Entrevista a Patrick Vilán

Entrevista patrick vilan

Costa da Morte e surf son dous conceptos que van intimamente ligados. Isto sábeo ben Patrick Vilán, á fronte de Caión Surf House, un surfcamp que ademais ofrece aloxamento a pé de praia en Caión, A Laracha. A continuación coñeceremos a súa perspectiva sobre a situación actual do sector e as perspectivas de futuro do surf en toda esta costa.

Entrevista cofinanciada entre a CMAT e a Xunta de Galicia a través dun convenio con Turismo de Galicia.

Turismo como revulsivo para a creación de escolas de surf ou surf como catalizador e dinamizador turístico da Costa da Morte?

O surf na Costa da Morte é unha das múltiples actividades e prácticas deportivas existentes nesta zona, sendo algunhas das máis coñecidas o Camiño dos Faros ou a peregrinación a Fisterra, as rutas en kaiak, o sendeirismo… Dispoñer dun contorno idílico como o noso contribúe a que o surf estea presente en practicamente todas as praias máis importantes, contando cunha boa infraestrutura para poder dar servizo a esta demanda.

Sen dúbida, as escolas de surf contribúen a dinamizar o sector turístico, ao mesmo tempo que este tamén favorece que pouco a pouco as empresas se profesionalicen e medren para poder ofrecer un servizo de maior calidade.

En que momento se atopa o sector tras a pandemia e o posterior auxe do turismo de natureza e do turismo activo? Percíbese un maior interese pola cultura do surf nesta zona?

Nos meses inmediatamente posteriores á pandemia, cando se relaxaron as restricións por primeira vez, si se notou un grande incremento, xa que moita xente optou polo surf e outras actividades ao aire libre como unha vía de escape tras todos os meses de confinamento. Houbo un aumento considerable da demanda, sobre todo desde a comunidade local e o turismo nacional. Pouco a pouco, tras ese boom inicial, o turismo nacional estabilizouse e produciuse un incremento do turismo internacional, grazas ás medidas máis laxas adoptadas polo noso país. Este ano, tanto un coma outro, estabilizáronse; non percibimos un incremento exponencial desde eses primeiros meses pospandémicos.

Desde unha perspectiva turística, poderiamos diferenciar o “turismo de surf” propiamente dito, realizado por persoas cuxa motivación principal á hora de escoller un destino sexa a procura das mellores ondas e, por outra banda, aquelas outras que conciben o surf como unha experiencia máis dentro da súa viaxe, unha actividade complementaria. Poden convivir ambos tipos de experiencias nun mesmo destino? Deberíase trazar unha estratexia diferenciada para ambas vertentes?

En efecto, trátase de dúas estratexias e perfís distintos. Por unha banda temos o surfista avanzado, probablemente cun perfil máis aventureiro, que busca unha viaxe máis independente. Normalmente trátase dunha persoa foránea; sobre todo vemos moita xente de Alemaña, Austria, Bélxica…

O impacto deste tipo de perfil na zona é moito menor, xa que viaxan nun formato distinto, en autocaravanas e furgonetas camperizadas. Co considerable aumento deste tipo de viaxeiros xorde a necesidade de regular e trazar estratexias concretas para poder canalizar este tipo de turismo e que o impacto na zona sexa positivo, que repercuta nos axentes locais. Existen modelos a seguir como os de Francia ou o País Vasco, onde todo está moi regulado, con espazos habilitados, aparcadoiros de pago para furgonetas e demais.

En xeral, este tipo de turismo de surf máis independente non se achega ás escolas para pedir clases ou alugar material; acoden a praias menos masificadas, con máis ondada, mentres que no perfil de iniciación si se nota máis o seu impacto económico.

A Costa da Morte é sinónimo de praias recónditas, salvaxes… Cales recomendarías para a práctica do surf? Cales son os atributos diferenciadores desta zona con respecto a outras de Galicia?

Obviamente, a Costa da Morte, a súa localización e, en certa medida, a distancia respecto a centros ou capitais urbanas fan que sexa un lugar diferente, cun encanto que outras zonas non teñen. Por exemplo, a zona de Oleiros ou Ferrol, outros destinos importantes de surf en Galicia, si contan con centros urbanos próximos, pero no caso da Costa da Morte estes quedarían un pouco máis afastados. Isto xa fai que sexa un lugar diferente ao resto, cun enfoque máis aventureiro, cunha menor concorrencia, o que sen dúbida é un efecto diferenciador.

Por unha banda teriamos as praias de fácil acceso, cómodas, con ondas aptas para practicamente todos os niveis —Caión, Razo, Malpica, Nemiña…— e por outra banda estarían aquelas con accesos máis complicados, caracterizadas por unha costa máis exposta, máis abrupta e con maiores riscos, que só deben ser afrontadas polos surfistas máis experimentados. Estas praias menos coñecidas, que non figuran en mapas ou guías turísticas, son as que busca o surfista máis avanzado, internándose na Galicia máis salvaxe, máis descoñecida. Non ter ao teu alcance, por exemplo, uns accesos sinxelos ou unha cámara en directo onde ver o estado do mar tamén é parte desta aventura: non poder planificalo todo ao detalle e deixar sempre algo á improvisación.

Xa dentro do mar, como é a convivencia entre os que vos dedicades profesionalmente ao surf e os turistas ou bañistas nas zonas máis masificadas? Cres que nas praias con maior afluencia debería existir unha regulación visible para todos e todas con respecto á ordenación destes espazos?

Nos máis de 20 anos que levo no mundo do surf, vin como algunhas zonas se foron masificando co paso dos anos. Pouco a pouco, organismos como Costas, a Federación de Surf e os propios concellos comezaron a regular timidamente, pero seguimos lonxe de que exista unha normativa adecuada en canto á xestión destes lugares e, sobre todo, de saber darlle valor á práctica do surf.

Existen moitos exemplos de como en algunhas zonas como Ericeira, en Portugal, reserva mundial de surf; Ribamontán, en Cantabria; ou o país galo, conciben o surf como un catalizador de turismo, apostando totalmente por el, dándolle prioridade con zonas acoutadas para o usuario local ou turista, e outorgándolle máis valor ao surfista e ao seu espazo. Queda moito para que en Galicia se aposte firmemente polo surf e exista unha convivencia ideal entre ambas partes.

Existen sinerxías e colaboracións entre o mundo do surf e os axentes turísticos en destino —aloxamentos, restauración, outras empresas de turismo activo…? Véxase, aloxamentos e/ou axencias de viaxes que ofrecen, por exemplo, bautismos de surf.

Si, está claro que hai moitos modelos de negocio diferentes dentro deste sector; temos empresas que se dedican exclusivamente a dar clases de surf e outras que apostan por ofrecer, máis ca unha clase, unha experiencia, complementando a práctica deportiva con experiencias gastronómicas e culturais, por exemplo. Este tipo de modelo sempre vén vinculado a sinerxías con empresas da zona. Por exemplo, na nosa escola colaboramos con empresas que ofrecen visitas ás Illas Sisargas, con casas rurais, apartamentos turísticos e aloxamentos en xeral… Porén, si é certo que hai surfcamps onde xa canalizan todo de forma interna, facendo todo dentro das propias instalacións da escola.

Como poderían contribuír as escolas de surf á desestacionalización de determinadas zonas turísticas máis aló dos meses de verán?

Debemos desestacionalizar a práctica do surf. Por exemplo, os meses de maio, xuño, setembro, outubro ou novembro son meses nos que podes sentir unha conexión, unha sintonía máxica co mar. Lamentablemente, seguimos coa mentalidade de viaxar exclusivamente en xullo e agosto, cando se paraliza todo. Este feito comentáronnolo moito os turistas estranxeiros que acoden aos campionatos ou ás clases, onde nos preguntan por que se paraliza todo durante un determinado mes. Na miña opinión, neste sentido, deberiamos europeizarnos un pouco e desestacionalizar incluso as nosas vacacións, repartilo todo un pouco máis ao longo do ano.

A proposta de paquetes atractivos fóra da tempada estival e a promoción de determinadas actividades xa desde Semana Santa ou novembro poden atraer ao público que busca algo máis alá do verán, un tipo de turismo máis relaxado. Ofrecer paquetes que inclúan experiencias gastronómicas, por exemplo, organizar e combinar estas actividades coa celebración de campionatos… son algunhas das accións que contribúen a complementar a actividade principal das escolas de surf.

En relación coa pregunta anterior, cal é a mellor época do ano para a práctica do surf na zona da Costa da Morte, sexa cal sexa o nivel? Poderías indicarnos algunhas das vantaxes de practicar surf no inverno ou fóra do verán?

O inverno é duro; os meses de decembro a marzo e abril son complicados para o surf de iniciación, estamos nunha costa moi esixente. Porén, ao mesmo tempo, é unha época na que os surfistas de alto nivel buscan precisamente isto: as mellores ondas e as praias menos masificadas. Sen dúbida, o concepto xeneralizado de que a práctica do surf é exclusiva do verán debe cambiar, xa que pode prolongarse moito máis alá dos meses máis calorosos, por suposto.

A práctica do surf, a sustentabilidade e o medio ambiente son conceptos intimamente ligados. Cal ou cales cres que son as mellores accións para contrarrestar ou paliar o efecto que un turismo de masas pode exercer en determinadas praias?

Obviamente, o surfista é o primeiro interesado no océano e no medio ambiente; vivir conectados co mar é imprescindible para nós. Desde a comunidade do surf hai un grande sentimento de responsabilidade e colaboración para contribuír a que o medio estea nas mellores condicións posibles. De maneira individual todos os surfistas contribúen: cando saes da auga tes nunha man a táboa e na outra o lixo que poidas chegar a atopar.

Hai anos, este tipo de accións non eran tan habituais, pero actualmente si hai bastante conciencia, co desenvolvemento de campañas específicas. A nivel de comunidade existen distintas plataformas que organizan obradoiros, eventos, charlas… Todo iso contribúe a visibilizar este problema e a proporcionar solucións, aínda que sexan mínimas e de forma individual.

O programa Surf and Clean de Costa da Morte, por exemplo, traballa desde a parte máis educativa, colaborando con obradoiros, charlas e cursos con colexios, concienciando os máis pequenos a través do surf. As institucións tamén teñen que involucrarse coa recollida de lixo nos espazos naturais, con espazos de aparcadoiro e de recreo sostibles e regulados, con capacidades controladas, facilitando o transporte público para reducir a gran cantidade de coches que chegan ás praias, coa consecuente contaminación que xeran.

Por último, na túa opinión, que accións se poderían implementar para contribuír a que a sociedade fose consciente das oportunidades que o mundo do surf podería proporcionar á Costa da Morte e a Galicia en xeral?

Obviamente, a miña perspectiva pode ser distinta á doutras persoas, sobre todo aquelas que aínda conciben o surf como unha actividade perigosa, moi centrada no verán, ou só orientada ás persoas máis aventureiras, de certa idade, etc. É indispensable cambiar estas ideas e concienciar sobre a importancia do surf e todos os beneficios que pode traer a todos os niveis, desde os beneficios para a saúde, como forma de liberar endorfinas, ata o seu impacto económico, canalizando todo isto cara a un turismo de calidade sostible, cunha xestión realizada por xente autóctona, local, que vive na zona e que coñece a súa casuística.

Hai exemplos como Marrocos ou algunhas zonas de Galicia onde existe un incipiente número de novas escolas de xente foránea, sobre todo suíza, austríaca ou alemá, que xeran un efecto burbulla sobre elas mesmas e invisibilizan o impacto na zona. O discurso de todas as escolas da zona debería ser o de xerar máis comunidade, que os organismos públicos contribúan a facilitar esta convivencia e facer unha folla de ruta sobre como axudar a compaxinar o turista libre ou surfista libre e os locais. É unha ecuación delicada, pero totalmente posible e necesaria.

Descubre a las personas clave de la Costa da Morte

Más entrevistas Costa da Morte

Entrevista a Alfredo Cañizo, Concelleiro de Turismo de ...

Continuamos cas entrevistas aos concellos co Concello de Malpica de Bergantiños. Malpica é un dos portos baleeiros ...

Entrevista a Raquel lema, Concelleira de Comercio, Host...

Continuamos cas entrevistas aos concellos co Concello de Laxe. Laxe está situado no noroeste de Galicia, no extremo occi...

Begoña Fernández, xerente de Stoupa: "Cando vemos artes...

Desde o Miradoiro de Gures (Cee), con vistas ao Cabo Fisterra, ás Illas Lobeiras e ao Monte Pindo, conversamos con Begoñ...

Entrevista a Patrick Vilán

Costa da Morte e surf son dous conceptos que están intimamente ligados. Sobre isto é bo coñecedor Patrick Vilán, ao fron...

Entrevista a Mónica Rodríguez Ordóñez, alcaldesa de Vim...

Vimianzo conta dentro do seu patrimonio histórico cun importante número de igrexas, edificios e outros elementos que rec...

Bieito Romero, fundador de Luar na Lubre: «Moitas das c...

Florece a mañá na praia de Caión (A Laracha) e citámonos con Bieito Romero, fundador do mítico grupo Luar na Lubre e rec...

Entrevista a María Lago, Técnica de Turismo de Carnota

Continuamos cas entrevistas aos concellos co Concello de Carnota. Carnota está situado no extremo occidental da Coruña, ...

Entrevista a José Manuel Pequeño Castro, Alcalde de Dum...

Continuamos cas entrevistas aos concellos co Concello de Dumbría. O concello de Dumbría está situado no Camiño de Santia...

Entrevista a Juan Blanco, Alcalde de Mazaricos

Comezamos as entrevistas aos concellos con Concello de Mazaricos. Mazaricos sitúase ao Noroeste de Galicia, na zona suro...

Entrevista a Esteban Blanco, biólogo e xefe da planta a...

Continuamos cas entrevistas aos concellos co Concello de A Laracha. O concello de A Laracha é a porta de entrada á Costa...
Mantente ao día

Newsletter Costa da Morte

Subscríbete á nosa newsletter e recibe as mellores recomendacións sobre a Costa da Morte. Mantente ao día con eventos, rutas, gastronomía e experiencias únicas para a túa próxima visita. ¡Non te perdas nada desta terra máxica!

1606727203-secc-302-3.jpg