A CMAT – Costa da Morte Asociación de Turismo, en colaboración coa Axencia Turismo de Galicia, está a impulsar a instalación de contadores de visitantes en diferentes puntos estratéxicos do xeodestino, co obxectivo de coñecer mellor os fluxos turísticos e avanzar cara a unha xestión baseada en datos.
O dispositivo do Castelo de Vimianzo, operativo desde o pasado 9 de outubro, é un dos catro contadores instalados este ano ao abeiro do convenio. Durante este primeiro período rexistrou unha media de 192 pasos diarios, cun máximo de 478 nunha soa xornada.
O sistema permite contabilizar automaticamente o paso de persoas e diferenciar os sentidos de circulación, ademais de consultar os datos a través dunha plataforma dixital que ofrece información sobre a evolución diaria, semanal e horaria da afluencia.
A intención da CMAT é continuar ampliando progresivamente esta rede, co obxectivo de chegar a contar cun punto de medición en cada un dos 17 concellos da Costa da Morte, en localizacións estratéxicas que permitan obter unha visión máis completa dos movementos de visitantes. Esta información facilitará a identificación dos puntos de maior afluencia, a análise da estacionalidade e a toma de decisións máis intelixentes e fundamentadas.
Un convenio que tamén apoia o encontro anual do sector
Ademais da instalación dos contadores, o convenio entre a Axencia Turismo de Galicia e a CMAT permite apoiar a celebración anual do Encontro de Turismo da Costa da Morte, un espazo de reunión para profesionais, empresas e representantes institucionais no que analizar a situación turística do territorio, compartir experiencias e facer balance do sector.
Para máis información ou confirmación de asistencia, contactar co equipo de Asistencia Técnica da CMAT:
📧 comunicacion@visitacostadamorte.com
📞 621 25 63 91 (Jessica Lago) / 634 09 21 12 (Marta Baños)