A CMAT – Costa da Morte Asociación de Turismo desenvolverá unha unidade didáctica dixital e interactiva dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria dos centros educativos da Costa da Morte. Esta iniciativa forma parte do proxecto «Trazando a Costa: patrimonio, produto local e pesca artesanal na Costa da Morte», que busca achegar a realidade do sector pesqueiro artesanal ás novas xeracións e contribuír á conservación e divulgación do patrimonio mariñeiro do territorio.
A proposta estará adaptada ao nivel educativo do alumnado e abordará diferentes aspectos relacionados coa actividade pesqueira da comarca. Entre os seus contidos estarán as principais especies dos recursos pesqueiros locais, as artes de pesca sostibles, a economía azul e a trazabilidade dos produtos, permitindo comprender mellor a orixe dos alimentos que chegan ás nosas mesas e o traballo que hai detrás deles.
A unidade concíbese como un recurso dixital interactivo que combinará materiais audiovisuais, ilustracións, fotografías, ligazóns de interese e xogos educativos. A través destas ferramentas, o alumnado poderá descubrir os recursos mariños da Costa da Morte dun xeito participativo, reforzando os coñecementos sobre a pesca artesanal e a importancia dunha actividade desenvolvida historicamente nas comunidades costeiras.
O material estará dispoñible como recurso divulgativo na páxina web da CMAT e con esta acción, a CMAT pretende incorporar a cultura mariñeira aos recursos educativos do territorio, favorecer o coñecemento do sector pesqueiro entre a poboación máis nova e contribuír a recoñecer o valor social, económico e ambiental da pesca artesanal.
Este proxecto está promovido pola CMAT – Costa da Morte Asociación de Turismo, «Trazando a costa: patrimonio, produto local e pesca artesanal na Costa da Morte», e financiado pola Consellería do Mar e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), a través das axudas xestionadas polo GALP Costa da Morte.