A Igrexa de San Martiño de Olveira, no municipio de Dumbría, é un deses templos pequenos que conservan con discreción a esencia do románico rural do interior da Costa da Morte. Atópase nun contorno chano, marcado polos cultivos e por unha ocupación dispersa do territorio, sobre unha explanada aberta na que tamén destaca un cruceiro de pedra situado fronte ao edificio. O templo ten planta dunha nave con cruceiro, muros de sillería granítica, cuberta a dúas augas e unha sacristía adosada no lado norte.
A zona máis significativa que pervive da fábrica medieval é a capela maior, onde aínda se recoñecen varios elementos esenciais da súa orixe románica. O arco triunfal de medio punto, apoiado sobre columnas acadas ao muro, e o arco do presbiterio, de características semellantes, configuran un espazo de gran sobriedade e notable interese histórico. O presbiterio cóbrese con bóveda de cañón e os capiteis vexetais, inspirados en modelos compostelanos aínda que resoltos con maior sinxeleza, amosan cómo a linguaxe artística do románico galego tamén chegou a igrexas modestas como esta.
No exterior, a Igrexa de San Martiño de Olveira destaca pola súa cabeceira, polos esbeltos contrafortes e polos canecillos conservados no muro sur, decorados con motivos xeométricos. No interior consérvase ademais unha pila de auga bendita pertencente á etapa románica. O conxunto destes restos, unido á boa execución dos sillares e da dovelaxe dos arcos, permite situa-lo templo arredor do segundo tercio do século XII. O seu valor está precisamente nesa autenticidade sinxela que converte a visita nunha forma de acercarse á historia, á arte e á paisaxe de Olveira.







