Un dolmen ben protexido
A Mina da Parxubeira é un auténtico referente da arqueoloxía polos importantes achados realizados no seu interior. Foi escavado ao longo de tres campañas entre 1977 e 1984 polo profesor Antón Rodríguez Casal, atopando un rico axuar funerario formado por láminas de sílex, unha punta de frecha e numerosos fragmentos de cerámica campaniforme.
Porén, o encontro máis espectacular tivo lugar en 1983. Por primeira vez en Galicia atopouse un conxunto de ídolos betilos, antropomorfos, colocados na súa posición orixinal, de pé fronte ao corredor de entrada ao dolme. Esta disposición tan particular nos fai pensar nunha función protectora do monumento, como se fosen unha sorte de gardas da tumba. O mesmo tipo de figuras tamén foron localizadas nas escavacións do dolme de Dombate (Cabana de Bergantiños).
O dolmen ten unha cámara poligonal e un corredor orientado cara ao sol nacente. Aínda conserva gran parte da súa estrutura orixinal, salvo as losas verticais da cámara do lado sur e a súa Pedra de cobertura que desapareceron.
A Mina, que forma parte da necrópolis megalítica de Porto Coido, ten asociado un rico folclore. En concreto, conta que as pedras foron transportadas por unha moura mentres filaba cunha roca e amamantaba a un neno no seu regazo. Tamén se decía que no seu interior había un tesouro e outra tradición contaba que estaba prohibido pisar o seu interior, aínda que si se podía pasear arredor do dolmen.