A vila de Corcubión, situada ao oeste de Galicia, é a calma dentro da bravura que caracteriza á Costa da Morte. Cunha extensión de tan só 7,6km2, as súas rúas gardan un importante pasado histórico do que dan conta edificios como a Igrexa de San Marcos, declarada BIC, así como as diferentes casas señoriais que cos seus brasóns amosan a importancia que este municipio tiña antigamente.
Nesta vila sucederon importantes feitos históricos, como o desembarco das tropas do Arcebispo Rodrigo de Luna en 1457 coa finalidade de tomar Corcubión, feito que se recrea cada ano o primeiro día de celebración do Mercado Medieval, evento que atrae a un gran número de persoas e que adoita celebrarse sempre na terceira ou cuarta fin de semana de xullo, despois das festas na honra da Virxe do Carme (16 de xullo).
Mais Corcubión ten tamén unha zona de costa que garda un importante pasado relacionado co mar. Conta cun largo paseo marítimo que vai dende a vila de Corcubión, atravesando o porto, cara á praia de Quenxe, onde remata. Neste percorrido, poden verse os restos de dúas importantes industrias que existiron aquí no pasado: a industria dos despósitos flotantes de carbón (século XX) e a da salgadura (século XIX). Todo iso xunto coa tranquilidade de camiñar a carón do mar gozando dunha fermosa vista da ría de Corcubión, que se pode ampliar continuando o camiño cara o Faro do Cabo Cee.