X

O VII Encontro Internacional Starlight celebrado en Cee asenta á Costa da Morte como un destino de referencia para o turismo de estrelas

O VII Encontro Internacional Starlight celebrado en Cee asenta á Costa da Morte como un destino de referencia para o turismo de estrelas

Durante catro días se desenvolveron conferencias e actividades nas que diferentes expertos en materias como comunicación, xestión turística e astronomía compartiron as súas experiencias.

CEE, 04/10/2024. Durante os días 1, 2, 3 e 4 de outubro, a Costa da Morte converteuse na capital do astroturismo coa celebración do VII Encontro Internacional Starlight e II Conferencia Internacional Starlight de Astroturismo, organizada pola Fundación Starlight coa colaboración da CMAT.

Na tarde do martes, deuse a benvida ás persoas participantes neste importante Congreso no Náutico de Razo, en Carballo, onde houbo oportunidade para poñer en común os proxectos e experiencias dos diferentes profesionais.

II Conferencia Internacional Starlight: os valores do astroturismo e o desenvolvemento local

Durante a primeira xornada de conferencias en Cee, o presidente de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT), Manuel Muíño, tivo a oportunidade de participar xunto a Xosé Merelles, director de Turismo de Galicia; Xosé Regueira, vicepresidente da Deputación da Coruña; Margot Lamela, alcaldesa de Cee e Antonia Varela, presidenta da Fundación Starlight no acto inaugural.

Muíño realizou tamén durante a mañá unha ponencia sobre os retos e logros da Costa da Morte como destino starlight. Nesta intervención, Muíño destacou o traballo da CMAT na promoción do astroturismo na Costa da Morte: «Estamos intentando combinar o astroturismo co desenvolvemento do territorio. Queremos potenciar o turismo desestacionalizado de calidade e respectuoso co medio ambiente. Neste sentido, o astroturismo é unha gran oportunidade. Nos anos 2023 e 2024, levamos a cabo moitas actividades nesta dirección». Neste sentido a celebración do VII Encontro Internacional de Astroturismo na Costa da Morte é un novo hito neste camiño.

Na primeira mañá de conferencias, tamén interveu Antonia Varela, presidenta da Fundación Starlight, nunha ponencia sobre as claves do liderado en astroturismo, na cal falou sobre os desafíos presentes e futuros en materias como a innovación, a sostenibilidade ou a formación.

A tarde da primeira xornada estivo dedicada a conferencias sobre a relación entre o astroturismo e o desenvolvemento sostible local, coas intervencións de diferentes profesionais do astroturismo de lugares como La Palma, Ávila, Colombia ou Chile. Tralas conferencias, organizouse unha excursión ata o Faro Touriñán, en Muxía, para que as persoas participantes coñeceran o lugar da última posta de sol da Europa Continental.

Xornada sobre comunicación especializada en astroturismo

As conferencias do xoves 3 estiveron centradas na comunicación en astroturismo, onde destacou a charla de Sara Rodríguez, de Turismo de Estrellas, cunha intervención sobre a distinción do Selo Starlight e a marca persoal. Tamén houbo oportunidade para ponencias sobre a perspectiva de xénero no turismo, a sostenibilidade e o cambio climático ou a comercialización dixital do astroturismo.

A xornada verspertina, que comezou centrando a súa atención na importancia da protección do ceo nocturno, contou cunha ponencia de Susana Malón, de Lumínica Ambiental, na que destacou algunhas das boas prácticas que se están a desenvolver nos concellos da Costa da Morte para mellorar os problemas de contaminación luminosa. Este día concluíu coa cea de clausura das conferencias na Torre de Laxe e coa entrega dos V Premios Internacionales Starlight, onde o aloxamento da Casa a Pedreira, de Cuntis (Pontevedra), logrou o premio a Mellor Aloxamento Starlight.

V Meeting de Guías e Monitores Starlight

A mañá do venres 4 de outubro estivo dedicada ao V Meetieng de Guías e Monitores Starlight, un evento centrado nas oportunidades e os retos que esta formación ofrece. Tamén se falou sobre as diferentes claves para desestacionalizar o turismo a través do astroturismo.

Nesta xornada, os Monitores Starlight da Costa da Morte Antonio Pazos e Begoña Estévez participaron cunha breve presentación sobre a mitoloxía estelar en diferentes culturas.

A CMAT tamén participou nunha mesa redonda sobre os retos e desafíos do astroturismo, onde se compartiron impresións con outros profesionais como Bea Páez, Directora de Turismo La Palma; Mónica Solé, consellera de turismo de Andorra ou Antonia Varela, presidenta da Fundación Starlight.

O broche deste importante congreso foi posto a través dunha charla pública sobre a Costa da Morte como costa do sol poñente conducida polo catedrático de física aplicada da USC e embaixador da Costa da Morte, Jorge Mira.

Despois, e para concluír o día, as persoas participantes tiveron a oportunidade de visitar Fisterra, onde se levou a cabo unha observación do ceo nocturno.

A Costa da Morte, epicentro internacional do astroturismo

Este encontro organizado pola Fundación Starlight situou durante catro días o foco mundial do astroturismo na Costa da Morte. O astroturismo, tal e como destacaron numerosos profesionais durante estas xornadas, é un xeito sostible, viable, natural e innovador para desestacionalizar o turismo. E a Costa da Morte, coa CMAT como entidade que xestiona o turismo no xeodestino, leva anos traballando por este obxectivo.

Coa colaboración de institucións como a Deputación da Coruña e Turismo de Galicia, a CMAT está levando a cabo diversas accións para desenvolver o astroturismo na Costa da Morte que, desde o ano 2023, conta coa distinción de Destino Turístico Starlight (Selo Starlight).


Arquivado en:

Novas