costa da Morte e recoñecer a contribución de dúas realidades fundamentais para o territorio: as entidades sociais e as persoas que axudan a contar e proxectar a súa identidade.
A convocatoria congregou a 200 representantes institucionais, profesionais do sector turístico e organizacións sociais nun programa que combinou a presentación de proxectos, as intervencións institucionais e diferentes recoñecementos. O regreso ao Parador, onde se celebrou aquel primeiro encontro en 2021, engadiu unha dimensión especial á xornada e permitiu poñer en perspectiva o camiño percorrido durante estes cinco anos.
Un ano de proxectos e novas iniciativas para o destino
A evolución do destino pasa tamén por seguir avanzando nunha visión compartida e coordinada entre os seus 17 concellos. Esta foi unha das ideas centrais da presentación da actividade desenvolvida pola CMAT neste último ano. Marta Baños, consultora en Goodlife Consultoría, Asistencia Técnica da CMAT, destacou algúns dos proxectos impulsados durante o último ano e incidiu na importancia de reforzar a identidade común da Costa da Morte: «Temos realidades diferentes no territorio, pero compartimos un mesmo obxectivo: desenvolver a Costa da Morte como un territorio único».
Pola súa banda, Pepe Formoso, presidente da Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), director das empresas Bela Fisterra e Bela Muxía e representante do sector empresarial, achegou a perspectiva das empresas e profesionais que traballan directamente no destino. Na súa intervención puxo o foco na trasversalidade do turismo e a importancia de recibir ao turista que decide vir á Costa da Morte como un único territorio.
Recoñecemento ao labor das entidades sociais da Costa da Morte
Un dos momentos centrais desta edición foi a homenaxe colectiva ás entidades de inclusión social da Costa da Morte, unha iniciativa coa que a CMAT quixo poñer en valor o traballo que desenvolven estas organizacións e a súa contribución á construción dun territorio máis inclusivo e accesible. A encargada de presentar este recoñecemento foi Margarita Lamela, vicepresidenta da CMAT e alcaldesa de Cee, quen destacou a importancia de visibilizar e recoñecer o labor destas entidades detrás das cales están as familias, así como que «o que realmente fai grande este territorio é a súa xente e a súa capacidade de non deixar a ninguén atrás».
En representación das entidades homenaxeadas interviu Adolfo López, presidente de Íntegro, quen agradeceu esta distinción e puxo en valor a importancia de visibilizar o traballo diario das asociacións, sen esquecer a necesidade de seguir avanzando cara a unha Costa da Morte na que todas as persoas poidan participar e gozar das oportunidades e recursos do territorio: «só existe un turismo inclusivo cando se adapta toda a cadea de valor».
Homenaxe ás asociacións de palilleiras da Costa da Morte
A música de Caamaño&Ameixeiras deu paso ao bloque de intervencións institucionais, no que Xosé Regueira, vicepresidente e deputado de Turismo da Deputación da Coruña, sinalou a Costa da Morte como un gran escaparate turística de Galicia e concluíu na necesidade de «saber entendernos, aparcar sobre o que non estamos de acordo e seguir a traballar en todo o que si o estamos».
Pola súa banda, Xosé Manuel Merelles, director da Axencia Turismo de Galicia, destacou o compromiso da sector turístico da Costa da Morte e traballo que está a desenvolver a CMAT. Trasladou que os datos avalan a madurez do xeodestino Costa da Morte, con máis de 87 mil peregrinos neste 10 primeiros meses do ano e un incremento da ocupación dun 13% nestes mesmos meses.
Xosé Ameixeiras, catro décadas dando voz á Costa da Morte
O xornalista Xosé Ameixeiras recibiu o IV recoñecemento Embaixador da Costa da Morte, unha distinción coa que a CMAT destacou a súa longa traxectoria en La Voz de Galicia e a súa contribución á difusión da realidade da comarca. Ao entregarlle o galardón, o presidente da CMAT, José Manuel López, puxo o foco na súa defensa dunha Costa da Morte entendida como un territorio unido: «Xosé contribuíu durante máis de corenta anos a dar voz ás persoas desta comarca e a contar o que aquí acontece. A súa traxectoria representa tamén unha forma de entender a Costa da Morte como un proxecto común, no que a cooperación entre concellos é fundamental».
Ao recibir este recoñecemento, Xosé Ameixeiras, centrouse na importancia da unión do territorio nuna misión común sen deixar de reivindicar o camiño que aínda queda por facer, pero sempre predicando coa esperanza, que está nesta unión.
Unha etapa de traballo compartido e novos retos
O presidente da CMAT e alcalde da Laracha, José Manuel López, pechou o bloque institucional facendo fincapé na importancia da colaboración entre administracións, concellos e sector privado para seguir avanzando cara a un destino máis competitivo. López destacou o papel das achegas municipais, cuxo incremento permitiu reforzar a capacidade económica da entidade e ampliar as súas liñas de actuación, así como o apoio da Xunta de Galicia e da Deputación da Coruña. Tamén reivindicou a CMAT como unha ferramenta para sumar esforzos e defender unha visión compartida do territorio: «Os retos turísticos que temos por diante non entenden de límites municipais e, polo tanto, tampouco deberiamos abordalos de maneira individual».
A xornada rematou coa actuación musical de Caamaño&Ameixeiras e un cóctel que permitiu prolongar o encontro nun ambiente distendido, favorecendo a conversa e o intercambio de ideas entre os profesionais, representantes institucionais e entidades participantes.
Con esta sexta edición, a CMAT reafirma a súa aposta por manter un espazo de encontro que contribúa a estreitar relacións, compartir iniciativas e avanzar nun proxecto turístico común. Un traballo que require a implicación dos concellos, das administracións supramunicipais, do tecido empresarial, das asociacións e das entidades sociais, co obxectivo de seguir construíndo unha Costa da Morte cohesionada, competitiva e fiel á súa identidade.
A CMAT organiza este acto grazas ao convenio asinado coa Axencia de turismo de Galicia, e desenvolve tamén outras actividades de promoción turística por medio dunha subvención recibida pola Deputación da Coruña.































