Search
Close this search box.

Costa da Morte obtén o selo Destino Turístico Starlight

Costa da Morte obtiene el sello Destino Turístico Starlight

O xeodestino, integrado por dezasete concellos, súmase xa no ano 2023 a esta rede internacional de astroturismo.

A Fundación Starlight entregará o distintito a Costa da Morte Asociación Turística en FITUR, que se celebrará en Madrid do 18 ao 23 de xaneiro.

Turismo de Galicia outorgará á CMAT un Recoñecemento Especial polo traballo feito durante o proceso de certificación Destino Turístico Starlight.

Costa da Morte xa é Destino Turístico Starlight. Así o confirmou a Fundación Starlight á Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), que preside Mónica Rodríguez. O xeodestino, integrado por 17 concellos (Cabana de Bergantiños, Camariñas, Carballo, Carnota, Cee, Corcubión, Coristanco, Dumbría, Fisterra, A Laracha, Laxe, Malpica, Mazaricos, Muxía, Ponteceso, Vimianzo e Zas), súmase xa neste recén iniciado 2023 á rede internacional de astroturismo. A xunta directiva de CMAT, ente de xestión do turismo do destino Costa da Morte, mantivo esta semana na Casa da Cultura de Vimianzo a súa primeira reunión do ano. O encontro abordou a presencia de CMAT en FITUR, que se celebra en Madrid do 18 ao 23 de xaneiro. A asociación prepara as accións que servirán para promocionar o xeodestino nesta feira internacional e que xirarán, fundamentalmente, arredor da obtención do certificado Destino Turístico Starlight. 

Despois dos traballos realizados pola CMAT durante 2022 para alcanzar a certificación Destino Turístico Starlight, e tras o proceso de análise e auditoría realizado polo equipo técnico da Fundación Starlight, liderada pola súa directora Antonia Varela, confírmase que Costa da Morte superou os requisitos para obter este prestixioso selo. Desde xaneiro de 2023 intégrase na rede internacional de Destinos Starlight. O certificado “non soamente recoñéce a idoneidade de Costa da Morte para a contemplación do ceo nocturno, senón tamén o compromiso para a súa conservación e a vontade público-privada para reducir a contaminación lumínica e mellorar a iluminación pública en exteriores”, destaca Mónica Rodríguez Ordóñez, presidenta da CMAT e alcaldesa de Vimianzo. Estes traballos foron posibles grazas á cofinanciación da Deputación da Coruña a través da concesión á CMAT das axudas a entes de xestión turística da provincia na anualidade 2022.

Catro anos para implantar un plan de melloras

En breve daránse a coñecer os resultados detallados da certificación, e o Plan de Medidas de Mellora proposto pola Fundación Starlight, que deberá ser implantando ao longo dos próximos catro anos. Tamén será precisa a zonificación do distintivo, xa que ao contar Costa da Morte cun territorio tan amplo en comparación con outros destinos da rede, será preciso delimitar cales serán as zonas mellor conservadas e cales quedarán excluídas polo incumprimento dos indicadores que garanten unha boa calidade do ceo nocturno. 

Costa da Morte confírmase como Destino Turístico Starlight, o cuarto de Galicia despois do Parque Nacional das Illas Atlánticas, Trevinca e o municipio de Muras, e o primeiro da provincia da Coruña. A CMAT considera que o selo “asígnalle ao xeodestino un relevante posicionamento tanto na comunidade autónoma como no eido nacional e internacional”. De tal importancia é esta certificación, non só para Costa da Morte, senón para a provincia e para Galicia, que Turismo de Galicia seleccionou ao xeodestino como un dos que obterán un recoñecemento especial en FITUR por parte da Xunta de Galicia, xunto con outros destinos galegos seleccionados. “Costa da Morte suma o seu territorio á oferta galega de astroturismo, que a fai máis competitiva e diferencial”, lembra ao unísono a xunta directiva da CMAT. 

“É un dos proxectos máis ambiciosos, ilusionantes e con maior potencial aos que se ten sumado Costa da Morte nos últimos anos”, destaca Mónica Rodríguez, quen destaca que todo o sector turístico do xeodestino, tanto do eido público como privado “está desexando poñer en marcha e impulsar iniciativas e actividades, co apoio e asesoramento da Fundación Starlight, ás que poidan sumarse as empresas do sector”. “Queremos ir consolidando e creando unha nova oferta turística baseada na observación das estrelas, desde a base da formación e a especialización”, destaca a presidenta da CMAT como un novo reto a curto prazo. 

Presencia da CMAT en FITUR

Do 18 ao 22 de xaneiro celébrase en Madrid FITUR, a cita internacional máis destacada do sector turístico. Está previsto que asistan representantes da xunta directiva da CMAT: a súa presidenta, Mónica Rodríguez; vicepresidenta, Sandra Insua; tesoureiro, José Muíño; secretario, Pepe Formoso e o vocal José Marcote. Tamén acudirán alcaldes e alcaldesas dos municipios do destino e unha representación do sector turístico privado, a través de APTCM. 

A CMAT asistirá como co-expositor, baixo o paraugas da stand de Turismo de Galicia, onde se proxectarán vídeos promocionais do destino de Costa da Morte e onde se ofrecerá material promocional, como as guías e os novos mapas turísticos. Estará presente unha profesional do márketing en representación da CMAT, que en colaboración con APTCM, apoiará a promoción en FITUR, a través dunha completa axenda de encontros cos principais operadores turísticos. 

O stand de Turismo de Galicia acollerá tres actos nos que Costa da Morte será protagonista: 

19 de xaneiro ás 14:30 horas. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, outorgará á CMAT un recoñecemento especial pola certificación como Destino Turístico Starlight, que recollerán o tesoureiro da CMAT e alcalde de Cabana de Bergantiños, José Muíño; e Jorge Mira, catedrático do Departamento de Astrofísica da Universidade de Santiago de Compostela, dous dos principais impulsores do proxecto. 

19 de xaneiro, ás 18:30 horas. A CMAT realizará a presentación do xeodestino, á que asistirán a presidenta, Mónica Rodríguez; Jorge Mira, a directora da Fundación Starlight e doutora en astrofísica do Instituto de Astrofísica de Canarias, Antonia Varela; a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro; e o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira. Neste acto faráse entrega oficial do certificado de Costa da Morte Destino Starlight da man da Fundación Starlight. Proxectarse unha peza audiovisual sobre a iniciación de Costa da Morte no camiño do astroturismo e a súa incorporación á rede de destinos Starlight. 

20 de xaneiro ás 12:30 horas. Nava Castro presentará, acompañada de Jorge Mira, a Guía do último Solpor da Europa Continental, unha nova guía de Costa da Morte baseada nos estudos e publicacións realizadas polo científico baiés que reforza o posicionamento e a diferenciación de Costa da Morte como destino de astroturismo. 

A CMAT estará presente e apoiará á Deputación da Coruña na presentación do Plan de Sustentabilidade Turística no destino denominado Os Fogóns do Anllóns, que potenciará a gastronomía da contorna do río nos municipios de Cabana de Bergantiños, Coristanco, Carballo, A Laracha e Ponteceso, e que sen dúbida os seus froitos contribuirán a todo o destino de Costa da Morte. A presentación será o 18 de xaneiro ás 12.30 horas, no stand de Turismo de Galicia. 

Etiquetas:

Compartir:

Costa da Morte Asociación Turística ao día

Últimas noticias

A CMAT celebra os éxitos do sector turístico durante o ...

O Pazo de Trasariz, en Vimianzo, acolleu este martes 12 de novembro a cuarta edicion deste Encontro que cada ano reúne a...

A CMAT presentará a súa nova páxina web durante o IV En...

ZAS, 07/11/2024. Costa da Morte Asociación Turistíca (CMAT) presentará un novo sitio web (visitacostadamorte.com ) duran...

Dous fotógrafos da Costa da Morte, entre o xurado do I ...

Lorena Mariño, Diego Alonso e María Lema decidirán entre máis de corenta fotografías a gañadora do I Concurso Fotográfic...

A CMAT premiará aos gañadores do I Concurso Fotográfico...

O premio, que consistirá nunha noite para dúas persoas e unha experiencia gastronómica, será entregado tanto á persoa ga...

Bieito Romero, embaixador da Costa da Morte

A Xunta Directiva da CMAT acordou entregar este recoñecemento durante a IV edición do Encontro de Turismo da Costa da Mo...

Concurso Fotográfico 2024

Bases Legais do I Concurso Fotográfico Costa da Morte Naturalmente Salvaxe 1. Obxectivo do concurso O obxectivo no...

Actividades de Verán na Costa da Morte 2024

Por fin comezou o verán na Costa da Morte. Un momento do ano no que moitas persoas deciden visitar este fantástico terri...

A CMAT organiza un itinerario con catro blogueiros de v...

ZAS, 23/08/2024. Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) organiza esta actividade de promoción turística na que ...

Aberto o prazo de presentación de candidaturas para alb...

ZAS, 03/09/2024. A CMAT abre o prazo de presentación de candidaturas para acoller o Encontro de Turismo Anual da Co...

Un destino fascinante de Galicia para viaxar sen présa:...

ZAS, 05/09/2024. Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) convidou a catro blogueiros de viaxe a percorrer divers...
Mantente ao día

Newsletter Costa da Morte

Subscríbete á nosa newsletter e recibe as mellores recomendacións sobre a Costa da Morte. Mantente ao día con eventos, rutas, gastronomía e experiencias únicas para a túa próxima visita. ¡Non te perdas nada desta terra máxica!

1606727203-secc-302-3.jpg