O 16 de xuño, celébrase en Toba, parroquia do concello de Cee, unha das romarías máis emblemáticas da Costa da Morte: a Romaría de San Adrián de Toba. Declarada festivo local, congrega cada ano a centos de persoas que acoden coas súas ofrendas, participando na tradicional poxa de galos vivos, ou simplemente para gozar dun día en familia ao pé da natureza.
San Adrián é invocado como curador de enfermidades da pel, tanto en humanos coma en animais. Antigamente ofrecíanse exvotos de cera, patacas ou galos segundo a devoción. A procesión co santo rodea a igrexa e o cruceiro, e moitos fieis seguen a tradición de facelo de xeonllos.
A igrexa parroquial, reformada en 1772 polo mestre canteiro Andrés Seoane, conserva parte do seu orixinal románico do ano 1190. Preto do templo, atópanse áreas recreativas e os Muiños de Toba, un espazo etnográfico ideal para xantar ao aire libre, con fontes, mesas e o murmurio do Río das Laxes como acompañamento perfecto.