A actriz fisterrá Marta Lado será a Embaixadora da Costa da Morte 2026, un recoñecemento que distingue cada ano a persoas que contribúen a proxectar a identidade, a cultura e os valores deste territorio máis alá das súas fronteiras. Coñecida polo seu papel protagonista en Sicixia —película rodada na Costa da Morte e dirixida por Ignacio Vilar—, Marta é unha das voces máis recoñecidas do audiovisual galego, ademais dunha creadora comprometida coa cultura e coa defensa do medio natural.
A súa relación coa Costa da Morte vai máis alá da orixe: forma parte da súa identidade artística e persoal. E agora, co título de Embaixadora 2026, convértese tamén na voz que representará o carácter e a esencia dunha terra que ela mesma define como “un lugar que atrapa e emociona.”
Entrevista a Marta Lado
I. O seu traballo e traxectoria profesional
- Marta, antes de nada, parabéns por este nomeamento. Que significa para ti recibir o título de Embaixadora da Costa da Morte 2026?
Moitas grazas! Pois recoñezo que o primeiro sentimento que se me presentou foi certo pudor. Sei que debería estar acostumada a estar exposta polo meu traballo, pero case sempre o estou a través dunha máscara, dunha personaxe, xogando. No persoal son bastante tímida. Aparte diso, é un orgullo que impresiona ser recoñecida polos veciños e que me teñan en conta entre xente que admiro tanto como os anteriores embaixadores. - Ao longo da túa carreira participaches en proxectos moi diversos, pero Sicixia marcou un fito especial. Como recordas aquela experiencia de rodar na Costa da Morte e de interpretar un papel tan vencellado á túa terra?
Recórdoo como unha expedición! Recorrín sitios nos que non estivera, fixen de guía noutros… Estiven moi implicada no proceso de creación da peli e de construción da personaxe, sentía que coñecía moi ben a “Olalla”, estaba moi cómoda improvisando e reaccionando coma ela. Ó mesmo tempo sentía moita responsabilidade por compartir algunhas escenas con xente que se interpretaba a si mesma porque a maneira de filmar era similar á do documental e requiría unha interpretación moi natural. Foi moi enriquecedor como actriz, aprendín moito. - Esa interpretación valeuche o Premio á Mellor Actriz en Cinespaña de Toulouse. Cres que Sicixia serviu para dar visibilidade á forza cultural e emocional da Costa da Morte no cinema galego?
Non puiden ir a Toulouse para recoller o premio, pero na estrea en París todo o mundo me preguntaba pola terra, a paisaxe, víana como un paraíso, preguntábanme como era vivir aquí, prometeron visitas… Creo que foi un feito importante que trouxo miradas novas. - Ademais de actriz, es unha creadora implicada en proxectos educativos e culturais. Que papel cres que ten o arte —e en particular o teatro e o cine— na educación e na transmisión dos valores do territorio?
O teatro sobre todo ten a facultade de crear comunidade. Nas clases temos a oportunidade de expresar cousas nosas, de darlles valor e expoñelas para compartir con xente que tamén se sente identificada. Unha das cousas das que me sinto orgullosa é ver un cambio na forma de percibir o traballo na clase por parte das alumnas, pasar de ver o material que recolliamos como anécdotas cotiás a valoralo como parte da nosa historia que nos fai ser como somos. Houbo un momento en particular, no ensaio xeral de “Mamoria”: entraron dúas señoras moi maiores. A obra trataba escenas da historia recente de Fisterra, eran en lugares de encontro de mulleres principalmente, o río de lavar a roupa, os velorios… As señoras que entraron emocionáronse moito e dixeron “Era así! Así faciamos nós!”. Foi moi bonito ver que sentían valorada a súa historia, que merecía estar nun escenario. - Ti tamén fuches a imaxe do cartel e do spot da Mostra do Encaixe de Camariñas 2018, outro proxecto moi ligado á identidade da Costa da Morte. Que che aportou aquela experiencia e como lembras ese traballo?
Creo que a palabra que mellor o expresa é que foi unha “chulada”. Aínda que non “exerza” moito, interésame a moda como xeito de expresión, paréceme unha arte complexa e ó mesmo tempo cunha capacidade de comunicación universal. O encaixe é unha das xoias máis fermosas que temos no noso territorio e a colaboración con grandes deseñadores paréceme unha combinación perfecta para sostelo e exportalo. A miña tía adoitaba dicirme “Cando vas casar?” e eu contestaba “Cando me fagas un vestido de encaixe!”. E mira, case o cumprín! - Que consello lle darías ás novas xeracións que soñan con dedicarse á interpretación ou ás artes escénicas dende un lugar periférico como o noso?
Hoxe en día hai moitas máis posibilidades de comunicación, colaboración, educación… Pero aínda así non é doado. Hai que moverse, coñecer, escoller a mellor formación que poidas. Nunca vas ser máis libre para viaxar e atreverte que cando es nova. Despois volve coa saca chea de coñecementos e fainos medrar a todos. 
II. A Costa da Morte e o sentimento de pertenza
- Naciches en Fisterra, un lugar simbólico e profundamente ligado á idea do fin e do comezo. Como inflúe esa orixe na túa forma de ver o mundo e de crear?
Non son moi consciente do que me inflúe, non acostumo ter unha intención a priori. Aparece unha idea e sígoa. Despois, revisando, si que vexo que hai temas que me atraen máis. A morte é un deles, por exemplo, é si que pode ter que ver coa nosa mitoloxía ou coa idea de fin. Pero por outra banda, eu vexo a Fisterra unida á terra por unha lingua pero ó mundo enteiro polo mar. Fisterra é un sitio de chegada e iso fai que sexa un lugar ecléctico, sempre tiven a impresión de que podía aparecer calquera personaxe pintoresca cando menos o esperas. Esa idea para crear paréceme marabillosa. - A CMAT destacou o teu compromiso coa sostibilidade e co respecto polo territorio. Que significa para ti o concepto de turismo sostible aplicado á Costa da Morte?
Creo que para que algo sexa sostible ten que ser auténtico. Se nos deixamos levar por modas, por tendencias globais, acabaremos sendo un máis de tantos. Nós non temos praias de auga quente e sol abrasador, paréceme absurdo intentar buscar iso un mes ó ano aquí e lamentar cando non se atopa. Temos bosques, paisaxes, temporais, casas de pedra, monumentos, gastronomía, artesanía, arte, historia… Creo que é máis interesante potenciar e coidar o que temos todo o ano que apostar por saturarnos un mes. Centros de interpretación, museos… lugares para visitar co abrigo posto e lugares nos que traballar todo o ano. - Cando falas da Costa da Morte, sempre o fas con emoción. Se tiveras que describila cunha soa palabra ou cunha imaxe, cal sería?
Hai un cadro, “O camiñante sobre o mar de nubes”, que se considera a representación da idea do sublime. A min transmíteme algo parecido ó que podo sentir na praia do Rostro en inverno ou no Monte Pindo. Pero “sublime” paréceme un concepto máis espiritual, con menos terra. Creo que quedaría con “bravura”. - Que cres que distingue á Costa da Morte doutros lugares de Galicia ou do mundo?
Principalmente a xente, o seu carácter, a festa, a retranca e o talento artístico. E tamén a natureza, virxe e impoñente pero accesible, que podes percorrer e mergullarte nela. E claro, o marisco! - Como ves o futuro deste territorio? Que retos e oportunidades cres que temos por diante como comunidade?
Temos grandes recursos naturais e humanos pero creo que temos importantes retos por diante para evitar que a xuventude marche: recuperar e mellorar os servizos médicos, os educativos, crear emprego de calidade, esixir a mellora das comunicacións… Temos a obriga de construír unha sociedade sa e non cometer os erros que se cometeron noutras épocas por avaricia ou ignorancia. - E por último, como Embaixadora da Costa da Morte 2026, que mensaxe che gustaría transmitir á xente que nos visita e tamén aos que vivimos aquí?
Que nos respectemos, entre nós e á terra. E que nos deamos a coñecer e nos relacionemos dende a curiosidade e a empatía e non dende a sospeita. Sei que pode soar inocente ou naíf pero creo que vivimos un tempo no que é preciso recordar que a vida é demasiado curta para vivila enfrontados. Como ben dicía o meu querido avó: “Haberá algo máis bonito que quererse?”. 
Fotos: Nerea Díaz
								

