X

Aberto o prazo de presentación de candidaturas para albergar o IV Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte

Aberto o prazo de presentación de candidaturas para albergar o IV Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte

Este ano, o encontro organizado pola CMAT co cofinanciamento de Turismo de Galicia e o apoio da Deputación da Coruña, celebrarase o 12 de novembro

O Encontro Anual de Turismo é unha das actividades enmarcadas dentro do convenio entre a CMAT e Turismo de Galicia, que será asinado neste mes de setembro

ZAS, 03/09/2024. A CMAT abre o prazo de presentación de candidaturas para acoller o Encontro de Turismo Anual da Costa da Morte, que celebra a súa cuarta edición o día 12 de novembro entre as 17:30 e as 20 horas.

As empresas do sector turístico da Costa da Morte que teñan interese en acoller este evento poden presentar a súa candidatura ata o 17 de setembro.

Este importante evento está enmarcado dentro das actividades incluídas no convenio de colaboración que a CMAT e Turismo de Galicia asinarán neste mes de setembro. O encontro tamén conta co apoio da Deputación da Coruña. Como novidades na edición deste 2024 do Encontro Anual de Turismo, a organización poñerá todo o seu esforzo para levar adiante unha exposición de artesanía. Ademais, durante o evento tamén se expoñerán as fotografías finalistas do I Concurso Fotográfico Costa da Morte Naturalmente Salvaxe, que continúa aberto á participación do público ata o 30 de outubro ás 23:59h.

Un evento cada vez máis asentado

O Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte ten como obxectivo ser un punto de encontro dos axentes públicos e privados do territorio. Axentes que traballan cada día para mellorar o destino turístico da Costa da Morte. A andadura deste encontro comezou no ano 2021 no Parador Costa da Morte, en Muxía. As seguintes edicións foron en Costa Caión (Caión, A Laracha) e na Torre de Laxe (Laxe).

O encontro deste ano 2024

O IV Encontro Anual de Turismo da Costa da Morte aspira a ser un espazo para poñer en común os éxitos acadados neste ano, intercambiar novas ideas e propostas e facer crecer o xeodestino cunha visión sostible a nivel económico e social.

As candidaturas interesadas terán que cumplir unha serie de requisitos, entre os que se atopan os seguintes:

    • Estar localizado na Costa da Morte
    • Aforo mínimo de 150 persoas (valorable ata 200)
    • Experiencia neste tipo de eventos
    • Dispoñibilidade de datas e horas

O resto de requisitos e as características específicas do evento pódense consultar na web da CMAT a través da seguinte ligazón.

Presentación das candidaturas

Para os establecementos interesados, o prazo de presentación das candidaturas remata o 17 de setembro de 2024. A presentación da candidatura farase a través do envío deste anexo descargable que deberá ser enviado coa documentación complementaria que cada establecemento considere necesario e que poida axudar á CMAT a realizar as valoracións que estime oportunas ao seguinte correo electrónico: admincmat@visitacostadamorte.com.

Unha vez valoradas as candidaturas recibidas, a CMAT contactará coas empresas para analizar os diferentes aspectos das súas propostas e seleccionar a máis adecuada para o evento. Neste sentido e na medida do posible, procurarase organizar o encontro nun concello que non acollera o evento previamente.

Arquivado en:

Novas