Vive a Costa da Morte
Oito experiencias guiadas · 13, 14 e 15 de novembro
Experiencias na Costa da Morte
Tres días para descubrir o territorio
Do mar á mesa, do ceo estrelado ao patrimonio romano: oito experiencias para coñecer a Costa da Morte da man de quen a coñece ben. Elixe a túa, reserva praza e déixate levar.
Venres, 13 de novembro · 11:00 h
Visita á lonxa de Malpica: do mar á mesa
Visita guiada por Fran Varela, secretario da Confraría de Pescadores de Malpica, para coñecer o funcionamento dunha lonxa pesqueira. Durante o percorrido explicaranse as principais especies capturadas, os procesos de clasificación e etiquetaxe do peixe e o sistema de comercialización mediante poxa. Tamén se abordará a importancia da pesca artesanal para a economía local e a identidade mariñeira de Malpica.
Actividade pechada
Actividade pechada dirixida á Asociación Íntegro, que busca unha Costa da Morte para todos.
Venres, 13 de novembro · 19:00 h
Astroturismo na Costa da Morte: estrelas, mitoloxía e navegación
Actividade de astroturismo guiada por Virxinia Barros no Miradoiro do Alto da Vela, en Camariñas. Durante a visita identificaranse as principais constelacións e planetas visibles en novembro e coñeceranse as lendas mitolóxicas relacionadas co firmamento. Explicarase tamén a importancia das estrelas na navegación histórica da Costa da Morte. En caso de mal tempo ou ceo cuberto, a actividade trasladarase ao Faro Vilán, onde se desenvolverá mediante proxeccións.
- Horario: 19:00–20:00 h
- Punto de encontro: Miradoiro do Alto da Vela
- Lugar alternativo: Faro Vilán, en caso de mal tempo ou ceo cuberto
- Máximo: 30 persoas
Sábado, 14 de novembro · 11:00 h
Visita ao taller de Nacho Porto (Carnota)
Unha oportunidade para achegarse ao universo creativo de Nacho Porto e descubrir a súa obra na súa propia casa-museo, situada en Cornido, Carnota. Un espazo no que a cerámica e a artesanía dialogan coa paisaxe da Costa da Morte.
Durante a visita poderemos coñecer de preto o traballo do artista, as súas creacións e a súa particular forma de entender a arte, nun enclave privilexiado onde o Atlántico tamén forma parte da experiencia.
- Horario: 11:00–12:30 h
- Punto de encontro: Taller de Nacho Porto (ver no mapa)
- Máximo: 20 persoas
Sábado, 14 de novembro · 12:00 h
Visita guiada á antiga factoría baleeira de Caneliñas (Cee)
Acompañados pola guía turística Emma Gutiérrez, descubriremos a antiga factoría baleeira de Caneliñas, en Cee, nunha visita guiada para achegarnos a un pasado que deixou unha profunda pegada no municipio e en toda a Costa da Morte.
Un percorrido pola historia dunha actividade que marcou a vida de numerosas familias e que forma parte da memoria mariñeira do territorio. Unha oportunidade para coñecer mellor a relación histórica da Costa da Morte co mar, descubrir os vestixios dunha época e achegarse ás historias que aínda permanecen ligadas a este lugar.
- Horario: 12:00–13:30 h
- Punto de encontro: Praia de Caneliñas
- Máximo: 30 persoas
Sábado, 14 de novembro · 16:00 h
Patrimonio histórico e arqueolóxico de Brandomil (Zas)
Percorrido guiado por Tania Carreira para coñecer o patrimonio histórico e arqueolóxico de Brandomil, no concello de Zas. Durante a visita percorreranse o Camiño Real, a Ponte Vella, o Castro e os restos da domus romana da zona arqueolóxica de Pedra do Altar. Explicarase a importancia histórica de Brandomil e o valor dos vestixios conservados. Unha oportunidade para descubrir o pasado romano e as antigas vías de comunicación da Costa da Morte.
- Horario: 16:00–17:00 h
- Punto de encontro: Área recreativa de Brandomil, ao carón da ponte (ver no mapa)
- Máximo: 25 persoas
Domingo, 15 de novembro · 10:00 h
Ruta pola Senda do Xallas (Mazaricos)
Unha oportunidade para descubrir a riqueza natural do interior da Costa da Morte a través dunha ruta por Mazaricos. A Senda do Xallas convida a percorrer a contorna do río e gozar das paisaxes, da tranquilidade e da diversidade natural deste territorio.
Unha proposta perfecta para as persoas amantes do turismo activo e para quen queira coñecer a Costa da Morte desde outra perspectiva, en contacto directo coa natureza.
- Horario: 10:00–13:00 h
- Distancia: 8 km
- Dificultade: baixa, para todos os públicos
- Punto de saída: ver no mapa
- Punto de chegada: ver no mapa (haberá bus de volta ao punto de saída)
- Máximo: 30 persoas
Domingo, 15 de novembro · 12:00 h
Andaina botánica e degustación silvestre na Laracha
Na Laracha propoñemos unha mañá para mirar a paisaxe con outros ollos cunha andaina botánica e degustación silvestre da man de Sabores Espontáneos. Unha experiencia que combina paseo, observación da flora da contorna e unha aproximación gastronómica ao mundo vexetal silvestre.
Máis que unha andaina convencional, esta actividade convida a deterse, descubrir especies e recoñecer aromas, texturas e usos de plantas que adoitan pasar desapercibidas. Unha oportunidade para coñecer mellor a riqueza natural do territorio e descubrir novas formas de relacionarnos con ela a través da gastronomía.
- Horario: 12:00–14:00 h
- Punto de encontro: Área Recreativa de Gabenlle
- Lugar alternativo: Centro de Interpretación dos Muíños de Auga, en caso de mal tempo
- Máximo: 25 persoas
Domingo, 15 de novembro · 16:30 h
O oficio do percebeiro: visita ao cabo Roncudo (Ponteceso)
Visita guiada polo cabo Roncudo, en Corme, da man de Suso Lista, percebeiro e escritor. Durante o percorrido coñecerase o oficio do percebeiro, as técnicas tradicionais de extracción e os riscos que implica traballar nas rochas. A través das súas experiencias e anécdotas, descubrirase a relación entre o mar, a cultura mariñeira e a vida das xentes de Corme. Un achegamento directo a un dos oficios máis representativos da Costa da Morte.
- Horario: 16:30–18:00 h
- Punto de encontro: Cabo Roncudo, Corme (Ponteceso)
- Máximo: 25 persoas
Este programa de actividades está organizado pola CMAT – Costa da Morte Asociación Turística, a través da liña de subvencións DP0030/2026 da Deputación da Coruña, destinada a apoiar o desenvolvemento de iniciativas de promoción e dinamización turística no territorio.