Na web oficial da Costa da Morte (CMAT) continúa o desenvolvemento e mellora constante dun dos seus recursos dixitais máis útiles: o mapa interactivo da Costa da Morte, dispoñible en visitacostadamorte.com/mapa-interactivo-costa-da-morte. Este mapa non só permite explorar os puntos de interese turístico do territorio, senón que cada semana se enriquece con novas localizacións, imaxes actualizadas, vídeos e descricións optimizadas para mellorar a súa visibilidade nos buscadores.
Entre as últimas melloras destaca unha nova funcionalidade de xeolocalización intelixente, que permite a calquera usuario coñecer en tempo real os puntos de interese máis próximos, simplemente activando a localización dende o seu dispositivo. Esta ferramenta facilita a planificación de rutas, escapadas ou visitas espontáneas, achegando comodidade e mellorando a experiencia de quen percorre a Costa da Morte.
O traballo de mantemento e evolución do mapa está a ser desenvolvido pola empresa galega WP Nordés, tamén responsable do deseño da nova web do destino turístico. En colaboración cos diferentes concellos e profesionais do territorio, o seu equipo segue traballando para converter o mapa interactivo nunha ferramenta de referencia tanto para visitantes como para a poboación local. Ademais, moi pronto presentaremos novas funcionalidades e melloras, que anunciaremos a través do blog da CMAT. Non lle perdas a pista!