Laxe, un mar de sensacións. Unha das vantaxes que ten o noso concello é que se atopa en pleno centro da Costa da Morte, a tan só 65 km das cidades máis próximas, Santiago de Compostela e A Coruña. Este feito xeográfico, sumado ás boas comunicacións por estrada, fai que todos os recursos turísticos da Costa dá Morte sexan accesibles en pouco tempo para os que deciden pasar o seu descanso con nosoutros.
Pero o Concello de Laxe é moito máis: unha natureza impresionante e singular que nos invita a desfrutar do mar e da montaña, a través da súa rica variedade de praias, lagoas, fauna e flora ou dos Penedos de Traba, un dos poucos paisaxes protexidos de Galicia.
Ademais desta natureza que lles impresiona aos que a visitan, tamén podemos desfrutar dun destacado patrimonio cultural que vai desde dólmenes como A Fornela dos Mouros, ata igrexas como a Igrexa de Santa María da Atalaia de Laxe ou a de Santiago de Traba, declaradas BIC de Galicia, irmosos pazos como o de Soesto ou a Casa do Arco de Laxe, recursos etnográficos, casas tradicionais de pedra…
A todo isto, habería que sumarlle o noso Museo do Mar, no que se conserva o Arquivo Fotográfico Vidal, testemuño gráfico da historia colectiva da Costa da Morte.
Unha rica variedade de actividades deportivas en contacto coa natureza (sendeirismo, vela, surf, pesca…), xunto a festas e actividades culturais singulares (O naufraxio, a Semana Santa, a mostra de artesanía…) completan un destino como o noso: accesible, diverso e aberto a todos aqueles que desexan desfrutar dun descanso diferente. Laxe, un mar de sensacións, para todos os públicos.