O Cemiterio dos Ingleses é un dos lugares máis impactantes e cheos de memoria da Costa da Morte. Atópase nun dos enclaves máis emblemáticos deste litoral, no espectacular entorno de Monte Branco e as praias de Trece, no concello de Camariñas, un espazo de beleza salvaxe onde a forza do mar e da paisaxe axuda a comprender mellor a dimensión do sucedido. A súa orixe remóntase ao naufraxio do buque escola británico The Serpent en 1890, unha das maiores traxedias marítimas lembradas nesta costa e un dos episodios que contribuíron a que este territorio comezase a ser coñecido como a Costa da Morte.
Dos 175 tripulantes do The Serpent, só tres lograron sobrevivir. Chegaron descalzos e feridos, en plena noite de temporal, ata a aldea de Pescadoira, na parroquia de Xaviña, onde alertaron de madrugada á pequena comunidade veciñal do lugar. Foron os propios veciños quen avisaron axiña ao cura de Xaviña para poñer os feitos en coñecemento das autoridades. Ao día seguinte, cando a veciñanza e as autoridades españolas chegaron ao lugar do naufraxio, atoparon unha escena estremecedora: cadáveres espallados pola costa e os restos do barco, retortos e esnaquizados pola violencia do mar.
A xente da Costa da Morte demostrou daquela unha humanidade inmensa, recollendo os corpos dos mariñeiros para darlles sepultura cristiá no hoxe coñecido como Cemiterio dos Ingleses. En agradecemento pola axuda prestada, o Lord Commissioner of the British Admiralty agasallou ao párroco de Xaviña cunha escopeta, ao alcalde cun reloxo de ouro e ao pobo cun barómetro. Durante moitos anos, as naves da Royal Navy lanzaban salvas ao pasar fronte ao lugar da traxedia en homenaxe aos falecidos. Ademais, este desastre foi decisivo para impulsar a construción dun novo faro, do que acabaría nacendo o actual Faro Vilán, hoxe convertido noutro dos grandes símbolos de Camariñas e da Costa da Morte.







