A CMAT – Costa da Morte Asociación de Turismo foi beneficiaria dunha axuda para desenvolver o proxecto «Trazando a Costa: patrimonio, produto local e pesca artesanal na Costa da Morte», unha iniciativa que busca reforzar a visibilidade e o prestixio dos produtos da pesca artesanal, fomentar o seu consumo e contribuír ao recoñecemento social do oficio mariñeiro.
O proxecto, cun orzamento total de 63.283 euros, desenvólvese no marco das axudas para proxectos ao abeiro das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), xestionadas polo GALP Costa da Morte, dentro do Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA) 2021-2027. Enmárcase na Prioridade 3 deste fondo europeo, orientada a favorecer unha economía azul sostible nas zonas costeiras e impulsar o desenvolvemento das comunidades pesqueiras e acuícolas.
A actuación abrangue nove concellos do territorio do GALP Costa da Morte: A Laracha, Carballo, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Laxe, Vimianzo, Camariñas e Muxía.
Educación, patrimonio e promoción do produto local
«Trazando a Costa» articúlase arredor de varias liñas de traballo complementarias, que conectan a cultura mariñeira e a historia da navegación coa realidade actual da pesca artesanal e coa promoción dos produtos locais.
Un dos seus eixes principais é o educativo, mediante a creación dunha unidade didáctica dixital e interactiva sobre os recursos pesqueiros da Costa da Morte, dirixida ao alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria. O recurso abordará cuestións como as especies locais, as artes de pesca sostibles, a economía azul e a trazabilidade dos produtos, co obxectivo de achegar ás novas xeracións o coñecemento do mar e dos oficios vinculados a el. A súa implementación nos centros educativos realizarase de maneira progresiva entre 2027 e 2028, acompañada dun manual de uso para o profesorado.
O patrimonio marítimo terá tamén un papel destacado. O proxecto contempla a investigación, recuperación e dixitalización de cartografía náutica histórica da comarca, que servirá como soporte expositivo e promocional para explicar a orixe, a evolución e as dificultades da actividade pesqueira nestas augas.
Outra das actuacións previstas é a organización dun programa de visitas guiadas a lonxas, mercados e outros espazos de referencia vinculados ao mar. A través destas experiencias, o público poderá coñecer de primeira man os oficios mariñeiros, o traballo das peixeiras e dos poxadores, así como os sistemas de poxa e etiquetaxe que forman parte da cadea de valor do produto pesqueiro. Está prevista a realización de 12 visitas en 2027 e outras 12 en 2028.
O terceiro gran ámbito de actuación será a promoción do consumo de produto local, mediante campañas de comunicación en redes sociais e materiais informativos nos puntos de venda. Estas accións darán a coñecer os oficios vinculados ao mar, a estacionalidade das especies e os beneficios para a saúde e a sustentabilidade do consumo de peixe e marisco de proximidade.
Un proxecto con desenvolvemento ata 2028
A execución distribuirase en tres anualidades. En 2026 concentraranse os traballos de creación da identidade gráfica, coordinación cos axentes do territorio e elaboración da unidade didáctica. Durante 2027 desenvolveranse a recuperación da cartografía histórica, a primeira fase de implementación educativa, as primeiras visitas guiadas e o inicio da campaña de promoción. En 2028 completarase a implementación nos centros educativos restantes e darase continuidade ás visitas e ás accións de comunicación.
O proxecto conta cun orzamento total de 63.283 euros, dos que 55.454,89 euros corresponden á axuda concedida, distribuída en tres anualidades: 15.268,65 euros en 2026, 23.857,26 euros en 2027 e 16.328,98 euros en 2028. Esta achega supón o 87,63 % do orzamento total.
Con este proxecto, a CMAT pretende contribuír a que a pesca artesanal se recoñeza non só como unha actividade económica fundamental, senón tamén como parte esencial da identidade cultural e do patrimonio da Costa da Morte, favorecendo ao mesmo tempo o consumo de proximidade e as conexións entre o sector pesqueiro, educativo e turístico.