Situada no camiño que conduce de Santiago a Fisterra, esta sinxela construción dunha nave cuberta cunha armadura de madeira prolóngase nunha capela maior románica coroada por bóveda de canón e na que se ingresa por un arco triunfal de medio punto apoiado en medias columnas acaroado.
Exteriormente, podemos resaltar a pureza da súa volumetría, realzada por unha moi coidada cantería e pola ausencia de elementos torreados ao construírse a espadana afastada da igrexa, nunha posición planimétrica máis alta e máis idónea para a súa eficacia de convocatoria.
Son moi interesantes os retablos, tanto os laterais de estilo barroco, como o maior, de formas neoclásicas. A imaxinería, basicamente da segunda metade do século XVIII, completa moi dignamente este interesante conxunto.